Milleiros de estudantes reclaman na rúa a "derrogación total" da Lomce

Manifestación estudantil en Vigo © Erguer

Milleiros de estudantes galegos de Secundaria e da Universidade saíron este mércores á rúa nunha xornada de folga contra a Lomce e o Decreto 3+2. Cidades e vilas acolleron manifestacions e concentracións nunha xornada de paro convocado pola organización Erguer, Asemblea de Folga ou Sindicato de Estudantes. Todos eles reclamaron a "derrogación total" da polémica lei Wert

As organizacións estudantís cifran o seguimento do paro entre o 80 e o 90% e a Xunta redúceo a "minoritario"

Mentres o Sindicato de Estudantes cifra o seguimento do paro entre o 80 e o 90% e Erguer nun 90%, a Xunta reduce a folga a "minoritaria". Esta última organización, xurdida da confluencia dos Comités, Liga Estudantil e Agir, destaca o "gran baleirado das aulas en todos os centros de ensino" e a "enorme participación" do estudantado nas mobilizacións, que sitúa en arredor de 8.500 persoas en toda Galicia. 

A responsable nacional de Erguer, Iria Figueroa, considera que este gran seguimento “visibiliza o rexeitamento do estudantado galego e da comunidade educativa cara á lexislación española e os atentados da mesma contra o ensino público” e insistiu en que “isto debe de ser respostado o antes posíbel esixindo a Feijoó que desde Galiza se reclame a total derrogación da Lomce, sen paralizacións parciais”. 

Erguer pide que "desde Galiza se reclame a total derrogación da Lomce, sen paralizacións parciais”

Con importantes manifestacións nas principais cidades -este mércores o estudantado saía á rúa convocado por Asembleas de Folga e Erguer- léronse manifestos nos que se insistiu en criticar a lei Wert por "españolizadora, confesional, antipedagóxica, privatizadora, elitista e patriarcal" e por incidir "na falta de igualdade de oportunidades no ensino". Ademais, censuráronse as polémicas reválidas, o Decreto 3+2 e unha estratexia universitaria destinda a converter o ensino público "nun criadeiro para as empresas capitalistas". 

O conselleiro de Educación apela ao "consenso" pero cre que a Lomce debe ser a "referencia" sobre a que chegar a acordos

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, logo de participar nun acto en Compostela asegurou que a "sensación" da Administración é que "non hai un seguimentoo excsivo da folga" e apelou ao "consenso" para mellorar a Lomce. "É unha lei que está en vigor sobre a queu se pode falar e se pode fixar un consenso", dixo o titular do Goberno galego, que aposta por "tomar como referencia" a lei Wert. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.