Morre Ramón Muñiz, presidente da 'Irmandade Moncho Valcarce'

Ramón Muñiz de las Cuevas Dominio Público Praza Pública

Ramón Muñiz de las Cuevas faleceu este venres. Nacido en Ourense en 1942 e licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, traballou como sociólogo rural no Servizo de Extensión Agraria, exercendo durante o Goberno Tripartito da Xunta (1987-89) como xefe de servizo de planificación.

Foi membro da dirección nacional da UPG na época da clandestinidade, fundador dos CALL (Comités de Axuda á Loita Labrega) e promotor das Comisións Labregas e da ANPG na clandestinidade. Tamén foi un dos promotores e fundadores do BNG e membro da súa primeira Dirección Nacional como independente. Dende había anos era presidente da Irmandade Moncho Valcarce. Ademais, promoveu varias ONG, como a Asociación de Traballo Social Comunitario da que foi presidente e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, actuando como vicepresidente.

Escribía artigos en varios xornais, como A Peneira, Praza Pública ou Sermos Galiza. Podes ler aquí os 30 textos que publicou en Praza. O mes pasado publicou a súa derradeira achega, "Onde está a decencia", que concluía dicindo que "Mentres xente como 'Billy el niño' ande pola vida impasible o ademán lucindo as súas catro medallas gañadas por méritos propios, nos que destacan as torturas que fixo na ditadura, e non pase nada, España seguirá bostezando, como dicía Machado".

O pasado mes de febreiro participou na homenaxe que se lle rendeu na Coruña a Moncho Valcarce, coa inauguración dunha placa na casa na que naceu. Ramón Muñiz escribiu daquela: "Viviremos sempre se nos recordan, por iso Moncho vive, porque será lembrado sempre por aqueles que o coñeceron ou souberon del, da súa bondade humana, da súa firmeza de convicións tanto relixiosas como sociais e políticas, do seu carisma, da súa humildade raiana no sorprendente".

Ramón Muñiz, en primeiro termo, na inauguración da placa na casa natal de Moncho Valcarce

Le aquí todos os artigos de Ramón Muñiz en Praza

Ramón Muñiz de las Cuevas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.