A exposición Galegos en Mauthausen chega a Fene este xoves. A mostra, baseada no libro co mesmo nome, serve como homenaxe aos cidadáns galegos que pasaron polos campos nazis de exterminio, e céntrase nunha obra que serve tamén para "recuperar a dignidade" dos veciños das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal que acabaron sufrindo as barbaries dun réxime asasino.
A obra homenaxea os veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal que sufriron a cadea nos campos de exterminio nazi
Tanto esta exposición como o libro xorden dunha iniciativa posta en marcha polas asociacións ferrolás Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán. Enrique Barrera, historiador e autor da obra, pasou dous anos contactando cos parentes das 21 persoas destas comarcas do norte de Galicia que sufriron a cadea nos campos de exterminio. "Foi un traballo moi laborioso", lembra sobre unha investigación que comezou cunha lista elaborada por historiadores nas que se relataban os nomes dos 9.000 españois que pasaron por Mauthausen, Buchenwald ou calquera outro daqueles tétricos lugares. Perto de 200 deles procedían de Galicia e a maioría foron capturados cando loitaban co exército francés na Segunda Guerra Mundial.
A raíz das súas pescudas, Enrique Barrera foi descubrindo máis casos e descartando outros moitos para quedar cunha listaxe da que logrou información a través dos seus parentes, a maioría deles asentados fóra de Galicia logo do exilio sufrido polas súas familias tras a Guerra Civil española. "A inmensa maioría da xente foi moi aberta, contou todo o que sabía e alegrouse de que lembraramos os seus antepasados", di o historiador, que destaca "a filosofía de vida común" que unía a case todas estas persoas. "As súas familias transmitíranlles unha forma de vida positiva e centrada en non odiar nunca a ninguén", asegura. "Impresiona a serenidade (que non resignación) ante a traxedia e como os sobreviventes foron capaces de transmitir un código de valores e de xustiza onde estaba excluída a vinganza persoal”, engade.
"Non se pode falar de reabrir feridas cando nin tan sequera se pecharon", di Barrera
Houbo excepcións tamén. Como a de algún familiar "que non sabía nada da historia dos seus familiares" ou a de "dous casos" nos que as persoas contactadas "seguían negando a realidade". "Tiñan ideas franquistas e continuaban negando o que lle ocorrera a membros da súa propia familia, aínda que só foron excepcións", engade.
"A ditadura negoulles aos familiares o dereito a chorar os seus mortos e agora nunha democracia teñen que escoitar voces que cualifican de vinganza a recuperación da memoria histórica e a dignificación das súas vítimas”, quéixase Enrique Barrera, que di que "precisamente" o que hai que facer coa Historia é "removela para pechar as feridas". "Non se pode falar de reabrir feridas cando nin tan sequera se pecharon; para reabrir algo antes hai que cerralo de todo e para pechar estas feridas hai que dar dignidade, homenaxe e recoñecemento a esta xente", denuncia o historiador. "O outro é amnesia", insiste.
"Moitos que piden reivindicar as vítimas de ETA negan a dignidade das vítimas do franquismo e do nazismo"
Enrique Barrera fai unha comparación co caso das vítimas de ETA. "Hai asociacións, son homenaxeadas e están presentes; eu véxoo normal e é o que se debe facer, pero moitos dos que piden que se recorde estes asasinados son os que piden que se esqueza as vítimas do franquismo ou do nazismo; é unha diferenza puramente ideolóxica que fai xente que adoita estar moi relacionada coa ditadura", reflexiona.
E o esquecemento, como di Barrera, provoca tamén agravios que chegan de parte das administracións. Durante a súa investigación, descubriu como moitas familias de deportados nunca recibiran axuda ningunha por parte do Goberno alemán, como si recibiran outras vítimas. Ningún concello lles trasladara a información da embaixada alemá, polo que moitos deles lograron acceder ás indemnizacións logo das súas achegas para o libro.
O Goberno alemán e francés dan subvencións e indemnizacións a campos nazis. Hai familias que nunca chegarona recibir esas axudas porque os alcaldes non lles trasladaban a información da embaixada alemá. A raíz desta investigación, algúns deles puxéronse en contacto e cobraron axudas que estaban vixente.
Pero as vítimas do franquismo e do nazismo seguen esquecidas e sen dignidade en España. Mentres, sucédense homenaxes como esta mostra, que poderá visitarse na Casa da Cultura de Fene (Avda de Conces, 20-22) dende o xoves 10 de xaneiro ata o vindeiro 24 de xaneiro en horario de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 horas.
Este mesmo xoves, inaugurarase a exposición cunha conferencia do historiador Enrique Barrera a partir das 20 horas na Casa da Cultura.