Nicanor Acosta volve aos xulgados: "son un exemplo da represión contra os movementos sociais"

Nicanor Acosta, ás portas dos xulgados CC-BY-SA A. P. V.

Nicanor Acosta é un dos activistas máis coñecidos nos movementos sociais da Coruña. Este martes tivo que pasar a mañá, outra vez, nos xulgados do Contencioso a causa do recurso que presentou pola multa gobernativa de 120 euros que se lle impuxo por cortar o tráfico dunha rúa durante unha manifestación dos preferentistas en 2013.

Nicanor Acosta volve aos xulgados logo de que o absolveran dunha mula de 600 euros por outra mobilización

O pasado mes de outubro, a xustiza absolvera a Nicanor tras ser multado por intentar parar o desaloxo de Aurelia Rey. A Subdelegación do Goberno sancionárao con 600 euros logo de participar na mobilización para deter o desafiuzamento da anciá tamén en 2013. Desta vez, foi a Delegación quen lle impuxo a multa, que non será a última que tivo nin terá que recorrer. 

O recoñecido activista de 76 anos chegou ás portas do Xulgado contra as dez e vinte da mañá. Alí, arredor de 50 persoas de diferentes colectivos sociais da cidade concentráronse para darlle o seu apoio e protestar polo actos represivos que están a sufrir. Sería entón cando Nicanor sacou o seu célebre megáfono para dedicarlle unhas palabras de agradecemento aos alí presentes e amosar a súa disconformidade co sistema.

"O meu non ten ningunha importancia, o realmente importante é a represión sobre os parados, sobre as mulleres...", di Acosta

Durante o curto discurso de algo máis de tres minutos, Acosta non perdeu a oportunidade para facer referencia ao Día da Muller Traballadora e máis para apoiar a loita feminista. Sobre o xuízo, declarou que el é, "unicamente, un exemplo da represión existente contra os movementos sociais" e que o que lle está a acontecer "non ten ningunha importancia, que o realmente importante é a represión sobre os parados, sobre as mulleres...". Unha vez rematado, entraría no Xulgado ás dez e media co berro de apoio de "Todas somos Nico".

Dúas horas despois, cara as12.30 horas, saíu entre aplausos dos Xulgados. Nese intre, e acompañado dos seus achegados, asegurou que todo o que acontecera dentro fora "puro teatro". Nicanor terá que volver a pasar por alí no mes de abril, tras o aprazamento doutro dos xuízos que ten pendentes e que debía ter acontecido onte.

Nicanor Acosta, ás portas dos xulgados CC-BY-SA A. P. V.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.