Música "a ceo aberto" contra a mina de Corcoesto

Concerto de Zënzar © Pixelin Photos

Música contra a mina a ceo aberto. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños organiza este venres en Carballo un concerto solidario e gratuíto no que grupos como Zënzar, Quempallou ou N.O.M., ademais da cantautora Sés, actuarán de balde en protesta polo megaproxecto mineiro que afecta a toda a comarca, pero tamén en contra da política mineira que a Xunta propón para un país ameazada pola megaminería en varios puntos.

O 'Concerto a Ceo Aberto' comezará ás 21.30 horas en Carballo e será "eminentemente contestatario"

É Xosé Bocixa, componente de Zënzar, o coordinador deste Concerto a Ceo Aberto que comezara as 21.30  na explanada da estación vella de Carballo. Contará coa participación de grupos de diferentes tendencias do panorama musical galego, como a cantante de orixe carballés Sés, que contará cunha colaboración especial do O´Leo  e Arremecághona!!; Zënzar, o veterano grupo de Cerceda liderado por Bocixa, acompañados por Xenderal e Lydia Botana; a formación folk Quempallou e o grupo de rock N.O.M  (Nova Orde Mundial), unha nova formación que editou hai pouco unha canción expresamente composta para esta causa, tal e como destaca a plataforma.

Os artistas actuarán de balde e "cantarán a súa indignación"

"Todos eles actúan de balde e a organización pon a infraestrutura para que a súa indignación cante", di o colectivo contrario á mina, que destaca que o evente terá "un carácter eminentemente contestario" e que tamén contará coa presenza de Sechu Sende, que lerá un manifesto en defensa do territorio e das persoas ameazadas por este tipo de explotacións.

Ademais, xa o sábado 1 de Xuñoa partir das 11 da mañá e durante todo o día na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto haberá unha convocatoria artístico reivindicativa -Contra os proxectos de minería agresiva- promovida polos artistas Delio Sánchez de Factoría Delideas e os compoñentes do Colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez, en colaboración coa Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e co apoio da Federación Ecoloxista Galega (FEG).

Será unha xornada lúdica na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto, sobre o río Anllóns na que se poderá ver traballando a pintores, videoartistas, escultores ou fotógrafos. "Neste acto intervirán tamén artistas do mundo do espectáculo e irán sucedéndose as actuacións de músicos do país coas súas versións  máis acústicas; nunha xornada de convivencia, creatividade e compromiso", explica a plataforma. O público asistente poderá tamén participar nun taller de estampación e no pintado dunha lona colectiva coordenado polo Grupo Contraminate de Laxe.  Os organizadores recordan que "todas as persoas que queiran poden levar os seus pinceis, papeis e calquera outro aparello para realizar as súas creacións".

Ademais, escritores e artistas do país "e tamén chegados de ben lonxe" participarán na instalación de Un milladoiro para Corcoesto, na que se invocará o valor destas construcións antigas e tradicionais que servían e seguen a utilizarse en moitos lugares do mundo para afastar malos espíritos e demarcar territorios que concluirá cun recital das poesías escritas sobre as croias e intervidas polos asistentes e outras recibidas por correo e que formarán unha morea ao carón do camiño que vai á antiga boca da mina.

Xa por último, rematarase a xornada coa lectura do manifesta de Enarborar o Bosque en Corcoesto.

Zënzar, durante unha actuación © Zënzar
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.