Miranda demándalle á UE que cumpra o mandato do Parlamento e prohíba o cianuro en minas

Mina a ceo aberto © SLG

O BNG vén de presentar unha iniciativa parlamentaria dirixida á Comisión Europea para que adopte as medidas necesarias de cara a modificar a actual lexislación e prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras. A eurodeputada Ana Miranda, salienta que con esta proposta está solicitando que se cumpra o mandato do Parlamento Europeo, que en maio de 2010 aprobou unha resolución, Resolución sobre prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea, pola que se pedía á Comisión propoñer a prohibición completa desta substancia "como única forma segura de protexer os recursos hídricos e os ecosistemas".

Miranda pregunta ao Executivo da UE cando lles vai esixir aos Estados membros o cumprimento desa resolución, "que debía estar executada en 2011" e, igualmente, "cando vai instar aos Gobernos que non presten ningún apoio, de forma directa ou indirecta, a proxectos mineiros que impliquen o uso de tecnoloxías a base de cianuro que poden ter consecuencias tráxicas para a saúde pública, para a conservación do territorio e para o medio ambiente".

Esta iniciativa asinada pola eurodeputada nacionalista súmase a pregunta formulada á Comisión pola propia Miranda co apoio dos eurodeputados gregos Nikolaus Chountis e Nikos Chrysogelos, na que se fai referencia aos casos de Galicia e Grecia, afectados por proxectos de megaminería con uso de cianuro, citando os exemplos concretos de Corcoesto e Chalkidiki respectivamente.

Esta iniciativa asinada pola eurodeputada nacionalista súmase a pregunta formulada á Comisión pola propia Miranda co apoio dos eurodeputados gregos Nikolaus Chountis e Nikos Chrysogelos, na que se fai referencia aos casos de Galicia e Grecia

Co obxectivo de informar e concienciar os membros da Eurocámara desta problemática, Miranda remitiulles un correo aos 754 membros do Parlamento Europeo, -incluíndo o enlace do vídeo promovido pola Sociedade Galega de Historia Natural-, solicitando o seu apoio para remitirlle unha carta ao comisario de Medio Ambiente, o esloveno Janez Potocnik, para que inste ao Goberno galego a non prestar apoio a proxectos de megaminería con cianuro como o previsto en Corcoesto.

Mina a ceo aberto © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.