MOV3 presenta o primeiro directorio de moda sostible de Galicia

Unha das xuntanzas da plataforma © MOV3

Algo comezou a moverse en xaneiro no téxtil galego. Naquel momento contituíuse a Plataforma Galega de Moda Sostible, MOV3, un colectivo de tendas, marcas, cooperativas, deseñadores e deseñadoras que compartían a preocupación por producir, vender e consumir roupa que estivese confeccionada con criterios de sostibilidade ambiental e social, primando a calidade e a produción de proximidade e rexeitando que o téxtil se convirta necesariamente nun elemento de explotación e agresión. 

A plataforma estaba impulsada por Amarante Setem e por María Almazán, que despois de traballar catro anos nunha multinacional téxtil, abandonáraa en desacordo co xeito en que producía as súas prendas en Asia, coa explotación á que eran sometidas as traballadoras e tamén o medio ambiente. Almazán optara por abrir a súa propia empresa para facer roupa de maneira responsable e ecolóxica e dende entón traballaba tamén concienciando produtores e a sociedade en xeral sobre a necesidade dunha nova cultura da roupa. A iniciativa conta co apoio da Xunta, que o financia a través do proxecto de Amarante Setem Vestir ConCienCias.

O traballo realizado nestes últimos meses ao redor da plataforma MOV3 ten moito que ver con iso. A través de xuntanzas e actividades formativas, nas que participaron ao redor de 30 tendas e deseñadoras e deseñadores galegos, buscouse incrementar o coñecemento recíproco entre todas as persoas interesadas e crear sinerxías, xerando proxectos colectivos, unificando necesidade e axudando a superar os obstáculos que xorden cando se quere elaborar roupa deste xeito. "Unha das patas de MOV3 é xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo con este tema e removan o ambiente, bo para crear sinerxías e bo para o consumidor que queira achegarse a esta proposta", destacaba María Almazán hai uns meses, en entrevista con Praza.

Este venres, a Casa das Campás de Pontevedra acollerá a presentación dos primeiros froitos de todo este traballo: o primeiro directorio online de moda sostible de Galicia, que permitirá que as persoas interesadas no consumo responsable de roupa accedan primeira man ás ofertas existentes na comunidade galega. O acto tamén incluirá unha performance a cargo do artista Ash Santos.

O traballo destes últimos meses "serviu para o encontro e o coñecemento mutuo de moitas persoas que estaban traballando no mesmo eido, e con criterios e intereses semellantes e que non se coñecían"

O traballo destes últimos meses, destaca Nanda Couñago, de Amarante Setem, "serviu para o encontro e o coñecemento mutuo de moitas persoas que estaban traballando no mesmo eido, e con criterios e intereses semellantes e que non se coñecían". Os e as participantes aprenderon onde atopar tecidos e materiais producidos de maneira sostible e con criterios de proximidade (en Galicia prodúcense todos eles, agás o algodón), e puideron organizarse para realizar encargos conxuntos, para así abaratar os prezos. Tamén souberon máis dos trámites necesarios para contar con certificacións que acrediten o carácter ecolóxico e responsable dos seus produtos.

Coa presentación da web de MOV3, este venres, comezará unha segunda fase deste proxecto, desta volta centrada nos consumidores e consumidoras finais. Búscase concienciar e sensibilizar toda a sociedade sobre a forma en que se produce a roupa, a trazabilidade da prendas, e amosarlles que hai alternativas, que é posible producir e mercar roupa doutro xeito. E ás persoas que xa teñen esta conciencia procúrase facilitarlles o proceso, presentarlles en conxunto e en liña a variada oferta de moda sostible existente en Galicia. "A web permitirá visibilizar os proxectos xa existentes, e que nazan e crezan outros novos, como por exemplo os varios proxectos colectivos que xurdiron dos obradoiros que tivemos estes meses", destaca Couñago, que engade que na medida en que se incremente a demanda deste tipo de produtos, tamén será máis doado que xordan novas marcas e tendas, e que se abaraten os seus prezos.

Outro dos aspectos nos que se quere facer fincapé é na loita contra a cultura da roupa-lixo, da roupa de usar e tirar, potenciando a compra de segunda man e a reciclaxe de prendas

Hai algunhas marcas con algo máis de experiencia, coma Racataplán ou A Cestola na Chachola, e outras -a maioría- que aínda están comezando, varias delas responsabilidade de estudantes das escolas galegas de moda e deseño. O mesmo pasa coas tendas: de produtos ecolóxicos, de reciclaxe e segunda man..., que pouco a pouco se van incorporando ao proxecto. Nos obradoiros incidiuse moito nas condicións laborais das traballadoras do téxtil en Asia ou Europa do Leste, pero tamén se contactou coas costureiras e produtoras textís galegas, que seguen realizando o seu traballo, ás veces con condicións económicas máis que mellorables. Outro dos aspectos nos que se quere facer fincapé é na loita contra a cultura da roupa-lixo, da roupa de usar e tirar, potenciando a compra de segunda man e a reciclaxe de prendas.

Unha das xuntanzas da plataforma © MOV3
Outra imaxe das xuntanzas da plataforma © MOV3
Imaxe dun dos obradoiros realizados © MOV3

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.