Coincidindo co inicio da campaña electoral Nova Escola Galega vén de presentar un documento cunha serie de medidas, algunhas inmediatas e outras de longo percorrido, para combater os distintos problemas actuais da educación en Galicia. A entidade pedagóxica destaca que "estas eleccións teñen un significado especial polo momento político que vive o Estado español e que ten que ver coa renovación das estruturas políticas e mesmo co modo de entender a acción política". "Entraremos nunha lexislatura singular –tamén para Galicia– dado que as decisións que se tomen na próxima lexislatura probablemente terán transcendencia no tempo e un impacto social duradeiro máis aló do seu período de catro anos", engaden.
O documento lembra que a acción de goberno "debe contemplar diferentes tempos e prioridades", polo que realiza tres tipos de propostas cun alcance diferente: medidas urxentes "que deberían ser tomadas inmediatamente despois da formación de goberno no comezo de 2016, para evitar males maiores no sistema educativo e coidando que non provoquen unha nova situación de inseguridade e confusión na comunidade educativa a sumar á creada pola caótica posta en marcha da LOMCE"; propostas de política educativa "para establecer na educación un marco legal estable e co máximo consenso posible"; e, finalmente, unha reforma constitucional, que aseguren a consolidación dun novo modelo educativo estable, non dependente do cambio da cor política dos gobernos. Neste senso, co obxectivo de "contar con políticas educativas estables e sostibles", Nova Escola Galega apoia o Documento de bases para una nueva ley de educación. Acuerdo social y político educativo debatido no Encuentro social de debate por una nueva Ley Educativa celebrado o pasado mes de abril.
Medidas urxentes
- Derrogación do calendario de aplicación da LOMCE.
- Derrogación dos artigos da LOMCE que establecen as probas de fin de curso e de etapa (as reválidas),
- Derrogación dos artigos da LOMCE que establecen as dúas vías de 4º da ESO,
- Derrogación das disposicións que teñen que ver coa materia de relixión.
- Anulación de todas as medidas de recortes e restricións económicas relacionadas coa educación e que atinxen ás reducións do programa de bolsas, aos servizos de transporte e comedor e á conxelación das prazas.
Propostas de política educativa
- Derrogación da LOMCE e deseño dun novo marco legal construído de xeito participado.
- Redución progresiva dos concertos económicos cos centros privados.
- Reforzar e planificar a rede escolar no mundo rural.
- Redución das ratio, formación do profesorado e incorporación de novos profesionais.
- Revisar o deseño e posta en práctica dos chamados programas bilingües e multilingües, evitando que sexan usados para a selección do alumnado e que limiten o preciso coñecemento científico e a presenza das linguas propias no currículo.
- Promover unha mellor incardinación das ensinanzas artísticas no marco do sistema educativo.
- Propiciar a autonomía dos centros de ensino.
Propostas de garantía constitucional
- Garantía constitucional dun mínimo de gasto educativo nos Orzamentos xerais do Estado con relación ao PIB, en concordancia co que é práctica habitual nas sociedades democráticas avanzadas.
- Inclusión decidida das linguas distintas do español no sistema educativo.
- Establecemento dun marco de competencias claro e estable.
- Definición do Estado como laico.