Nas rúas de Compostela polos dereitos das mulleres

Marcha polo Día Internacional da Muller en Compostela Dominio Público @XesusVazquez

Centos de persoas participaron este sábado na manifestación convocada en Compostela con motivo do 8 de marzo nunha marcha apoiada por 24 colectivos e entidades. "Nós, mulleres galegas en loita polos nosos dereitos". Ese foi o lema elixido, o mesmo que o do ano pasado, para amosar a pelexa continua pola igualdade nun percorrido que comezou na estación de tren da capital galega e que rematou na praza da Quintana.

A chuvia non puido coa manifestación que secundaron 24 colectivos e entidades

Malia a chuvia e o mal tempo, foron moitas as persoas que se mollaron pola igualdade nunha marcha na que se puideron escoitar cánticos reivindicativos, pero tamén contra a Conferencia Episcopal, á que acusaron de "machista e patriarcal", e o actual Goberno do PP, sobre todo tras unha parada ante a sede do Parlamento galego. "Menos biblias e máis diccionarios", berrouse.

Os manifestantes lembran que as mulleres son as que máis están a padecer os efectos da crise

A manifestación rematou coa lectura dun manifesto acordado por todos os colectivos que apoiaron a marcha e no que se fai fincapé en que as mulleres son as que máis están a padecer os efectos da crise, en parte polos recortes e a privatización de servizos públicos, o que acrecenta a desigualdade. Ademais, todas estas medidas de axuste provocan tamén unha maior precarización e discriminación salarial, o que empurra a muller a ficar recluída na casa, perpetuando así o seu rol de coidadora.

Do mesmo xeito, tamén se fai referencia ao enorme paso atrás que significa a modificación da Lei do aborto que nega o dereito ás mulleres de deicir sobre os seus corpos e as súas vidas. Ademais, denuncia a supresión de organismos encargados da igualdade, mentres se subvencionan, por exemplo, centros que segregan por sexo no ensino.

O manifesto pechouse cunha serie de reivindicacións entre as que se atopan as seguintes: Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar a violencia machista; sanidade pública, universal (incluíndo a todas as persoas, tamén ás persoas sen papeis) e de calidade, con atención especializada á saúde das mulleres; a negativa ao peche dos COF nin á demora da atención xinecolóxica; o mantemento, como mínimo, da actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva que inclúe o dereito das mulleres á interrupción do seu embarazo na sanidade pública; ensino público, coeducativo, non sexista, laico, de calidade e en galego; a paralización do proxecto da Lei Wert; dereito a unha vivenda digna. Paralización dos desafiuzamentos. Fomento do aluguer social; emprego de calidade e salarios dignos para todas as persoas, con igualdade salarial entre mulleres e homes; eliminación da temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres; prestacións sociais e pensións dignas e Renda Básica das Iguais, equiparación dos dereitos laborais das empregadas do fogar, das traballadoras do sexo e das traballadoras migrante; e a aplicación da Lei de Titularidade Compartida nas explotacións agrarias.

O manifesto e a marcha foi apoiada por Adiante, AMI, Andaina, Anova–IN, Area da Muller de Esquerda Unida, Asamblea Aberta de Compostela, Asemblea de Mulleres Aguilhoar, Asemblea de mulleres do Condado, Asemblea de Mulleres do STEG, BNG, Briga, Central Unitaria de Traballadoras, Feminismos Compostela, Fiadeiras Ceesg, Foro Galego de Inmigración, Fpg, Isca!, Marcha Mundial das Mulleres, Nós mesmas, NÓS-Unidade Popular, Observatorio Feminista de Saúde da Coruña, Rede Feminista Galega, Secretaría da Muller da CIG, e Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

Marcha polo Día Internacional da Muller en Compostela Dominio Público @XesusVazquez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.