Nace o Colectivo Feminista de Pontevedra, baixo o lema “unidas, diversas e combativas”

Presentación, este sábado © Colectivo Feminista Pontevedra

Este sábado quedou formalmente constituído o Colectivo Feminista de Pontevedra, unha plataforma que integra cinco asociacións feministas e máis dunha trintena de mulleres que, a título individual e procedentes de diversos lugares (Pontevedra, Lalín, Cuntis, Caldas de Reis, Marín, Friol, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Vilanova, Vilagarcía, Nigrán...) "impulsarán o feminismo como medio para transformar a nosa sociedade e acadar a igualdade real entre mulleres e homes".

O colectivo confórmase tras un ano de traballo na plataforma feminista de Pontevedra, "unha experiencia enriquecedora" -destacan- que deu paso á formación constituída esta mañá, que traballará co lema “unidas, diversas e combativas”.

As asociacións e particulares que toman parte nesta iniciativa achegan, dunha banda, a experiencia do feminismo de a pé de rúa e, doutra, unha visión teórica e profesional. O Colectivo Feminista de Pontevedra busca "artellar sistemas para conectar o feminismo e a sociedade pontevedresa co obxectivo de combater as violencias machistas". A entidade apostará por estratexias de traballo en equipo para promover a participación e a motivación.

Antes da súa constitución, o grupo do que nace o colectivo realizou diversas accións: promoveu actividades os días 25 de novembro e 8 de marzo, efectuou denuncias por casos de violencias machistas que tiveron como escenario a provincia de Pontevedra, presentou unha proposta feminista aos partidos políticos con motivo das eleccións ao Parlamento galego, convocou actos de denuncia pola morte de 8 mulleres asasinadas polo machismo criminal en 2015 e impulsou un encontro en Sanxenxo para debater sobre os obxectivos do feminismo e acadar consensos. 

 

Presentación, este sábado © Colectivo Feminista Pontevedra
Presentación, este sábado © Colectivo Feminista Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.