Medidas claras para o fortalecemento da Sanidade Pública

Manifestación de SOS Sanidade Pública © CIG

A Plataforma SOS Sanidade Pública saca a luz tamén o seu manifesto de cara aos vindeiros comicios autonómicos. Así, e “ante a próximo confrontación electoral”, o colectivo denuncia o “pensamento ultraliberal” que domina a estratexia sanitaria do PP na Xunta de Galicia, aquela que considera que “cadaquén debe acceder aos servizos sanitarios que poida custear” e que emprega a cirse económica como escusa para “realizar profundos recortes na sanidade pública”.

SOS Sanidade Pública denuncia "a descapitalización, privatización e desmantelamento do sistema sanitario público"

Así, SOS Sanidade Pública denuncia a “deterioración e descapitalización do sistema sanitario público, a privatización da estrutura do sistema e dos servizos que presta e o desmantelamento dos alicerces do sistema: universalidade, equidade e accesibilidade aos servizos”.

Ante esa situación, o colectivo pon enriba de mesa unha lista de propostas. A primeira delas, “incrementar o gasto sanitario para recuperar o nivel de 2009 e a elaboración dun Plan de Saúde que responda ás necesidades reais de todos os cidadáns e garanta a racionalidade e a equidade”.

O colectivo aposta pola "racionalización do gasto en lugar de recortar dereitos e prestacións"

Ademais, propón que se desenvolvan políticas para “racionalizar o gasto sanitario en lugar de recortar dereitos e prestacións”, así como  “recuperar o modelo de financiamento público para construír, reparar e xestionar todos os centros sanitarios. Ante isto, para SOS Sanidade Pública cómpre tamén “denunciar o incumprimento do contrato polas empresas concesionarias privadas para a construción do novo hospital de Vigo e devolvelo ao financiamento e xestión pública” e “pór  en marcha unha política incentivadora do persoal sanitario, consensuada cos traballadores e os seus representantes”.

No mesmo comunicado, solicita ao vindeiro Goberno que saia das urnas  “eliminar os contratos lixo, e suspender a política de redución de persoal e de non repor as prazas dos profesionais que se xubilen” e “recuperar os Programas da Muller, Saúde Mental, Drogodependencias e o de atención a persoas con Sida”.

Do mesmo xeito, aposta por “pechar Galaria reintegrando os seus recursos e funcións ao sistema sanitario público, e reintegrar a xestión pública do Sergas as fundacións de xestión privada”, así como “potenciar a Atención Primaria” e “empregar plenamente os recursos públicos existentes, ampliando o horario dos centros hospitalarios”.

Na lista de propostas inclúese tamén a recuperación da xestión pública dos servizos de apoio, dotar axeitadamente as áreas sanitarias e suspender a aplicación en Galicia do  Real Decreto 16/2012, “que actualmente implica a imposición do copagamento farmacéutico para os pensionistas”.

Pide tamén a suspensión do decreto que implica o copagamento ou da norma que limita a atención aos inmigrantes

Ademais, piden a suspensión da “aplicación en Galicia do, a limitación de determinadas prestacións e a supresión do dereito á asistencia dos inmigrantes”, favorecer a participación de cidadáns e traballadores sanitarios na  planificación, xestión e control da actividade dos servizos sanitarios, así como o incremento dos recursos para a atención a enfermos crónicas e o favorecmento da coordinación cos Servizos de Atención á Dependencia a nivel de cada Área. Crear unha Rede Sociosanitaria coordinada co Servizo Galego de Saude.

 

Manifestación da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos

Ademais, a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos anunciou este xoves a convocatoria de manifestacións para o vindeiro luns, a seis días da celebración das eleccións autonómicas, para denunciar as "políticas antisociais e regresivas que vén aplicando o PP, tanto para os servizos públicos, en xeral, como para a destrución de emprego público en particular".

As marchas sairán na Coruña da praza Pontevedra ás 19 horas, ao igual que en Santiago desde a Alameda; en Ferrol da praza de España; en Lugo do edificio administrativo da Xunta e en Ourense do pavillón dos Remedios tamén ás 19 horas. En Pontevedra a marcha sairía da praza da Ferrería ás 20 horas, ao igual que en Vigo, cuxa saída está previsa da Vía Norte.

Manifestación de SOS Sanidade Pública © CIG
A prol da sanidade pública CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.