Nace un foro para o deseño de políticas alternativas de loita contra o lume

Xosé Santos (Amigos da Terra), Diego Sánchez (Sindicato Labrego Galego) e Xabier Gómez Santiso (Asociación Frouma) © Mesa de Traballo dos Lumes Forestais

A pasada semana cinco das entidades que forman o Consello Forestal de Galicia -Sindicato Labrego Galego, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega, Organización Galega de Comunidades de Montes e Asociación Forestal Frouma- decidiron non participar na xuntanza deste órgano a xeito de protesta, despois de que a Xunta non lles remitise a tempo o Plan Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). Esas mesmas cinco entidades veñen de botar a andar unha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais, un foro estable de diálogo e debate para afondar na problemática dos lumes forestais e traballar no deseño de políticas alternativas na prevención e loita contra os incendios.

O espazo, aínda en formación, está aberto á participación de todos os axentes do sector, de todas as entidades do Consello Forestal de Galicia "e outras sectoriais e da sociedade civil galega que o desexen", como por exemplo os bombeiros forestais, hoxe non incluídos no Consello. "Mesmo queremos que participe a Consellería, para entre todos poñer enriba da mesa as distintas sensibilidades, as visións das moitas áreas que inflúen na realidade do monte e na política de loita contra o lume", din.

"A maioría das entidades que estamos relacionados co monte temos moitas cousas en común e que debatendo podemos chegar a posturas comúns. O problema é que nos falta ese debate e fáltannos os espazos nos que telo"

O proceso de constitución deste foro foi presentado este xoves en Compostela por Diego Sánchez Agra (Sindicato Labrego Galego), Xosé Santos (Amigos da Terra) e Xabier Gómez Santiso (Asociación Frouma). Os tres comparecentes destacaron que aínda que o espazo "onde se debería traballar e debater todo isto é o Consello Forestal de Galicia", a Consellaría de Medio Rural "fai imposible a participación dos axentes sociais que formamos parte del". "Dende a creación do Consello Forestal, no ano 2004, estase pedindo a creación dunha mesa de traballo específica para planificar a loita contra o lume. Porén, dende aquela non se fixo caso desta petición", denunciaron. "Por experiencia sabemos que a maioría das entidades que estamos relacionados co monte temos moitas cousas en común e que debatendo podemos chegar a posturas comúns. O problema é que nos falta ese debate e fáltannos os espazos nos que telo", destaca Diego Sánchez Agra (SLG).

 

As eivas do Pladiga

Denuncian que o Pladiga inclúe "moitos gastos difíciles de xustificar"

Na rolda de prensa denunciouse que as entidades que veñen de botar este foro "temos detectado moitas eivas doadas de solucionar, pero non puidemos compartilas no Pladiga 2017". Destacan que dos 174 millóns de euros cos que está orzamentado o Pladiga 2017, a meirande está destinado a labores de extinción e case nada para prevención, e que o plan inclúe "moitos gastos difíciles de xustificar". Refírense, por exemplo, ao convenio establecido entre a Xunta e o Exército, no que "a pesar de que o Exército se mantén con cartos públicos, a Xunta orzamenta preto de 600.000 euros para financiar o seu apoio". "Moitos destes cartos van destinados a pagar as dietas dos efectivos: 77 € por día para soldados rasos, e 103 € para oficiais e suboficiais", indican, o que leva a que "un soldado pode cobrar só coas dietas de 10 días máis que o salario mensual do peón dunha brigada municipal contra incendios". "E iso sabendo que o soldado non está especializado na loita contra o lume e só realiza labores de vixilancia, non de extinción", engaden.

"A día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer o meirande dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos"

De igual xeito, sinalan que "a día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer o meirande dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos". "Os orzamentos teñen que executarse no seu debido tempo, porque a día de hoxe, a execución pública directa aínda non se fixo e as axudas que se dan ás comunidades de montes aínda se acaban de aprobar, polo tanto vaise executar todo na propia época de incendios", explica Diego Sánchez Agra. En canto ao persoal, destacan que se reduciu notablemente o número de axentes forestais, nalgúns distritos ata o 50% e que as brigadas teñen cada vez menos efectivos, habendo algunhas compostas só por unha ou dúas persoas, cando o mínimo de efectivos deberían ser cinco.

 

Unha nova política para o monte

"É posible rematar cos incendios forestais e é imprescindible o desenvolvemento sustentable dos nosos montes para garantir o futuro económico, ecolóxico e social do país"

As cinco entidades que polo de agora compoñen a Mesa salientan que "é posible rematar cos incendios forestais e é imprescindible o desenvolvemento sustentable dos nosos montes para garantir o futuro económico, ecolóxico e social do país". Aínda que as cuestións concretas de debate serán definidas máis adiante, unha vez se incorporen ao espazo máis actores e entidades, Diego Sánchez Agra sinala seis grandes áreas nas que é urxente traballar: política forestal, plans de defensa contra o lume, prevención, extinción, investigación das causas e restauración das zonas queimadas. 

"Ten que haber un cambio na política forestal, sobre todo na ordenación do territorio, dos usos, das especies. Ten que haber máis sensibilización e máis e mellores políticas de prevención", destaca, subliñando que "se o monte se pon en valor e hai unha verdadeira concienciación vai arder moito menos, co cal teríamos que destinar moito menos orzamento á extinción e á prevención clásica". "Na extinción debemos analizar que tipo de servizo público queremos, que medios debe haber, como deben estar regulados e coordinados os medios humanos, con que categorías profesionais", engade.

"Se o monte se pon en valor e hai unha verdadeira concienciación vai arder moito menos, co cal teríamos que destinar moito menos orzamento á extinción e á prevención clásica"

O representante do SLG alerta de que "se están forestando terras agrarias". "Isto témolo moi claro todos dende hai anos e puxémolo en coñecemento da administración que, ademais de non actuar de oficio, fixo caso omiso ás nosas denuncias". "Nós apostamos por unha ordenación: hai zonas que son aptas para estar arboradas, mesmo con determinadas especies moi criticadas, e hai outras que non son aptas para ser arboradas. Ademais, hai que gardar distancias de plantación e hai que respectar a lei", di. "E o que nos parece fundamental é respectar a estrutura da paisaxe que tivemos sempre en Galicia, unha estrutura de mosaico no que se intercalaban teselas de monte, de labradío, de núcleos habitados..., e iso conseguía que os lumes non se estendesen. Hoxe temos gran superficies de monocultivo", explica.

"Parécenos fundamental respectar a estrutura da paisaxe que tivemos sempre en Galicia, unha estrutura de mosaico no que se intercalaban teselas de monte e de labradío"

"Para nós o máis importante é que o monte ten que estar posto en valor, sexan cunha plantación forestal, sexa con aproveitamentos pastorais, gandeiros e agrícolas, sexa como sexa. Os montes que están postos en valor arden menos. Pero posto en valor non quere dicir arborado, porque pode estar arborado e abandonado", conclúe.

 

Xosé Santos (Amigos da Terra), Diego Sánchez (Sindicato Labrego Galego) e Xabier Gómez Santiso (Asociación Frouma) © Mesa de Traballo dos Lumes Forestais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.