Media ducia de empresas emiten o 54% dos gases de invernadoiro galegos

Central térmica de Meirama CC-BY-SA Pilar Ponte

90 empresas orixinaron o 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono e  metano entre 1751 e 2010. 83 delas dedícanse ao negocio da extracción e a transformación de carbón, petróleo e gas natural.  Máis un dato que ilustra o estreito vencello entre a mudanza climática e o uso de combustíbeis fóseis. As sete empresas restantes son cementeiras. As que máis contribuíron ao quecemento global son as petroleiras Chevron (EEUU), Exxon Mobil (EEUU) e Aramco (Arabia Saudí). Entre as 90 maiores empresas enerxéticas e cementeiras figura tamén a transnacional española Repsol.

90 empresas orixinaron o 63% das emisións mundiais de dióxido de carbono e  metano entre 1751 e 2010. 83 delas dedícanse ao negocio da extracción e a transformación de carbón, petróleo e gas natural

A análise, realizada no Climate Accountability Institute e difundida polo xornal The Guardian, estima que a metade das emisións atribuídas ás 90 “major carbons”  producíronse nos últimos 25 anos. Isto é, nun tempo no que xa se dispoñía de base científica suficiente verbo da realidade, a orixe humana e a perigosidade do cambio climático.  

Por riba de todas salienta ENDESA, por causa da central de carbón importado das Pontes

Non se realizou ningunha estimación sobre as emisións históricas de gases de invernadoiro desde o noso país anteriores a 1990. Tampouco se estimou que parte desas emisións son atribuíbeis a empresas enerxéticas, cementeiras ou doutros sectores. Porén, e recorrendo a datos oficiais, si podemos coñecer a responsabilidade directa das grandes empresas na xeración de gases de invernadoiro na actualidade.

Unha análise, abranguendo os últimos cinco anos con información dispoñíbel, revela que o 54% dos gases de invernadoiro emitíronse desde as fábricas de tan só media ducia de empresas enerxéticas (ENDESA, Gas Natural Fenosa, Repsol), cementeiras (Cosmos) e químicas e de transformación de metais (Alcoa, Ferroatlántica). Estas compañías lanzaron á atmosfera 63 dos 118 millóns de toneladas gases de invernadoiro emitidas desde o noso país entre 2007 e 2011. Por riba de todas salienta ENDESA, por causa da central de carbón importado das Pontes. No caso das empresas, só se tiveron en conta as emisións de CO2, e non dos demais gases de invernadoiro, polo que a súa achega real é aínda un pouco maior. As emisións atribuídas a Repsol son as que efectúa desde a súa refinaría da Coruña. 

 

Gobernos secuestrados polo poder corporativo

O secuestro dos gobernos vai da man de permanentes campañas de lavado verde da súa imaxe destinadas á cidadanía. Algunhas  mesmo financiaron campañas seudocientíficas negadoras do cambio climático antropoxénico

O estudo do Climate Accountability Institute evidencia que a responsabilidade das maiores transnacionais enerxéticas e cementeiras na crise climática é enorme. E non só polas súas emisións pasadas e actuais. Tamén pola exitosa presión que exercen sobre os gobernos para boicotar, debilitar ou atrasar a adopción de medidas eficaces para combater a mudanza climática. O secuestro dos gobernos vai da man de permanentes campañas de lavado verde da súa imaxe destinadas á cidadanía. Algunhas mesmo financiaron campañas seudocientíficas negadoras do cambio climático antropoxénico.

Ademais, as empresas do top 90 posúen a maior parte das reservas de combustíbeis fóseis. Segundo a Axencia Internacional da Enerxía, se queremos evitar unha mudanza climática catastrófica, non se debería consumir máis dun terzo desas reservas antes de 2050.

O estudo divulgouse coincidindo coa conferencia anual das Nacións Unidas de cambio climático que vén de decorrer en Varsovia, saldada cun novo fracaso ante a falta de compromiso do conxunto dos países enriquecidos

O estudo divulgouse coincidindo coa conferencia anual das Nacións Unidas de cambio climático que vén de decorrer en Varsovia, saldada cun novo fracaso ante a falta de compromiso do conxunto dos países enriquecidos. Un novo fracaso no que moito teñen a ver, outravolta, as empresas con intereses contrarios á transición cara a unha economía baixa en carbono, empresas que tiveron unha destacada presenza na conferencia, da que algunhas mesmo foron patrocinadoras.

Simultaneamente ao cumio climático celebrouse o Cumio do Carbón e do Clima. Un intento do poderoso sector do carbón para lexitimar a enerxía máis nociva para o clima. Ao final, “o fume do carbón nublou a ambición climática”, como titulou a rede activista Climate Action Network o seu comunicado coa valoración final do cumio.

Le este post en Un Claro no Bosque

Emisións de gases de invernadoiro en Galicia (2007-2011) Dominio Público Un claro no bosque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.