Nace a Plataforma Galiza contra a Guerra

Pancarta contra a guerra no Consulado dos EUA © R. Saavedra

Organizacións sociais, culturais, sindicais, políticas, estudantís e cívicas do país presentaron na mañá deste sábado a Plataforma Galiza contra a Guerra, formada por un conxunto de colectivos que se opoñen á "agresión imperialista" contra Siria anunciada polos Estados Unidos e apoiada por varios países da UE e do G-20.

A Plataforma Galiza contra a Guerra, tal e como aclaran os seus voceiros, continúa "aberta" a novas incorporacións de entidades e organizacións que entendan a situación siria desde a mesma óptica. Ademais, o colectivo convida a participar a todo o pobo galego nas concentracións que se promoverán cada xoves, ás 20.30 horas, nas cidades e vilas galegas co fin de demostrar "o rexeitamento social a esta acción militar anunciada".

"EUA e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque", di o manifesto

No seu manifesto, a plataforma considera que os EUA e os seus aliados "están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas supostas armas de destrución masiva no Iraque". Ademais, cren que a prevista intervención trátase "doutra agresión imperialista que, alén diso, é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non ter autorización do Consello de Seguranza da ONU nin contar co visto e prace de ningún organismo internacional".

A plataforma "exixe" ao Estado español que "non participe nin dea cobertura" á intervención militar e lamenta que non se artellen mecanismos para chegar "a unha resolución negociada". Por iso, piden tamén a "retirada do territorio nacional das instalacións españolas e estadounidenses implicadas nas sucesivas agresións imperialistas" e denuncian que os gobernos "imperialistas" da ONU e da UE "dilapiden inxentes cantidades económicas nesta aventura militar" ao tempo que a sociedade asiste a "brutais recortes".

O manifesto da Plataforma Galiza contra a Guerra está asinado polas seguintes organizacións promotoras, á espera de novas incorporacións Adega, Agir, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Comités, Confederación Intersindical Galega, Coordenadora Continental Bolivariana- Capítulo Galiza, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Nós-Unidade Popular, Partido Comunista do Pobo Galego, e Xuventudes Comunistas.

Pancarta contra a guerra no Consulado dos EUA © R. Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.