Nin "alquílase" nin "temos pulpo": a batalla contra o "feísmo lingüístico"

Exemplo de "feísmo lingüístico" CC-BY-SA A Gentalha do Pichel

"Alquílase". "Temos pulpo". "Bizcochos e moletes". "Ciruelas do país". Son só algúns exemplos dun fenómeno triste e abondosamente coñecido polas persoas preocupadas polo bo uso do galego e que ata agora ninguén, que se saiba, se atrevera a nomear. Ese paso adiante vén de dalo a asociación compostelá A Gentalha do Pichel co seu primeiro concurso de "feísmo lingüístico", un certame de fotografías co que este colectivo cultural tenta recompilar mostras de "desleixo" polo idioma.

O feísmo, infinidade de veces tratado no ámbito urbanístico, "chegou também à lingua", din dende a Gentalha, que observa este desleixo "especialmente presente no meio urbano e naquelas zonas que sofrem os estragos da pressom do castelhano". Co concurso, tan lúdico como reivindicativo, pretenden "evidenciar o estado de degradaçom em que se encontra o galego, muitas vezes tam hibridizado que já nem se identifica com a língua própria". "A nossa língua poderá deixar de existir porque a sua comunidade de falantes decida deixar de falá-la; mas tambén poderá diluir-se nuum castelhano que cada dia parece gozar de mais vantagem dentro do própio galego", reflexionan.

"Nom é a nossa intencçom ridiculizar, rir ou insultar", muito menos no caso as "pessoas que se esforçam, apesar das dificuldades, em manter o galego na sua comunicaçom externa"

Neste escenario, a Gentalha disponse a denunciar, "desde a preocupaçom e o respeito, o qeu está a acontecer". "Nom é a nossa intencçom ridiculizar, rir ou insultar", muito menos no caso as "pessoas que se esforçam, apesar das dificuldades, em manter o galego na sua comunicaçom externa". "Somos conscientes da falta de modelos e de recursos, da qual nós somos as primeiras vítimas e por tanto também co-responsáveis neste feísmo". "Só queremos fotografar umha realidade que deve ser invertida", resumen.

Baixo estes principios inspiradores, o colectivo recibirá fotografías ata o vindeiro 6 de xaneiro. Para "nom incorrer injustamente no escárnio público", poderán eliminar do certame as imaxes con "referências explícitas ao local (privado) onde fôrom tiradas", porque "nom é intençom deste concurso magoar nem fazer burla". As fotografías gañadaoras serán escollidas por votación popular e dun xurado "especializado", que emitirán os seus ditames entre o 10 e 0 30 de xaneiro. Os premios serán un lote de produtos da Gentalha para a imaxe elixida polo público e un vale de 100 euros "em diferentez estabelecimentos do Projeto Pontos", para a seleccionada polo xurado.

Imaxe participante no concurso CC-BY-SA A Gentalha do Pichel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.