Nace en Barreiros a 'Universidade Rural' co obxectivo de ser imitada noutras comarcas

Prensentación da Universidade Rural en Lugo © Deputación de Lugo

O 28 de outubro nacerá oficialmente a Universidade Rural de Barreiros, unha iniciativa do colectivo cultural Ollomao que busca recuperar o uso das antigas escolas rurais "para o mesmo fin para o cal foron construídas" e achegarlle á poboación rural un catalogo de contidos propio do ensino superior e que normamente só chega ás cidades. O proxecto, que conta co apoio da Deputación de Lugo, xorde con carácter de continuidade e pretende converterse "nunha idea a secundar por outros colectivos doutras poboacións do rural galego".

Trátase, segundo os seus responsables, dunha iniciativa "pensada para a capacitación persoal" e que permita facilidades no desenvolvemento da vida diaria. Non é, polo tanto, unha formación pensada para ser dirixida á capacitación profesional, aínda que se entende que pode contribuir ao seu complemento.

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga Outeiro, destacou que “os proxectos grandes soen ter a súa orixe en sitios pequenos e de colectivos pequenos”

Na presentación da iniciativa, que tivo lugar este luns en Lugo, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga Outeiro, destacou que “os proxectos grandes soen ter a súa orixe en sitios pequenos e de colectivos pequenos”. Pola súa banda, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, subliñou que “se cadra é o proxecto cultural e educativo máis importarte dos últimos tempos no rural lucense pola súa clara aposta de democratización da cultura" econcluíu que "ogallá isto que comeza de xeito ilusionante perdure e se estenda noutros lugares con semellantes posibilidades”.

O programa inicial da Universidade céntrase en cinco sementes ou áreas de coñecemento: Ciencias Sociais (Código Civil, Penal, Dereito dos Traballadores, Emprendemento laboral, Economía Doméstica, Productos financeiros, Lei electoral), Enxeñería do Medio Rural (agricultura ecolóxica, aproveitamento do solo, melloras para o gando, optimización dos recursos da horta, posibilidades do agro, comercio), Ciencias da Saúde (primeiros auxilios, xeriatría, psicoloxía e psiquiatría, consecuencias psíquicas-físicas para @ coidador@ da persoa dependente, beneficios do deporte, nutrición, vida sa), Comunicación e Opinión Pública (lectura crítica de xornais, cobertura de reportaxes, redacción, lingua galega, interpretación das estatísticas e datos oficiais), e Produción Artística e Publicidade (Artes modernas: músicas como o hip-hop, rap; graffitis, tatuaxes).

Non se esixirá requisito académico ningún para acceder aos cursos programados, pois de feito a iniciativa nace pola preocupación polo "deficiente" nivel de instrución en Galicia, onde "unicamente sete municipios superan o listón do 30% de poboación, con 15 ou máis anos de idade, cunha instrucción secundaria ou superior", segundo destacan os seus responsables. De feito, en Barreiros, concretamente ao redor do 56% da poboación non completou o ensino obrigatorio.

Búscase, iso si, "aproveitar as potencialidades das persoas veciñas de Barreiros, e doutras localidades do arredor, que acadaron un nivel de ensino superior ou universitario e dispoñen de capacidade académica suficiente para poder transmitir os seus coñecementos a aquelas persoas non formadas nos mesmos". E é que os profesores desta universidade rural serán veciños da comarca, aínda que nalgúns casos se contará tamén coa participación de profesores da USC. 

Os 13 edificios escolares existentes en Barreiros "reléganse a actos puntuais, cursos breves e reunións veciñais, ou á súa utilización como mesa electoral. Cómpre destacar tamén o abandono físico no cal se atopan boa parte delas"

O proxecto servirá tamén para a recuperación das antigas escolas unitarias. Barreiros conta con 13 edificios escolares repartidos entre as 8 parroquias que compoñen o concello (sen contabilizar os dous CEIP nos cales se imparte actualmente Primaria). Estas escolas foron construídas grazas á achega económica dos veciños emigrados. Porén, sinálase dende Ollomao, hoxendía estes edificios "conviven no rural barreirense con outros de tipo público como os Teleclubles ou centros sociais,sen acoller, polo xeral, ningún tipo de programación formativa ou cultural continuada que os dote de contido. A súa utilización relégase a actos puntuais, cursos breves e reunións veciñais, ou á súa utilización como mesa electoral. Cómpre destacar tamén o abandono físico no cal se atopan boa parte delas".

Todas as persoas que desexen asistir poderán inscribirse contactando co Colectivo Cultural Ollomao, no mail colectivo.cultural.ollomao@gmail.com ou no teléfono 650542932. As opcións de matriculación van dende asistir a unha única semente (15€ en total) até asistir ás cinco (50€ en total).

Logo da Universidade Rural de Barreiros © Colectivo Cultural Ollomao
Prensentación da Universidade Rural en Lugo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.