Mesa e Prolingua responsabilizan o PP do descenso no uso do galego

Mónica Pazos e Marcos Maceira, na rolda de prensa da Mesa, este xoves © A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística e Prolingua valoraron este xoves os datos sobre uso do idioma publicados polo IGE a pasada semana. As dúas entidades responsabilizan o PP e a Xunta do descenso no número de falantes, sobre todo entre a mocidade.

Maceira reclamou o cesamento do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, "á vista das nefastas consecuencias das súas políticas"

Para Marcos Maceira, presidente da Mesa, “os datos do IGE confirman a meta á que nos levan as políticas do PP é a substitución do galego polo español. É hora de mudar radicalmente a política lingüística da Xunta e actuar decididamente para que o galego non esmoreza”. Maceira reclamou o cesamento do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, "á vista das nefastas consecuencias das súas políticas", así como "esquecer para sempre a politicaría irresponsábel e que comece dunha vez accións de política verdadeira orientadas a eliminar todas as barreiras que impiden facer vida normal en todos os ámbitos da nosa lingua, e a promovela tal e como é a súa obriga”.

"Contamos co plan xeral de normalización lingüística, unha planificación de mínimos, mais aprobada por unanimidade parlamentar. Non hai escusas. Aplíquea xa!", destacou Maceira, que engadiu que “se realmente o Presidente Feijoo buscase o equilibrio lingüístico bastaría con engadir as palabras e galego ás 500 disposicións legais que obrigan ao uso do castelán".

"Contamos co plan xeral de normalización lingüística, unha planificación de mínimos, mais aprobada por unanimidade parlamentar. Non hai escusas. Aplíquea xa!", destacou Maceira

A Mesa anunciou que lles proporá a todos os partidos e candidaturas que se presenten ás eleccións municipais que asinen un compromiso de aplicación da legalidade que ampara a promoción do galego e das medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega referidas ao ámbito municipal. Entre outras, a proposta inclúe que todos os cargos públicos, departamentos e organismos dependentes teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita; que a administración parta da oferta positiva do galego na atención oral e escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática; que as empresas subcontratadas polo concello garantan o respecto á oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e veciños, ou  impulsar a creación dun Servizo de Normalización Lingüística naqueles concellos onde aínda non exista.

Ademais, a Mesa anuncia que nas vindeiras semanas denunciará ante a UNESCO e a ONU "a vulneración de dereitos lingüísticos por parte da Xunta e do Goberno español", sinalando "o incumprimento escandaloso de acordos e tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas e a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos". “O mundo debe coñecer a situación que padecemos as persoas que lexitimamente queremos vivir en galego no noso propio país, para que tamén os gobernos español e galego tomen nota e rectifiquen a súa política de supremacismo lingüísitico, unha forma máis de racismo” engadiu a vicepresidenta da Mesa, Mónica Pazos.

 

Os efectos do Decreto de Plurilingüismo

Para Prolingua, este devalo da lingua "non é un fenómeno natural", senón "un fenómeno social que obedece a unhas causas moi claras, centradas na intervención activa dos gobernos presididos por Núñez Feijoo"

Prolingua sinalou que "para o futuro da lingua propia de Galicia é realmente dramático que actualmente só a cuarta parte dos rapaces e rapazas menores de 15 anos fale habitualmente galego e máis galego que castelán", engadindo que este devalo da lingua "non é un fenómeno natural", senón "un fenómeno social que obedece a unhas causas moi claras, centradas na intervención activa dos gobernos presididos por Núñez Feijoo". Prolingua acusa o Goberno galego de "deseñar as medidas axeitadas para que, a medio prazo e coa estratexia da gradualidade, a lingua galega desaparecese da vida social".

A entidade sinala sobre todo os efectos do Decreto de Plurilingüismo, "que trouxo o varrido do galego na Educación Infantil, sobre todo en ámbitos urbanos, a prohibición de empregar a lingua nas materias científicas ou a forte redución da súa presenza nas aulas"

A entidade sinala sobre todo os efectos do Decreto de Plurilingüismo, un decreto "que trouxo o varrido do galego na Educación Infantil, sobre todo en ámbitos urbanos, a prohibición de empregar a lingua nas materias científicas, a forte redución da súa presenza nas aulas e na vida dos centros, a ausencia consentida en ben centros de ensino concertado e privado, a revitalización dos prexuízos contra a lingua ou a eliminación da obriga de coñecemento do galego por parte do funcionariado". "A aplicación deste decreto é a causa principal que explica os datos facilitados polo IGE, particularmente a baixa porcentaxe do galego como lingua habitual nos rapaces e rapazas de 5 a 14 anos", engade.

"Se non queremos que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelá falante", denuncia Prolingua. A entidade conclúe demandándolles á Real Academia e ao Consello da Cultura "unha valoración pública do informe, porque os datos son dramáticos para o futuro do galego".

Mónica Pazos e Marcos Maceira, na rolda de prensa da Mesa, este xoves © A Mesa pola Normalización Lingüística

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.