Milleiros de persoas maniféstanse en Galicia contra a troica e os recortes

Cabeceira da manifestación en Ferrol, na que participaron unhas catro mil persoas CC-BY-NC-SA Susete

55 cidades de toda España acolleron este sábado manifestacións convocadas polo Cumio Social do que forman parte CC.OO. e UGT, entre outras organizacións. En Galicia as marchas, baixo o lema, Emprega a túa forza: defendamos o público, defendamos as pensións, defendamos as persoas tiveron lugar na Coruña, onde se celebrou o acto central, Vigo, Ferrol, Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía. As manifestacións denunciaron "as política antisociais" dos gobernos do Partido Popular e da troica, os ataques aos servizos públicos, a reforma laboral ou a reforma das pensións. Algúns dos lemas que se escoitaron foron "Non á baixada das pensións", "Defendamos o público" e "Por un ensino público de calidade".

As marchas reuniron ao redor de seis mil persoas na Coruña, catro mil en Ferrol e Vigo, varios centos en cada unha das convocatorias de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía. O secretario xeral de CC.OO., Xosé Manuel Sánchez Aguión, sinalou na Coruña que “levamos dous anos de lexislatura e retrocedemos décadas nas condicións de vida e traballo”. Pola súa bana, o secretario xeral de UGT, lembrou que en termos globais mentres os traballadores galegos perderon 1.100 millóns de euros, por mor do incremento do paro e o descenso dos salarios, os empresario gañaron durante a crise máis de 750 millóns.

UGT e CCOO afirman que "malia os cantos de serea sobre a incipiente recuperación económica, a cidadanía non percibe indicio ningún de mellora senón, ao contrario, o estancamento da situación"

As mobilizacións formaron parte dunha convocatoria da Confederación Europea de Sindicatos (CES), que rexeita as medidas que se aplicaron ata agora para combater a crise, "xa que están a xerar máis paro, máis pobreza e máis desigualdade". UGT e CCOO afirman que "malia os cantos de serea sobre a incipiente recuperación económica e a pesar das proclamas de que as políticas de austeridade empezan a dar froitos, a cidadanía non percibe indicio ningún de mellora senón, ao contrario, o estancamento da situación".

Actualmente, lembraron os organizadores, máis de 270.000 galegos e galegas están no desemprego, e o mercado laboral estase volvendo máis precario, coa substitución de emprego indefinido por temporal: só en Galicia, caeu máis dun 6 % a contratación indefinida. Todo isto fai que os efectos máis prexudiciais da crise se intensifiquen entre a poboación máis desfavorecida, particularmente os case 90.000 fogares galegos con todos os activos no paro e os máis de 31.000 nos que non entra ningún ingreso.

Manifestación en Ferrol CC-BY-NC-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.