Milleiros de berros e unha soa voz contra os recortes de Rajoy

Multitude na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Golpe cidadán aos recortes de Rajoy. Milleiros de persoas, moitos miles, saíron na tarde deste xoves á rúa para protestar contra o novo paquete de axustes aprobado polo Consello de Ministros a pasada semana e convalidado esta mañá polo Congreso co único apoio do PP. Porque os populares están sós. Na Cámara e tamén na rúa, onde unha marea humana demostrou estar farta de que sexa o pobo quen pague as consecuencias dunha crise que está a levar por diante unha morea de dereitos sociais e laborais conseguidos hai xa anos.

E o pobo saíu á rúa xunto, sen fisuras. A unidade sindical acordada polas tres grandes centrais galegas -CCOO, UGT e CIG- contribuíu tamén á unidade da xente e de todo tipo de colectivos que se ven afectados por uns axustes que afogan a sociedade mentres afrouxan a banca ou deixan sen consecuencias os poderosos. Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen. Ese foi o lema elixido para as manifestacións unitarias en Galicia, que celebrou a súa marcha central na Coruña.

As rúas pediron a "dimisión" do Goberno e insistiron en reclamar unha "folga xeral"

Na Coruña, pero tamén en Vigo, en Ferrol, en Compostela... En todas as urbes e vilas galegas escoitáronse berros pedindo a "dimisión" do Goberno e a convocatoria dunha "folga xeral". "Mans arriba, isto é un atraco". Ese foi outra das consignas máis escoitadas por unhas rúas ateigadas como poucas veces se recorda. Ateigadas de mozos -moitos mozos- e xente de calquera tipo e condición rodeados de símbolos e bandeiras dos principais sindicatos, pero tamén de numerosos colectivos e outras centrais como USO ou CSIF.  "A culpa de quen é?", preguntábanse os milleiros de cidadáns. "Do Goberno do PP", contestaban os que, como no caso da capital herculina, detivéronse moitos minutos diante da sede do partido conservador para expresarlle o seu rexeitamento con toda clase de consignas. 

As cifras de participación en Galicia volveron superar as expectativas; os sindicatos falan de 350.000 manifestantes

Os primeiros cálculos falan xa de manifestacións históricas no país. Os sindicatos cifran a participación en Galicia nas 350.000 persoas, uns números nada estraños se se teñen en conta as panorámica das marchas. Unhas 40.000 persoas disque en Ferrol, unhas 70.000 na Coruña (50.000 segundo a Policía) ou unhas 110.000 en Vigo. O país volveu ser vangarda no seguimento das protestas, aínda que outros puntos do Estado demostraron tamén o rexeitamento ás políticas do PP, como en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia. 

Na protesta da Coruña, a onde asistiron os secretarios xerais de CCOO, UGT e CIG, tamén se puideron ver gran cantidade de líderes políticos galegos, como o candidato do BNG á Xunta, Francisco Jorquera, o secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, o ex ministro Caamaño ou a coordinadora xeral de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. Xuntos, aínda que non revoltos, nunha marcha que superou calquera expectativa. 

Unidade nos discursos dos líderes sindicais

Nas intervencións dos líderes sindicais, todos eles coincidiron en denunciar "a fraude" das medidas do Goberno ao que advertiron que a masiva mobilización na rúa é unha das "consecuencias". "A súa receita é a base de mentiras e desprezos aos traballadores, é un roubo ao pobo que fan con cinismo e desvergonza", asegurou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que insistiu en que "é mentira dicir que non hai alternativa" para a continuación enumerar algunhas. "Subir os impostos aos ricos, ás grandes empresas e aos banqueiros; perseguir a fraude fiscal; reducir gastos militares ou retirar as axudas á Igrexa e facerlle pagar impostos", dixo. "E que controlen os cartos dos cepillos da Catedral", engadiu en referencia ao roubo do Códice Calixtino, o mesmo que en Santiago inspiraba pancartas propoñendo a "Manolo, o electricista", como un presidente máis axeitado que Rajoy.

A CIG aposta claramente pola convocatoria dunha folga xeral "canto antes, se pode ser en setembro"

"Os empregados públicos non son os culpables da crise", engadiu Seixo, que criticou o desmantelamento dos servizos públicos que pretende o PP e apostou por "unha mobilización constante" de aquí en diante, pero tamén -e claramente- pola convocatoria dunha folga xeral. "E canto antes mellor, se pode ser, en setembro", berrou, acompañado polos cánticos que solicitaban ese paro. 

Non reclamaron a folga xeral os outros dous líderes sindicais, pero si foron igual de contundentes nas súas proclamas contra un Goberno de "crápulas". Xosé Manuel Sánchez Aguión, líder de CCOO-Galicia, culpou o Executivo do que virá: "Máis paro, máis recesión e miles de desempregados". "Rajoy, Feijóo e os seus cómplices, como a CEOE, aproveitan a crise para destruír os servizos públicos e desmantelar o Estado de Benestar", engadiu, tras criticar que o presidente da Xunta "escape do país viaxando a América como un senvergoña", nunha crítica na que coincidiron o resto de centrais. "Está agochado", censuraron.

Todos os sindicatos censuraron a Feijóo e criticaron que "escape" do país na situación actual

Do mesmo xeito, os líderes sindicais advertiron de que os recortes de Rajoy non responden a unha opción económica ou política, senón "ideolóxica" e insistiron e reclamar unha maior mobilización nos vindeiros meses. José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia, denunciou tamén a "maioría absoluta fraudulenta" do PP, ao que acusou de gobernar a base de "mentiras" e de "enganar" co seu programa electoral. "A culpa non é só dos socios da UE, senón da incompetencia dos nosos gobernantes, na Xunta e en Madrid", aclarou. 

A xente está farta. Familias, nenos, mozos, estudantes, funcionarios, obreiros, autónomos... Moitos miles contra as últimas medidas de axuste, que semellan unicamente a pinga que rebordou o vaso da paciencia cidadá. A diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses, o incremento do IVE, a supresión da paga extra de Nadal aos empregados públicos, a delimitación da prestación de servizos por parte dos concellos, a liberalización do sector servizos, a privatización do transporte ou a flexibilización dos horarios comerciais... Son só as últimas decisións dun Executivo que ve como segue medrando a prima de risco, o paro e a desesperanza dunha cidadanía que demostrou estar farta. Moi farta.

Advertiullo a oposición política a un PP que segue teimando nuns recortes que o mesmo presidente do Goberno asume que non terán efecto ningún a curto prazo. O desemprego apunta a unha suba espectacular tras o verán e os mercados non dan tregua. E a rúa, como levaba avisando desde hai tempo, estoupou contra o que considera "unha estafa". Fíxoo mesmo superando as expectativas das centrais sindicais convocantes, que en boa parte das marchas celebradas en Galicia non eran quen de estimar a afluencia de persoas. Mostra disto é, por exemplo, o cambio de emprazamento do remate da marcha de Santiago. O acto final fóra inicialmente concibido para unha praza de inferiores dimensións, pero a marea de xente trasladou a protesta a un ateigado Obradoiro.

Inicio da manifestación en Santiago CC-BY-SA Merixo
'Lembranza' a Rajoy e Feijóo CC-BY-SA Merixo
Multitude en Vigo © @mrs_jones

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.