Mónica García Prieto, Premio José Couso de xornalismo

Lectura do fallo a cargo de Xosé Manuel Pereiro e Xoán Rubia © CPXG

A reporteira Mónica García Prieto foi proclamada este martes como a gañadora da IX Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. O fallo deuse a coñecer este martes na Galería Sargadelos de Ferrol. Como cada ano, a gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. O premio entregarase o vindeiro 9 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

O premio entregarase o vindeiro 9 de maio no Teatro Jofre de Ferrol

Na lectura da acta, o decano do CPXG quixo facer tamén unha mención especial ás outras tres candidaturas deste ano: Nikos Megrelis, xornalista grego, que dirixiu o documental Shooting vs Shooting sobre os xornalistas mortos en Iraq; Marcela Turati, xornalista mexicana da revista Proceso, que cubriu a guerra contra o narcotráfico; e finalmente, José Yoldi, quen denunciou o uso irregular de fondos do Consello Xeral do Poder Xudicial polo seu presidente, e que, malia a iso, foi un dos 129 xornalistas de El País que saíron do diario tralo ERE.

O acto finalizou cunha conexión por videoconferencia con Mónica García Prieto, que actualmente reside en Beirut, no Líbano. A xornalista agradeceu o premio e valorouno especialmente por ser concedido por un colectivo de compañeiros de profesión e non por un xurado. García Prieto, que colabora agora con dous medios creados polos propios xornalistas, Cuarto Poder e Periodismo Humano, quixo tamén reivindicar o labor dos xornalistas freelance: "Os grandes medios xa non cobren os conflitos coa xente do seu cadro de persoal porque din que non lles é rendíbel ou que non hai espazo, pero espazo hai e cubrímolo nós, os que cobramos unha miseria por facer o traballo".

"Os grandes medios xa non cobren os conflitos coa xente do seu cadro de persoal porque din que non lles é rendíbel ou que non hai espazo, pero espazo hai e cubrímolo nós, os que cobramos unha miseria por facer o traballo"

Reporteira de guerra, foi proposta en representación de todos os xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun gran medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra. Con só 19 anos Mónica García Prieto  cubriu a revolta zapatista de Chiapas (México), e desde 1995 traballou para o diario El Mundo conflitos como os de Chechenia, Irak, Afganistán, Macedonia, Gaza ou Líbano. En 2005 Prieto pediu un período sabático para centrarse en temas de Oriente Medio, converténdose en xornalista independente con sé en Xerusalén. En 2007 trasladouse a Beirut, onde vive desde entón, e dende onde cubriu amplamente os conflitos da zona, e de forma moi activa a primavera árabe.

Foi proposta en representación de todos os xornalistas que están cubrindo o conflito sirio, co mérito engadido de que o fai sen a cobertura dun gran medio e sendo unha das poucas mulleres do xornalismo de guerra

Con Mónica García Prieto xa son nove os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais da reporteira, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le Monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011) e o Consejo de Informativos da RTVE (2012).

Lectura do fallo a cargo de Xosé Manuel Pereiro e Xoán Rubia © CPXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.