Nin a Xunta nin a Delegación do Goberno actúan contra o aeródromo ilegal de Caldas

A carón da pista foi construído un viaduto para o AVE © Quinteiro

Pode estar un aeródromo a unhas decenas de metros dun viaduto polo que pasan trens de alta velocidade? Como é posible que a administración non actúe habendo mesmo informes de Adif que alertan da perigosidade desta circunstancia? Como é posible, cando ademais o aeródromo non só non conta con permiso da Axencia Nacional de Seguridade Aérea (AESA), senón que este organismo -dependente do Ministerio de Fomento- lle abriu un expediente sancionador por ter acollido voos privados sen esta imprescindible licencia? Son algunhas das preguntas que seguen repetindo os colectivos contrarios ao aeródromo privado de Godos, en Caldas de Reis, que nas últimas semanas intensificaron os esforzos para que ou ben a Xunta de Galicia ou ben a Delegación do Goberno adopten unha decisión.

Hai unhas semanas AGE presentou no Parlamento unha iniciativa na que lle pedía a Xunta "repoñer a legalidade urbanística na zona" precintando o aeródromo e "instando os promotores a trasladar as instalacións do aeródromo a outra zona do Salnés que cumpra coas medidas de seguridade ambiental e tráfico aéreo necesarias". A fronte de esquerdas, a través do seu deputado Juan Fajardo, lembroulle ao Goberno galego os devanditos informes desfavorables, tanto de AESA coma de ADIF, sobre todo este último que, enviado á Xunta, "sinala a incompatibilidade da instalación deste aeródromo coa seguridade da liña ferroviaria do eixo atlántico de alta velocidade na zona", unha "apreciación", salientaba o deputado, "que o goberno galego está a obviar pese a gravidade da mesma".

Fajardo tamén pediu información sobre o uso dos medios propios da Deputación de Pontevedra pagados con cartos públicos no asfaltado da pista deste aeródromo privado

Fajardo demandaba así mesmo que “o goberno galego debería dar explicacións sobre os intereses que agocha este aeródromo privado e ilegal para o Partido Popular e que xustificarían que se estea a poñer en risco a vida de milleiros de persoas en beneficio duns poucos”, ao tempo que lembrou a participación e presenza do presidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e concelleiros do PP no municipio na inauguración dunhas obras realizadas no aeródromo ilegal. Fajardo tamén pediu información sobre o uso dos medios propios da Deputación de Pontevedra pagados con cartos públicos no asfaltado da pista deste aeródromo privado. 

Este venres Juan Fajardo mantivo unha xuntanza na Delegación do Goberno en Galicia, onde repetiu a súa demanda de que o aeródromo sexa pechado definitivamente e trasladado a outra localización da comarca: “segundo a lei de seguridade ferroviaria, a Delegación do Goberno posúe todas as competencias sobre a seguridade dos camiños de ferro do país. E esta non está garantida, como ben explica Adif nun informe”. “Estamos a tempo de evitar unha traxedia e de cumprir coa advertencias do informe de Adif”, sinalou, ao tempo que criticou a PPdeG e PSdeG, aos que acusou de "escorrer o vulto nun tema no que o se está a poñer enriba da mesa é a seguridade das persoas”. 

“Segundo a lei de seguridade ferroviaria, a Delegación do Goberno posúe todas as competencias sobre a seguridade dos camiños de ferro do país. E esta non está garantida, como ben explica Adif nun informe”

Estas e outras denuncias paralizaron nos últimos meses as obras previstas no aeródromo, que contaban cunha licencia municipal que caducou o pasado 11 de novembro, sen que o Concello de Caldas accedese a renovala. Porén, aínda o 15 de novembro, PSdeG-PSOE e PP aprobaran cos seus votos unha moción de apoio ao aeródromo, despois de que Esquerda Unida presentase un escrito solicitando a paralización das obras. Neste texto, populares e socialistas salientaban a importancia do proxecto para o "desenvolvemento comarcal" e como "fonte de dinamización económica e empresarial". A moción remataba pedíndolle "á toda a sociedade, partidos e axentes económicos" confianza "para que este proxecto que suscitou o interese de todo o pobo de Caldas de Reis poida completarse e desenvolverse".

O proxecto atópase nunha situación de impasse, paralizado, pero nos últimos anos foron moitos os voos privados realizados no aeródromo a pesar de carecer de permiso e da evidente perigosidade ligada á súa proximidade ao viaduto do tren. É a razón pola que colectivos sociais e políticos seguen demandando unha solución definitiva para o aeródromo de Godos.

O aeródromo carece de autorización da Axencia Española de Seguridade Aérea © Quinteiro
A carón da pista foi construído un viaduto para o AVE © Quinteiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.