"Milleiros de galgos crecen sen teren recibido un aloumiño"

Os galgos son adestrados deste xeito polos cazadores © Waggingtale Films

As cifras asustan. Cada ano máis de 50 mil galgos son abandonados en España, moitos deles de forma moi violenta ou despois de ter soportado durante anos unha moi duras condición de vida e adestramento. A clave está na caza. Estes animais son moi apreciados polos cazadores que se dedican ás lebres (uns 190 mil en todo o Estado), que os converten nunha ferramenta de traballo máis, que adquiren e da que se desfán coa mesma frialdade coa que cambian de coche ou de escopeta. Para denunciar esta situación hai uns meses a realizadora catalá Irene Blánquez presentou hai uns meses o documental Febrero, el miedo de los galgos, autofinanciado e sen distribución comercial pero que grazas ao boca-a-boca xa se converteu nun completo éxito, con máis de 70 proxeccións en toda España. Poderase ver este xoves na Coruña, a partir das 20.30 no Centro Ágora, con entrada de balde. 

O evento conta coa colaboración de GATOCAN Sociedade Protectora de Animais da Coruña, Asociación Animalista Libera e APADAN, Asociación Protectora de Animais, que participarán nun coloquio posterior. Será o primeiro pase na Coruña dun filme que contribuíu a colocar este tema, descoñecido para moitos até agora, na axenda dos medios e no debate público. A partir de marzo, o proxecto entrarará nunha segunda fase, na que o filme será proxectado en centros de ensino e no que tamén se ofrecerá a posibilidade de velo online a través de distintas plataformas.

"A recepción está sendo incrible e a xente estase volcando co tema. Parece que había ganas de que houbese un documental así, que falase dos galgos e que explicase o que sucede"

"Eu xa tiña a vontade de facer un documental, pero estaba á espera dun tema co que conectase o suficiente"-explica a directora- "Un día lendo un artigo nunha revista descubrín a situación dos galgos e o labor que fan en SOS Galgos. E chamei á directora desta asociación e díxenlle que quería facer este documental". Destaca que "a recepción está sendo incrible e a xente estase volcando co tema. Parece que había ganas de que houbese un documental así, que falase dos galgos e que explicase o que sucede. Xa superamos os 70 pases, grazas a moitos colectivos e persoas que pola súa conta foron buscando salas e espazos de proxección". "Creo que o importante é, máis que as persoas que o foron vendo nos distintos pases, que en cada localidade tamén fomos saíndo nos medios, polo que o documental e este problema foron coñecidos por moitas persoas", explica.

Estamos en febreiro, e iso son malas novas para os galgos. A tempada de caza remata en xaneiro e nese momento moitos cazadores toman a decisión de desfacerse dos animais que consideran que xa non lles serven, ben pola súa idade ou porque sufriron algunha ferida ou problema de saúde. No mellor dos casos son abandonados no monte ou entregados nalgún refuxio ou protectora (ás veces, simplemente, guindándoos por riba dos seus muros), no peor, os seus donos déixanos morrer de fame, envelénanos ou afórcanos nunha árbore. O filme analiza este abandono e todo o proceso, dende a cría sistematizada e forzada destes animais, ano tras ano, para producir a cantidade que cada tempada reclama o colectivo de cazadores, e tamén os duros adestramentos aos que se ven sometidos (marchas de vinte quilómetros diarios atados á parte traseira dun coche).

"Non tiven dificultade para gravar o colectivo galgueiro. Eu preguntáballes que facían cos galgos cando xa non lles servían e eles contestaban sen pelos na lingua"

A pesar da súa dureza, Irene Blánquez explica que "o documental busca manter a neutralidade e darlle voz a un e outro colectivo. Non tiven dificultade para gravar o colectivo galgueiro. Díxenlles que quería gravar un documental sobre os galgos e eles querían compartir a paixón que teñen pola caza, e por iso non houbo obstáculos. Eu preguntáballes que facían cos galgos cando xa non lles servían e eles contestaban sen pelos na lingua".

A actividade de entidades como Galgos de Galicia, Galgos sin Fronteras, SOS Galgos ou Galgo Leku, o mesmo que a de moitas protectoras de animais e refuxios é moi importante, e está recollida tamén no filme. Porén, como destaca Irene Blánquez, o seu labor "é só un parche" que non resolve o problema de raíz, a cría destes animais para a caza e o seu posterior abandono sistemático. A solución pasaría por "introducir máis controis, máis restricións ao seu uso na caza ou á súa cría". Ou pola prohibición da caza con can.

"O que eu quería amosar é que estes animais non son ferramentas de traballo, son compañeiros para toda a vida. Son cans cun carácter marabilloso, moi cariñosos, moi divertidos. Algúns vólvense desconfiados despois de todo o que pasaron, pero en canto reciben un pouco de cariño ábrense completamente. Milleiros de galgos non foron maltratados de forma cruel ou violenta, pero crecen sen teren recibido nunca un aloumiño", conclúe a directora do filme.

Galgos © epiyteounabuenadegalgos.blogspot.com
Os galgos son utilizados na caza, sobre todo, no sur de España e Portugal © Fernando J. Toucedo Urban
Os galgos son adestrados deste xeito polos cazadores © Waggingtale Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.