Mayor Zaragoza: "Se non hai evolución, haberá revolución"

Federico Mayor Zaragoza e Manuel Dios, presidente do SGEP CC-BY M.P.P.

O ex director xeral da UNESCO Federico Mayor Zaragoza estivo na Coruña para manter contactos con grupos locais do Seminario Galego de Educación para a Paz e con representantes da Universidade e do Concello. Antes, tivo un encontro con xornalistas no que amosou o seu optimismo ante o futuro, a pesar da situación de crise: "Si que imos poder cos mercados" -afirmou- "son os últimos coletazos dun sistema que debería ter tomado outro camiño".

"O resultado foi tan catastrófico que estou seguro de que se van tomar medidas, vaise volver ao multilateralismo"

Mayor Zaragoza opina que o camiño que os poderes políticos e económicos tomaron dende os anos oitenta, "marxinando as Nacións Unidas, dándolle todo o poder a un pequeno grupo de globalizadores e asumindo o dogma de que a economía se rexe exclusivamente polas leis do mercado" significou unha abdicación "dos valores que deben dirixir os países democráticos: a xustiza, a liberdade, a igualdade e a solidariedade". Para Mayor Zaragoza, "o resultado foi tan catastrófico que estou seguro de que se van tomar medidas, vaise volver ao multilateralismo. Estes fenómenos de deslocalización e desregulamentación van durar pouco. Porque non esquezamos que América Latina se está emancipando e está emerxendo, África está espertando, India é un país fabuloso, está Rusia, está Turquía... O mundo non é só Occidente".

 

Os medios de comunicación

O ex director xeral da UNESCO denunciou así mesmo que "os medios de comunicación están en moi poucas mans, moitos xornais son a voz do seu amo". A este respecto, salientou que "a xente vai mandar, este vai ser o século da xente. En poucos anos as democracias serán democracias, pois a democracia debería significar que os cidadáns se expresan e que o poder pon en práctica esas decisións, pero hoxe a democracia está sendo que os cidadáns votan cada catro anos en base ás informacións, pouco verídicas, que proporcionan os medios de comunicación".

"A xente vai mandar, este vai ser o século da xente"

Baseou este optimismo nas novas ferramentas comunicativas: "agora temos unhas ferramentas, as tecnoloxías da información e da comunicación son un instrumento que cambiará o curso da historia. As redes sociais son formidables e tamén son formidables os xornalistas que escriben o que queren escribir. O que non entendo son os xornalistas que van a rodas de prensas nas que non se admiten preguntas".

 

A política de recortes

Mayor Zaragoza salientou que "só cunha política de recortes non imos saír da crise. Fálase sempre das cifras do déficit, pero nunca se fala de en que se utilizou ese déficits: escolas, hospitais... Se se gastou niso, bendito déficit, se se gastou en obras innecesarias, non. Non se pode recortar no I+D+i, nin os estímulos para a creación de emprego". Ademais, foi moi crítico coas medidas adoptadas na Unión Europea para enfrontar a crise: "non se chegou sequera a unha federación fiscal e hai unha insolidariedade tremenda. A Grecia dinlle: vostedes non crecen. Como van crecer, se cada tres meses os estamos apretando? E claro que houbo excesos, pero estes excesos de gasto beneficiaron un poder financeiro que agora dita as medidas de recorte", concluíu.

"Só cunha política de recortes non imos saír da crise"

A este respecto o ex diplomático destacou que "son partidario da evolución, porque hai moitas cousas que cambiar, pero tamén hai moitas que conservar, pero se non hai evolución, haberá revolución. Porque hai países, como Grecia, Portugal ou España, que non van aguantar sempre nesta situación e cos recortes que se están aprobando. Hai que pagar as débedas, por suposto, pero por que en tres anos?"

Apostou, así mesmo, por unha meirande conciencia medioambiental: "Non se pode pensar só no vinte por cento da humanidade. Non se poden ter máis automóbiles nin seguir explotando o 80% do planeta. Xa case non se fala do medio ambiente, no medio da crise. Agora só se fala de se sobe ou baixa a prima de risco. Que non nos veñan con máis PIBS, que nos falen doutros índices, por exemplo o índice de satisfacción social, o índice de comprensión lectora entre a mocidade, os índices medioambientais... E o resto das cousas son superfluas".

 

O 15M e o futuro

Pediu, igualmente, unha visión máis panorámica da realidade, citando a Nelson Mandela: "Ao erguernos cada día temos que pensar nas xeracións vindeiras. Non se pode abdicar de loitar polas xeracións que virán, aqueles que abandonan esa misión, están abdicando da súa condición de ser humano, é unha indignidade". Con todo, non reduciu esta cuestión a unha dicotomía xeracional: "hai mozos que se comportan como vellos e hai vellos que se comportan como mozos". 

"Os movementos sociais están facendo propostas moi interesantes e hai que emprestarlles atención"

Dixo compartir os obxectivos e a forma de actuar do movemento 15M: “A xente di, moi rapidamente, xa están protestando, e eu sempre digo xa están propoñendo. Estanse facendo propostas moi interesantes e hai que emprestarlles atención". A este respecto, recomendoulles aos grupos que traballan por acadar un sistema alternativo que centren o traballo e a presión en certos elementos, por exemplo a abolición dos paraísos fiscais: "temos que tomar medidas moi concretas, nas que a mobilización popular obrigue aos grandes poderes a cambiar”, para ir conseguindo paso a paso unha mudanza estrutural do sistema.

Federico Mayor Zaragoza e Manuel Dios, presidente do SGEP CC-BY M.P.P.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.