Moción popular contra as touradas na Coruña

Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

A Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST) dan un paso máis na súa loita contra as corridas de touros na Coruña. O veto continuo a diferentes mocións no Concello -onde goberna o PP con maioría absoluta- e a falta de debate no consistorio levan a agrupación a promover unha moción popular. Así, abriuse xa un espazo na Rede no que pretende reunir 10.000 sinaturas que dean forza a  unha petición na que solicita ao consistorio que "suprima os festexos taurinos".

"Non podo entender como un concello non suprime os festexos e as súas axudas e dedica eses fondos a fins sociais", di a moción

"Non podo entender como un goberno municipal é capaz de non escoitar a xente, suprimir os festexos taurinos e as súas axudas públicas, e dedicar eses fondos a fins sociais", di o texto que será trasladado ao goberno municipal e que acompañará a cada unha das sinaturas. Galicia Mellor Sen Touradas lembra que o Concello gastou máis de medio millón de euros desde 2009 na organización de corridas desde 2009 e lembra que as touradas "resultan ser un fracaso económico e de asistencia". "En 2012 xeraron perdas por 135.000 euros en tres días", advirte. Na Coruña, pero tamén en todo o país.

Rubén Pérez, membro de Libera e voceiro de GMST espera contar co apoio dos grupos municipais do BNG e de EU para achegar a moción ao Concello e confía tamén en que "a forza das 10.000 sinaturas" facilite que a moción "sexa debatida no consistorio" logo dos continuos vetos do executivo local do PP nos últimos anos. Ademais, e malia contar coa posibilidade de presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a nivel local, lembra que esa opción "sería moi custosa" tanto en termos económicos como de capacidade, máis tendo en conta que a posibilidade de que saia adiante é pequena.

As organizacións antitaurinas confían en que a moción popular tamén "aumente o debate entre a cidadanía"

Aínda así, Pérez insiste na importancia de que "se dea e aumente o debate na cidadanía", que desde hai tempo amosa xa o seu rexeitamento ás touradas nunha cidade con escasa tradición taurina. O voceiro de GMST confía en conseguir as 10.000 sinaturas no vindeiro mes e levar a moción popular ao pleno do mes de xuño, ao tempo que agarda que o Concello dea resposta ás preguntas sobre a futura organización das touradas no verán. "Sabemos que xa están a falar coas empresas concesionarias, pero non din nada", lembra.

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira
Concentración antitaurina na Coruña CC-BY Ricardo Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.