Multas e sancións masivas perseguen os movementos sociais en Galicia

Manifestación na Coruña © 15M Montealto

Máis dun milleiro de persoas participaron este xoves na Coruña nunha manifestación de repulsa contra as diferentes multas e ameazas de sanción que diversos cidadáns están a recibir nas últimas semanas por participar en mobilizacións contra os desafiuzamentos ou os recortes. Baixo o lema Múltannos a nós para asustarte a ti, centos de persoas, acompañadas de representantes políticos, de movementos sociais ou de colectivos de inmigrantes, percorreron o centro da cidade para rexeitar o que consideran unha clara estratexia levada a cabo polo delegado do Goberno, Samuel Juárez, de quen piden a súa dimisión.

É unha protesta máis polas multas masivas que están a recibir e que Stop Desafiuzamentos Coruña enmarca nunha campaña destinada a "criminalizar os movementos sociais", unha opinión que comparten tamén moitas das plataformas de afectados polas preferentes de Galicia que ven como, desde hai uns catro meses, un goteo constante de multas enche os buzóns dos estafados de multas e propostas de sancións, especialmente dalgún colectivo en particular e dalgún voceiro que leva tempo sendo sinalado desde os cargos políticos.

Un goteo constante de sancións chegadas da Subdelegación cébase con Stop Desafiuzamentos ou as plataformas de afectados polas preferentes

"O Concello da Coruña e a Subdelegación do Goberno están a amosar como, dende unhas institucións que se supoñen de todos, perséguense as protestas e criminalízanse as demandas da cidadanía ao tempo que non se dubida en seguir apoiando aos bancos e elistes político-financieiras que se están a beneficiar do actual drama social", denuncia Stop Desafiuzamentos Coruña, que sinala o delegado do Goberno como instigador das sancións acumuladas polos activistas.

En concreto, son xa 17 as persoas que na Coruña están baixo ameaza de sanción por teren participado en mobilizacións a favor do dereito á vivenda ou contra os recortes sociais do Goberno do PP. As catro últimas engádense ás 13 coñecidas ata o momento e todas elas acusadas por diferentes feitos supostamente acontecidos na paralización do desaloxo da anciá Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro, nunha concentración ante a sede do PP o 9 de abril ou nas diferentes mobilizacións polas expulsións derivadas do proxecto do parque Ofimático.

Os motivos das denuncias, chegadas da Subdelegación do Goberno, son comúns: dificultar a súa identificación -algo que Stop Desafiuzamentos cualifica de "totalmente falso" e que explica pola petición dos afectados aos axentes da Policía para que tamén se identificasen-, "instigar as masas a defender o dereito á vivenda" (como no caso de Aurelia Rey) ou "unha perversa interpretación do que supón a 'seguridade' cidadá".

"O que lle preocupa ao goberno do PP é que fagamos uso do noso dereito de manifestación e libre expresión"

"O que realmente preocupa aos nosos gobernantes non é que esteamos a vivir un retroceso en dereitos humanos e sociais sen precedentes dende o inicio da democracia, senón que o que verdadeiramente considera como 'problema' o goberno do PP no Concello e na Subdelegación é o feito de que fagamos uso do noso dereito á manifestación e libre expresión para denuncialo e pronunciarnos en contra", insiste o colectivo.

Estas sancións saltaron á luz pública cando o deputado do BNG, Francisco Jorquera, xunto co voceiro municipal do Bloque, Xosé Manuel Carril; o de EU, César Santiso e o bombeiro que se negou a colaborar no desaloxo de Aurelia Rey, se enteraron pola prensa das propostas de sancións, que poden chegar ata os 600 euros. Os oito multados presentaron alegacións conxuntas e o voceiro nacionalista lembrou que logo de autoinculparse xunto a outras persoas e tras a elaboración dun informe policial, o caso foi deixado en nada pola Xustiza. "Logo modificouse e recorreuse á vía gobernativa para nos sancionar; isto retrotáenos a épocas pasadas", denunciara.

Esa motivación política das sancións é o que critican os colectivos sociais da Coruña. Da mesma opinión son varias plataformas de afectados polas preferentes, que ven como nas últimas semanas reciben unha avalancha de multas que van desde infraccións de tráfico por non levar o cinto ou falar polo móbil, sancións por tocar a bucina ou por ocupar unha vía. Milleiros de euros, centrados especialmente nos voceiros e líderes das concentracións, unha decisión que os afectados atribúen a "unha estratexia de acoso e derribo do PP, de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, e da Subdelegación do Goberno".

Os preferentistas denuncian "o acoso e derribo" ao que son sometidos "por parte do PP, Louzán e a Subdelegación do Goberno"

Xulio Vicente, voceiro da plataforma do Baixo Miño e sinalado por Louzán desde o comezo das protestas, acumula milleiros de euros en sancións. "Unha de 750 euros por, en teoría, insultar un policía; outra por tirar un artefacto pirotécnico e outra máis por unha mobilización en Mondariz onde non estiven... Outra máis de 500 euros por unha manifestación e outra pendente de xuízo que pode chegar aos 2.000 euros", destaca. E non é capaz nin de levar a conta. "A moita xente lle meten sancións de 100 euros, pero a min e a outras persoas sempre nos chegan multas por importes máis altos", destaca, tras lembrar tamén as propostas de sancións a anciás con problemas de mobilidade ou as innumerables sancións de tráfico impostas pola Garda Civil, case sempre desde a mesma zona.

O voceiro da plataforma do Baixo Miño acumula milleiros de euros en multas por infraccións de tráfico, desacato ou uso de material pirotécnico

"Aquí só multan aos das camisetas laranxas", inisiste Xulio Vicente, en referencia á plataforma do Baixo Miño da que el é portavoz. "Como non saben como parar as protestas, agora queren irnos ao peto", engade tras relatar a situación doutro compañeiro, ao que lle veñen de chegar catro sancións diferentes e por diferentes motivos. "Isto non vai parar porque nós imos seguir reclamando o noso, pero a situación pode acabar mal porque a xente está moi indignada", remata.

Manifestación no Obelisco da Coruña © 15M Montealto
Xulio Vicente, voceiro dos afectados do Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.