Nace 'Galicia Laica' poñendo o foco no ensino e no financiamento público da Igrexa

Unha imaxe das xornadas celebradas en Cangas hai dúas semanas © Galicia Laica

Dende o ano 2001 funciona Europa Laica, organización que traballa pola completa separación entre Estado e Igrexa, demandando que as institucións relixiosas perdan os privilexios dos que actualmente gozan no Estado Español. Vén de constituírse o grupo territorial galego da entidade, Galicia Laica, que comezou as súas actividades coa participación hai dúas semanas en Cangas nas xornadas “Estado. Igrexa. Escola”, organizadas polo IES Rodeira e que contaron co apoio do Concello.

A demanda de eliminar os contidos relixiosos nas aulas dos centros de ensino centrou as xornadas de Cangas

Europa Laica vén centrando a súa actividade, nomeadamente, na esixencia de que o Estado deixe de financiar a Igrexa con diñeiro público -directa ou indirectamente- e tamén na demanda de eliminar os contidos relixiosos das aulas dos centros de ensino, o tema que foi o protagonista das xornadas celebradas en Cangas do 11 ao 13 de abril. Juan Picó (Europa Laica) impartiu a conferencia "Laicismo, Relixión e Democracia", Francisco Delgado (tamén socio de Europa Laica) falou sobre "Relixión, Ética  e Liberdade de conciencia nos sistemas educativos europeos" e Ramón Davila (profesor de Historia) afondou en "Relixión e Ensino" na evolución da presenza dos contidos relixiosos nas aulas españolas nos últimos dous séculos.

Na xornadas denunciouse "a situación privilexiada da Igrexa Católica que, por mor dos acordos co Estado español, ademais dos ingresos a través do IRPF recibe financiamento de toda a cidadanía para salario e seguridade social dos bispos e sacerdotes, salario e seguros sociais de 25.000 catequistas de relixión nos centros de ensino público ou concertado católico e mantemento do patrimonio histórico artístico católico". Tamén se sinalou que "a través do ensino da relixión é transmitida unha ideoloxía patriarcal, sexista, homófoba e de exclusión". O evento pechouse coa presentación da iniciativa canguesa “Por un Pasamento Laico” unha proposta cívica e laica para facer a despedida á persoa finada.

 

Accións de Galicia Laica

Galicia Laica denuncia que os privilexios da Igrexa católica supoñen o pagamento de 12.000 millóns de euros anuais de diñeiro público

Nas últimas dúas décadas Europa Laica vén desenvolvendo un labor constante de vixilancia e denuncia ante os privilexios da Igrexa e as inxerencias da relixión en distintos ámbitos da sociedade. Na súa web  pódese consultar o seguimento realizado polo Observatorio do Laicismo. Tamén levou a cabo unha campaña por unha rede de municipios por un estado laico, outra esixindo a fin da exención do IBI á Igrexa, polo dereito á apostasía ou unha iniciativa pola devolución dos bens patrimoniais inscritos ilegalmente no rexistro pola Igrexa católica.

"Observamos simboloxía relixiosa nas dependencias estatais, asistimos á presenza oficial de autoridades civís a actos relixiosos, condecoracións policiais ou nomeamentos de alcaldesas perpetuas a vírxes e santas católicas..."

"A Igrexa católica está exenta do pago do IBI, ten unha casa específica (a única organización privada) na declaración da Renda beneficiándose dunha parte dos nosos impostos, pode inscribir no rexistro unha propiedade sen presentar acreditación da mesma, ten presenza en todos os centros de ensino públicos e concertados, entre outros privilexios que suman 12.000 millóns de euros anuais do estado para a Igrexa católica", denuncia Galicia Laica.

A entidade alerta igualmente de que "observamos simboloxía relixiosa nas dependencias estatais, asistimos á presenza oficial de autoridades civís a actos relixiosos, condecoracións policiais ou nomeamentos de alcaldesas perpetuas a vírxes e santas católicas, e un longo etcétera que revela como o Estado español privilexia unha crenza relixiosa determinada, faltando así á neutralidade á que se presupón que o obriga a Constitución".

 

Unha Galicia cada vez menos crente

Todas as estatísticas amosan un rápido descenso nas cifras de crentes e, sobre todo, de practicantes en Galicia nos últimos anos. Un deses indicador é o das vodas; hoxe só dúas de cada dez se realizan "pola igrexa", mentres que hai 15 anos esta porcentaxe era do 77%. A pesar desta importancia social cada vez menor da relixión, as polémicas pola participación de cargos públicos en actos relixiosos seguen reaparecendo cada certo tempo, sobre todo cando algunha institución decide acatar o carácter aconfesional do Estado e rexeitan acudir a eles, como sucedeu nos últimos anos cos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol.

 

Constitución do grupo territorial © Galicia Laica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.