NEG: "As maiorías absolutas non son patente de corso para esnaquizar un patrimonio de xeracións"

Pancartas no Correlingua, en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

Nova Escola Galega publica un novo número do seu boletín NEG-Opina, centrado nesta ocasión na lingua, coa reforma educativa de Wert e as sentenzas do TSXG como pano de fondo. NEG salienta que os datos ofrecidos pola a Consellería sobre a aplicación do decreto de plurilingüismo advirten dun uso minoritario do galego en todo o país, especialmente nas provincias atlánticas, e escaso no alumnado das sete cidades galegas.

Tamén lembra que desde o comezo da aplicación do Decreto, distintas organizacións, como a Mesa ou os sindicatos CIG-Ensino e STEG, presentaron datos relacionados cos seus efectos na etapa de Infantil, considerando que o galego estaba practicamente varrido das cidades e que para o conxunto do país "se estaban frustrando as expectativas de máis dun 40 % das familias ás que o resultado da consulta, agora declarada ilegal, lles coutou o dereito dos seus fillos e fillas a seren escolarizados na súa lingua materna".

É necesaria "unha viraxe urxente se é que a sociedade galega quere conservar –non como peza de museo ou motivo de parque temático– a lingua e cultura de seu, procurando a súa proxección a todos os ámbitos da vida social"

Estas consideracións, unidas á presión lexislativa e política dos gobernos do PP, levan o colectivo a advertir de que é necesaria "unha viraxe urxente se é que a sociedade galega quere conservar –non como peza de museo ou motivo de parque temático– a lingua e cultura de seu, procurando a súa proxección a todos os ámbitos da vida social". E sinala que esta encomenda lle atinxe "ao conxunto da sociedade" e especialmente ao Goberno galego, ao que lembra que "as maiorías absolutas non poden ser utilizadas como patente de corso para esnaquizar un patrimonio que o é de moitas xeracións". Nova Escola Galega pídelle a Xunta "unha profunda revisión da súa política lingüística, de xeito transversal" e demándalle que regrese ao consenso que o mesmo PP rachou. 

Nova Escola Galega pídelle a Xunta "unha profunda revisión da súa política lingüística, de xeito transversal" e demándalle que regrese ao consenso que o mesmo PP rachou

O texto sinala que é responsabilidade do profesorado "a superación dos moitos prexuízos nos que se sustenta a cuestión lingüística" e o alento de "novos e mellores usos para o galego no ensino que garantan a mellora das competencias lingüísticas". E conclúe que "neste labor se precisa a complicidade da cidadanía no seu conxunto, para que non sexa o ensino o único refuxio para a normalización lingüística, e tamén o chibo expiatorio se non se consegue".

Pancartas no Correlingua, en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.