Nace unha plataforma en defensa da emisión de Radio Exterior en onda curta

As emsións en onda curta é fundamental para moitas embarcacións que traballan en alta mar CC-BY-NC-ND Fabián Montojo

O pasado 19 de outubro Faro de Vigo desvelaba os plans do Goberno central de poñer fin á emisión en onda curta de Radio Exterior de España (REE), xustificada no custe deste servizo (1,2 millóns de euros anuais) e a que recepción de REE no exterior estaba garantida grazas á trnasmisión a través de Internet e vía satélite. Porén, dende o primeiro momento asociacións de armadores e mariñeiros criticaron unha medida que podería deixar milleiros de traballadores do mar, embarcados en altura, sen esta emisión, moi valorada por eles. E é que non todos os barcos pesqueiros, sobre todo os de menor tamaño, contan con esta tecnoloxía.

O director de Radio Exterior de España, Antonio Szigriszt, reiterou que o Goberno non daría marcha atrás na súa decisión, aínda que este mesmo martes o secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, deixaba a porta aberta a "buscar alternativas". Hermida anuncia que o Ministerio lle remitirá un informe á Secretaría de Estado de Comunicación e á dirección de RTVE.

Dende o primeiro momento asociacións de armadores e mariñeiros criticaron unha medida que podería deixar milleiros de traballadores do mar, embarcados en altura, sen esta emisión, moi valorada por eles

Vén de crearse a Plataforma en Defensa da Onda Corta de Radio Exterior de España, impulsada pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) e formada tamén pola Confederación Española de Pesca (Cepesca), Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU), Asociación Española de Radioescucha (AER), Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), e as federacións de servizos de UGT FeS-UGT e CCOO. O seu obxectivo é facer presión ante o Goberno. Destacan a importancia que este servizo ten para moitos colectivos no exterior (sobre todo mariñeiros e cooperantes) e lembran que BBC, Radio France Internationale, Deutsche Welle, China Radio Internacional ou Voice of America non só manteñen a súa emisión en onda curta, senón que mesmo a "reforzan".

O BNG presentou unha serie de iniciativas parlamentarias, tanto no Congreso dos Deputados coma na cámara galega, instando o Goberno a manter o servizo de onda curta de REE por “ser un servizo público de grande importancia para as frotas pesqueiras” e tamén “por constituír unha vía de comunicación para a emigración en xeral”.

"Ata que se produciu o seu actual silencio, Radio Exterior de España permitiulles sentir que, aínda estando lonxe das súas casas e da súa terra, se mantiña ese vínculo, ao facelos partícipes do día a día"

De igual xeito, a Cooperativa de Armadores de Vigo lembrou hai uns días a través dun comunicado de prensa a importancia desta emisión dadas as "especiais circunstancias de traballo que arrastran os esforzados tripulantes", sinalando que "ata que se produciu o seu actual silencio, Radio Exterior de España permitiulles sentir que, aínda estando lonxe das súas casas e da súa terra, se mantiña ese vínculo, ao facelos partícipes do día a día". A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) lembrou que, mesmo habendo alternativas técnicas para recibir a emisión (a transmisión vía satélite), en moitas ocasións a instalación desta tecnoloxía nos barcos acada un prezo "tan elevado" que impide que poida ser pagado polos responsables das embarcacións.

Algúns dos equipos empregados para a emisión e que agora pasan a estar inutilizados o van ser malvendidos, foron adquiridos hai apenas tres anos por 400 mil euros

Un informe de CC.OO. calcula a audiencia de REE en todo o mundo en entre 4 e 10 millóns de oíntes e asegura que o 80% segue as emisións a través daonda curta. UGT, pola súa banda, denuncia que algúns dos equipos empregados para a emisión e que agora pasan a estar inutilizados o van ser malvendidos, foron adquiridos hai apenas tres anos por 400 mil euros. Propón que, no caso se que sexa imprescindible reducir custes, Radio Nacional opte por fórmulas coma a escollida pola BBC, que pasou de emitir en 25 linguas a facelo en 15. Na actualidade REE emite en seis idiomas (inglés, francés, portugués, árabe, ruso e sefardí), ademais de en castelán.

As emsións en onda curta é fundamental para moitas embarcacións que traballan en alta mar CC-BY-NC-ND Fabián Montojo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.