Mayor Zaragoza: "Hai un silencio peor que o dos silenciados: o dos silenciosos"

Conferencia de Federico Mayor Zaragoza nunha ateigada sesión do Ateneo de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

"Por primeira vez na historia sabemos o que pasa, por primeira vez temos unha conciencia global. Antes nacíase, crecíase e morríase en 50 quilómetros cadrados. Esta conciencia global permitenos coñecer a situación e acabar coa idea de que non se pode facer nada". O discurso de Federico Mayor Zaragoza desprende optimismo nunha nacente "cidadanía mundial" ao abeiro das novas tecnoloxías e no marco da fin da hexemonía de Occidente. A súa presenza este luns nos Luns do Ateneo organizados polo Ateneo de Santiago deixou pequeno o espazo da Fundación Novacaixagalicia de Compostela.

"A historia da humanidade é a historia do silencio, é a historia do anonimato, é a historia dos seres humanos invisibles que pensaban que os cambios eran imposibles"

A conferencia sobre Conciencia global, cidadanía mundial, presentada por Manuel Dios presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, partiu da convicción de que as novas tecnoloxías están a propiciar "o desenvolvemento dunha conciencia global" e un coñecemento "da vida en tiempo real" que fai que vivamos en carne propia loitas e agresións que teñen lugar a milleiros que quilómetros, por exemplo en Turquía. "Fai falla máis ca nunca debater. Temos moita información e máis ca nunca necesitamos pasar da forza á palabra", dixo. "A historia da humanidade é a historia do silencio, é a historia do anonimato, é a historia dos seres humanos invisibles que pensaban que os cambios eran imposibles", explica o ex director xeral da Unesco, pero "agora a xente ten a capacidade de falar. Os cidadans decátanse de que non son só espectadores, e isto é imparable". 

Porén, alertou contra o conformismo e a pasividade: "hai un silencio peor que o dos silenciados, o silencio dos silenciosos: os que podendo e debendo falar e actuar non o fan" e citou a Albert Camus: "desprézoos porque podendo facer tanto fan tan pouco". Por iso animou "aos que poidan, que se atrevan", porque doutro xeito "obteremos o desprezo das xeracións que virán".

Animou a avanzar na unión política europea para que a UE funcione como unha democracia real, e a traballar "por unha gobernanza mundial", multilateral e "nun contexto de fin da hexemonía occidental"

Mayor Zaragoza tamén contrapuxo esta tendencia de cambio, nacida dende abaixo, co mantemento de estrutras antidemocráticas en España, en Europa e a nivel planetario, "que fan imposible a democracia económica, a democracia política e a democracia mundial". Por ese motivo animou a avanzar na unión política europea para que a UE funcione como unha democracia real, e a traballar "por unha gobernanza mundial", multilateral e "nun contexto de fin da hexemonía occidental". Concluíu que "a URSS caeu porque era un modelo baseado na igualdade que esquecera a liberdade. O modelo capitalista está baseado na liberdade pero esquece a igualdade. En vez de decatarse de que é imposible manter ese sistema empeñáronse nun intolerable dominio unilateral do mundo: os G6, os G8, os G20..., tanto ten. Marxinaron a ONU e debilitaron o estado-nación. Neste momento os cidadáns decátanse de que xa non son simples espectadores e todo cambiou".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.