Mestres e pais apoian as mobilizacións convocadas polo Sindicato de Estudantes

Rolda de prensa con representantes de FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes e CC OO-Ensino CC-BY-SA Praza Pública

As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público (CC OO-Ensino, FETE-UGT, CSI-F, Escola Viva, IESGA e CONFAPA) apoian a folga convocada polo Sindicato de Estudantes entre os martes 5 e o xoves 7. E tamén as manifestacións que se celebrarán o mércores ao mediodía e o xoves pola tarde e fan un chamamento a profesorado, estudantes, nais e pais para que apoien todas a accións que se levarán a cabo eses días en defensa do ensino público.

Nesta ocasión as asociacións de nais e pais non realizarán unha folga de asistencia dos seus fillos e fillas aos centros de ensino, pero apoiarán todas as accións de protesta que se realicen

Nesta ocasión as asociacións de nais e pais non realizarán unha folga de asistencia dos seus fillos e fillas aos centros de ensino, pero apoiarán todas as accións de protesta que se realicen. Todos os colectivos coincidiron en sinalar a importancia de que a sociedade no seu conxunto se conciencie da importancia de defender o ensino público fronte aos recortes do seu financiamento. E tamén concordaron en que vai ser unha loita longa, de meses, mentres se realiza a tramitación da reforma educativa impulsada polo ministro Wert.

Desde a Plataforma denúnciase que a reforma educativa do Goberno central implica "a segregación dos alumnos e alumnas con menos medios económicos; impón reválidas na escola primaria, secundaria e no bacharelato; ademais de facilitar a saída de moitos estudantes do sistema educativo en poucos anos, pechando o acceso ao ensino postobrigatorio a ducias de miles o que ademais contradi o acordo Europa 2020 para que o 80% do alumnado adquira unha titulación superior ao ensino obrigatorio".

Concordan en que vai ser unha loita longa, de meses, mentres se realiza a tramitación da reforma educativa impulsada polo ministro Wert

Denúnciase que no último ano, o ensino sufriu o maior recorte das últimas tres décadas, 5.000 millóns de euros dos aproximadamente 11.000 millóns (un punto do PIB estatal), cuxa eliminación está comprometida con Bruxelas antes de finalizar o ano 2015. Para as organizacións da Plataforma, isto
empeorará as condicións en que a xuventude estuda en escolas, institutos e universidades públicas. Afirman que os recortes xa implicaron o despedimento de milleiros de docentes, un incremento da masificación nas aulas que non ten precedentes en décadas e unha "escandalosa" falta de medios materiais, explicaron esta mañá representantes da Plataforma nunha conferencia de prensa. 

 

Calendario de mobilizacións

Mércores 6. 12.00. Manifestación: Compostela, Alameda. A Coruña, A Palloza. Vigo, Praza de América. Ferrol, Praza de España.

Xoves 7. 19.00. Manifestación: Compostela, Alameda. A Coruña, A Palloza. Ferrol, Praza de España. 20.00. Manifestación Vigo, Praza de América.

Rolda de prensa con representantes de FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes e CC OO-Ensino CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.