Médicos Sen Fronteiras instalou un 'check-point' fronteirizo no Obelisco da Coruña

MSF desenvolve a súa actividade nos cinco continentes. Por exemplo en Palestina © MSF

Médicos Sen Fronteiras desenvolverá entre este 20 de setembro e o 8 de outubro un amplo conxunto de actividades baixo o titulo conxunto de A Coruña Sen Fronteiras. Haberá exposicións, proxección de documentais, un debate entres Manuel Rivas e José Antonio Bastos, presidente de MSF España (o dia 27), e unha gala solidaria no Teatro Colón (o dia 27). Os actos presentáronse este xoves na praza do Obelisco coa instalación dun 'check-point' fronteirizo. Manuel Rivas subiu a barreira de control para permitir simbólicamente a entrada a A Coruña Sen Fronteiras. O resto dos días nos que MSF permaneza na cidade, este “check-point” fará as veces de punto de información sobre todas as actividades previstas na cidade.

O obxetivo é dar a coñecer o traballo da organización médico-humanitaria con poboacións atrapadas polos conflitos e a violencia, ou afectadas por enfermidades esquecidas en todo o mundo.

Este “check-point” fará as veces de punto de información sobre todas as actividades previstas na cidade

Entre as actividades preparadas para animar á participación dos e das coruñesas, poderán visitarse dúas exposicións: 40 Anos de Acción Humanitaria Independente, que repasa a historia da organización médico-humanitaria así como os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas; e First Ladies, que rende homenaxe aos millóns de mulleres vítimas de conflitos e da violencia en todo o mundo, á súa extrema vulnerabilidade pero tamén á forza coa que aseguran a supervivencia das súas familias.

O xoves 27 a Auditorio da Fundación Pedro Barrié de La Maza acollerá un debate entre Manuel Rivas e José Antonio Bastos, presidente de MSF España. O venres 28 celebrarase tamén unha Gala Solidaria no Teatro Colón, a beneficio de Médicos Sen Fronteiras, na que participarán diferentes artistas coma Javier Gurruchaga, Yolanda Castaño, Xoel López, Susana Seivane, DOA, Silvia Penide, Extrema Urgencia e Avelino González.

Ademais a web www.msf.es/acoruña permitirá os e as coruñesas subir unha foto a un rueiro-mapamundi, co fin de mostrar o seu apoio e participación nos eventos de MSF, sumándose así á comunidade de “coruñeses sen fronteiras”.

MSF desenvolve a súa actividade nos cinco continentes. Por exemplo en Palestina © MSF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.