Miguel Quinteiro: "Menos mexar enriba de nós e poñernos unha capucha, fixéronnos de todo"

Miguel Quinteiro, arrastrado polos antidisturbios Dominio Público Praza Pública

Miguel Quinteiro, o activista vigués detido en Madrid nas protestas do 25S, xa está na rúa. Está en liberdade condicional e impútanselles varios delitos, incluido un de sedición. Denuncia o trato denigrante recibido na comisaria. Permanecerá en Madrid até a manifestación deste sábado pola tarde e volverá a Vigo no autobús que se despraza á capitoal do Estado para esta mobilización: "xa que non puiden usar o meu billete de volta o dia 25 úsoo agora", bromea. E conclúe: "Isto non é unha cuestión de heroes, senón unha cuestión de todos".

As protestas do 25S finalizaron con 35 detidos. Un dos detidos foi o galego Miguel Quinteiro, activista de Coop57 (entidade da que é socio promotor), Attac, ou a Plataforma polo aforro público, entre outros grupos. Quinteiro, de 72 anos de idade, foi detido cando se atopaba con outras persoas realizando unha sentada. Este venres 28 está convocada unha manifestación solidaria na Farola de Principe ás 20 horas.

"Engaden aos delitos que tiñamos un novo delito de sedición e este si que o ten que resolver a Audiencia Nacional e con condicións máis duras e por exemplo poden ternos retidos 500 dias. Polo que ao final sairon coa súa"

Como estás?

Estou ben, porque son duro (risas). Estou ben, pero o que estou é cabreado. Non sei se viches algún documental sobre o trato aos presos en Guantánamo, pero salvo mexar enriba de nós e poñernos unha capucha, fixeronnos de todo. Estar ás escuras, sen comunicación, sen onde mexar, sen onde cagar, sen auga, encerrados nunha habitación 30 persoas... Só podías estar de pé, algúns desmaiábanse pero éralles igual. Algo totalmente denigrante. Sacábanche da habitación e tiñas que ir coa cabeza gacha. Algo totalmente denigrante.

Que vos din os vosos avogados? Que vai pasar?

Son bastante pesimista. Nun comezo as cousas parecían ir ben, porque cando nós declaramos ante o xuíz, nunha declaración que se atrasou moitisimo porque estaban tratando de levarnos á Audiencia Nacional, a Audiencia Nacional rexeitou esa posiblidade porque os delitos que nos imputaban non eran delitos de terrorismo e o fiscal non se pronunciou. Pasaron horas e ao final chámannos para entregarnos o exhorto no que nos din que estamos en liberdade condicional. E engaden aos delitos que tiñamos un novo delito de sedición e este si que o ten que resolver a Audiencia Nacional e con condicións máis duras e por exemplo poden ternos retidos 500 dias. Polo que ao final sairon coa súa. A súa intención é apabullarnos. Fixérono todo o tempo: cando estabamos chegando aos xulgados oiamos a xente manifestándose fóra e nós respondiamos. Asi que eles o que facian era acelerar e frear para que nos axitáramos como unha coctelera nese espazo metálico. Esa manobra repetirona catro veces.

"A súa intención é apabullarnos"

Como foi a detención?

Eu estou sentado. E os antidisturbios están enfronte en plan robot. Nalgún momento mesmo estivera falando con algún deles para convencelos de que me deixasen pasar para entregar un escrito. E de feito é o que vou facer agora porque agora mesmo estou ao lado do Parlamento. Nun momento chegou o xefe e díxonos que tiñamos que marchar e eu marchei pero quedei en primeira fila. Como parecía que se estaban preparando para cargar decidimos sentar en círculos eu de costas a eles. Entón cargan, bótanse sobre min e empúrranme, dánme cos xeonllos nas costas. Comezan a arrastrarme, que é o que se ve no vídeo, retórcenme o brazo, jódenmoporque mesmo me piden que poña a man atrás para esposarme. Dinme que 'me lo estaba buscando' e iso é porque eu estivera falando con eles e dicíndolles que 'aquí todos somos cidadáns e vós tamén aínda que vós teñades un uniforme'.

 

Presentaches denuncia?

Presentei unha denuncia polo trato recibido no transporte e na propia comisaria. Parece que iso vai chegar á comisión antitortura da UE. E iso é positivo.

"Isto non é unha cuestión de heroes, senón unha cuestión de todos"

Como valoras o 25S alén do que persoalmente sufriches?

Creo que foi un éxito. Ademais creo que eles quedaron en evidencia porque afortunadamente habia centos de cámaras. Non me gustaria que se personalizase en min. A min esta personalización das cousas non me gusta ainda que por desgracia as cousas funcionen asi. O importante é o movemento. Isto non é unha cuestión de heroes, senón unha cuestión de todos. Todos debemos movernos, temos que tratar de que as cousas cambien, porque se non isto vai retroceder a marchas forzadas.

Miguel Quinteiro, arrastrado polos antidisturbios Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.