Este luns deu comezo unha nova edición da Semana de Flosofía de Pontevedra, que nesta ocasión xira ao redor do concepto de Filosofía e fonteira. Polo Teatro Principal pasarán ata o venres pensadores e pensadoras como Boaventura de Sousa Santos, John Holloway, Ángeles Ramírez, Ángeles Díez ou Buchraya Hamudi Bayun, representante da Frente Polisaria en Alxeria, que ofrecerá a cerimonia de clausura.
A apertura, este luns pola mañá, correspondeu a Saskia Sassen, especialista en globalización, desigualdade e socioloxía urbana e profesora na Universidade de Columbia, nos Estados Unidos, que recibiu no ano 2013 o Premio Príncipe de Asturias. Entre as súas obras destaca La Ciudad Global e as máis recentes Inmigrantes y ciudadanos: de las migraciones masivas a la Europa fortaleza e Expulsiones. Brutalidad y complejidad en la economía global, que afondan nas temáticas sobre as que xira nesta ocasión o encontro organizado pola Aula Castelao de Filosofía.
A conferencia impartida por Sassen. "Formacións depredadoras vestidas con traxes de Wall Street e matemática algorítmica", serviu para explicar os mecanismos complexos (que botan man de elaboradas ferramentas tecnolóxicas e matemáticas) que están a ser utilizados nos procesos de apropiación económica, de terras e de vivenda e que teñen como resultado a expulsión de persoas e grupos dos lugares onde viven e traballan.
"Dende 1980 grandes compañías financeiras mercan grandes cantidades de vivendas, fan algunha reforma, elevan o seu prezo e expulsan a todas as persoas de rendas baixas"
Como son estes mecanismos dos que falaches da túa charla? Que efectos están provocando na voda das persoas?
Na actualidade hai moitos instrumentos a partir dos cales aqueles que teñen poder e diñeiro, os poderes financeiros, poden modificar as condicións de vida nunha cidade, por exemplo incrementando o prezo dos alugueiros para a xente modesta ou eliminando barrios pobres para poñer casas de luxo no seu lugar. Isto está pasando en todo o planeta e é algo moi grave. Dende 1980 nas sociedade occidentais comezan a darse cambios significativos nas cidades que en moitas ocasións son invisibles; grandes compañías financeiras mercan grandes cantidades de vivendas, fan algunha reforma, elevan o seu prezo e expulsan a todas as persoas de rendas baixas. O sistema financeiro funciona en base á matemática algorítmica, non ten nada de que ver coa economía tradicional e por iso ten unha flexibilidade enorme á hora de cambiar o significado de algo: un edificio xa non é un edificio, é un conxunto de valores. Cando a xente fala de que na actualidade hai un problema de xentrificación nalgúns barrios, eu respondo ogallá só fose iso. É algo moito máis grave e máis profundo
Este proceso dáse nas cidades coa vivenda e co solo, convertido nunha materia prima coa que especular, pero o proceso dáse en todos os ámbitos, por exemplo coa compra de terras nos países do sur, expulsando delas ás súas poboacións orixinais. O mecanismo é semellante?
Si, totalmente. Douche varios exemplos: países e grandes empresas estiveron mercando inmensas extensións de terra en América Latina, África e grandes zonas de Asia. Mercan terras para extraer delas toda a auga de poden, e cando rematan de extraer a auga, abandonan o lugar e o que quedan son terras mortas. Na India o Goberno tivo que expulsar a Coca-Cola, porque utilizara toda a auga subterránea dun dos seus Estados. Estas empresas e países tamén mercan millóns de hectáreas de terra para cultivo, expulsando os seus produtores orixinais. Hai unha procura desesperada de terras e de auga, parece un regreso a un tempo anterior, cando o home se desprazaba buscando alimento e fontes. E a consecuencia é que millóns de persoas son expulsadas dos seus lugares de orixe e rematan sendo refuxiadas.
"Hai unha procura desesperada de terras e de auga. A consecuencia é que millóns de persoas son expulsadas dos seus lugares de orixe e rematan sendo refuxiadas"
Nos países do primeiro mundo ponse o foco nos efectos (o incremento de fluxos de poboación que marcha dos seus países porque xa non ten condicións para unha vida digna) e non nas causas destes procesos?
Hai unha nova sistematicidade na acción dos grandes poderes financeiros. Son movementos moi invisibles pero que ao mesmo tempo son moi materiais. Cando teñen lugar todos estes procesos de acaparación de terras e de auga e de posterior expulsión de poboacións enteiras, o Produto Interior Bruto do país amosa un crecemento, porque iso está xerando unha riqueza, pero esa riqueza non vai para os produtores e ademais estas accións están matando as terras, que quedan inertes despois de varias décadas. E o peor é que cando os expulsados, convertidos xa en refuxiados, chegan a un país do norte, na fronteira dinlles: 'pero vostedes veñen dun país que está tendo crecemento económico, que fan aquí?'.
Nos países do sur global hai xa tempo que as loitas pola terra e polas producións locais adquiriron un papel protagonista. Podería facerse unha equivalencia nos espazos urbanos de Europa, por exemplo nas loitas pola vivenda, na defensa do comercio local e outras loitas nos barrios?
"Cando a cafetería de toda a vida é substituída por unha franquía dunha multinacional, os seus ingresos marchan do país ou cando menos marchan do barrio"
Exactamente, a loita é parecida. O pequeno comercio, nos barrios, favorece unha economía circular e localizada, que deixa riqueza no mesmo lugar. Cando a cafetería de toda a vida é substituída por unha franquía dunha multinacional, os seus ingresos marchan do país ou cando menos marchan do barrio. Son empresas que teñen dinámicas extractivas e derivan todo cara á súa central, o mesmo que as empresas mineiras. Barcelona comezou a poñer límites ás franquía na cidade e ese é o camiño.
Que aprendeu a nosa sociedade da crise económica que se iniciou hai 11 anos? Que aprenderon os poderes financeiros?
Creo que a sociedade algo aprendeu. Aprendeu os límites de certas modalidades económicas que parecen ser moi avanzadas e beneficiosas, pero non o son, como as franquía. O único que lles interesa é extraer a maior riqueza posible dese lugar, pero dálles igual a saúde do barrio. Por outra banda, as grandes compañías financeiras afianzaron este proceso de financiarización de elementos materiais, os assets, como edificios ou terras, que son transformados en simples valores, que poden ser valorados, divididos e vendidos. Xa non funcionan con activos derivados, iso é algo que nos deixan aos demais.