Monforte sae á rúa en defensa do hospital comarcal

Na manifestación participaron milleiros de persoas Dominio Público Praza Pública

Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en Monforte convocados pola Plataforma En Defensa da Sanidade Pública en defensa do hospital comarcal de Monforte e en contra da centralización da xestión sanitaria de toda a provincia en Lugo. A mobilización contou co apoio de toda a sociedade civil da comarca, dende as asociacións de empresarios até os sindicatos e de todos os partidos políticos agás o PP. Mesmo chegaron autobuses dende Chantada e outros concellos.

Entre os veciños e profesionais existe o temor de que o traslado da xestión á capital leve a medio prazo a un recorte nos servizos que se prestan no hospital comarcal e citan exemplos semellantes do Hospital do Barco ou do Salnés, que viron reducido o seu persoal ao depender de áreas sanitarias meirandes.

Entre os veciños e profesionais existe o temor de que o traslado da xestión á capital leve a medio prazo a un recorte nos servizos que se prestan no hospital comarcal

O pleno da corporación monfortina, reunido este venres en sesión extraordinaria e urxente, mostrara o seu rexeitamento, cos votos a favor de BNG e PSOE, a que a área sanitaria do sur lucense e o seu hospital comarcal pase a depender dunha xerencia centralizada en Lugo, tal e como anunciou a Xunta de Galicia. Nesa votación o PP quedou só na defensa da xestión sanitaria provincial. A moción partía da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que acusaba o presidente da Xunta de incumprir o seu compromiso sobre a autonomía de xestión do hospital comarcal de Monforte. Os populares, pola súa banda, afirman que a xestión integrada no implica que Núñez Feijoo faltara á súa palabra pois “as tres áreas mantéñense, o que hai é unha fixación con Lugo”.

No pleno tomou a palabra a portavoz da plataforma en defensa da sanidade pública, Maribel García, que expuxo os temores de profesionais da sanidade e dos veciños e veciñas ante a posible perda de autonomía do hospital monfortino e do recorte de servizos.

A mobilización na comarca de Lemos repítese na outra área afectada pola centralización da xestión na capital provincial, A Mariña. Un manifesto recolleu xa máis de catro mil sinaturas contra a xestión integrada provincial. Os plans da Consellaría de Sanidade provocou a dimisión do xerente da área sanitaria que será substituido este luns por Francisco Antonio Soriano Paredes

Manifestación en Monforte en defensa do hospital comarcal © @photolopez
Milleiros de persoas participaron nunha manifestación sen bandeiras Dominio Público EQUO Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.