Mugardos: Máis potencias

Web do evento Dominio Público Mugardos 10 potencias

A Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva de San Xoán de Piñeiro (Mugardos) acolle este sábado a segunda edición do evento Mugardos: 10 potencias, no que dez persoas vencelladas á localidade amosarán os aspectos máis interesantes da súa especialidade (ben como profesión, ben como afección).

"O obxectivo deste evento é poñer en valor as potencias descoñecidas da sociedade mugardesa"

Cada unha das charlas disporá dun tempo limitado para as súas exposicións (6 minutos e 40 segundos) para sintetizar e salientar os aspectos máis interesantes da súa actividade ou proxecto. Do mesmo xeito, este ritmo áxil farao moi ameno para o público, xa que en pouco menos do que dura unha película coñecerán máis a fondo aspectos dos seus propios veciños e veciñas. "E é que o obxectivo deste evento é poñer en valor as potencias descoñecidas da sociedade mugardesa", destacan dende a organización.

O evento debutou o pasado ano cun grande éxito e unha moi boa acollida na vila. Como sinalaba César Pena, un dos organizadores, "o obxectivo é facer que vexan as capacidades ocultas da vila e, se cadra, facéndose a eles e elas mesmas a pregunta de que é o que saben facer ben achen que tamén teñen cousas interesantes que achegarlle ao conxunto". "Do simple feito de xuntar a toda esta xente e o público cremos que poden saír proxectos moi interesantes", dicía, subliñando "o mérito" destas persoas: "a iniciativa que tiveron para dalgún xeito, romper inercias, facer fronte ás adversidades, investir anos das súas vidas en proxectos persoais sen ningunha aspiración de recoñecemento". Pena tamén apuntaba que "a iniciativa perfectamente podería facerse expansiva porque todos os concellos agochan xente cun mérito insuficientemente recoñecido".

 

As potencias deste 2015

"Do simple feito de xuntar a toda esta xente e o público cremos que poden saír proxectos moi interesantes"

  • Marisa Bastida ("Había unha vez"): Tras unha vida dedicada ao ensino, explicarán como ofrece axuda social, impartindo clases e axuda gratuíta a adultos e pequenos.
  • Teresa Cameselle ("Publicación tradicional y libro electrónico"): unha visión sobre a evolución dos formatos de lectura da man dunha recoñecida escritora.
  • Iago Triana ("O mellor amigo do can"): achegarase ao mundo do adestramento canino que mesmo levou os seus cans a televisión en series como Serramoura.
  • Wisdom ("Metal á Mugardesa... ou á Feira"): grupo de hard rock con máis de 20 anos de historia e un referente do metal galego. 
  • Jose Luis Cuba ("Viaxe das corcheas ás hifas"): percorrido que repasa a historia dun músico profesional ata chegar a amante vocacional dos fungos do país.
  • David Payo ("El pulpo: un mar de ideas"): chef, organizador da ruta dos pinchos da vila, destaca pola súa cociña de autor e vai expresar como o polbo se converte en inspiración na cociña
  • Lidia Pena ("A peito descuberto"): vaise centrar en facer ver os obstáculos que, aínda a día de hoxe, teñen as nais para dar o peito os seus fillos en lugares públicos.
  • Alba Pérez ("O fútbol: nin fácil nin imposible"): o seu esforzo nun mundo de homes levouna a ser unha das raparigas elixidas para formar parte da selección galega de fútbol feminino.
  • Noemí Lorenzo ("400 segundos de creación"): vén transmitir o proceso creativo das súas obras de arte, métodos, inspiración  e significado. 
  • María Bouzas ("Actriz: transmisora de historias e emocións"): a coñecida actriz vén á súa vila natal a achegar os valores máis humanos da súa profesión.
Web do evento Dominio Público Mugardos 10 potencias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.