Ningunha das familias afectadas polo Parque Ofimático da Coruña será desaloxada

Protesta contra o Parque Ofimático da Coruña © Stop Desafiuzamentos Coruña

Vén de caducar a última das tres ordes de desafiuzamento que pesaban sobre as familias afectadas polo proxecto de construción do Parque Ofimático da Coruña. Isto significa que as 14 vivendas que se atopaban ameazadas quedan polo momento fóra do perigo de ser desaloxadas. Stop Desahucios A Coruña sinala a este respecto que "dado que a reactivación xudicial do proceso de desafiuzamento conleva diversas etapas administrativas, entendemos que dita posibilidade fica arestora adiada por un tempo".

Stop Desahucios quere "aproveitar esta boa nova de hoxe" para "chamar a atención sobre o valor e importancia dos esforzos anónimos destas e doutras familias"

O colectivo salienta que a clave estivo na mobilización e a loita que os veciños afectados mantiveron nos últimos meses, "practicamente todas as semanas", esforzándose por denunciar "a manobra de especulación urbanística que supón o controvertido proxecto do Parque Ofimático da Coruña, así coma os abusos legais a través dos cales foron convertidas en promotoras forzosas aquelas persoas que non quixeron vender as súas casas". E engade que todo isto foi posible "malia as tentativas do Concello de silenciar a súa loita: retiroulles as pancartas da Av. Alfonso Molina, prohibíuselles concentrarse na pasarela e manifestarse, enviáronselles desmesurados operativos de antidisturbios...".

Stop Desahucios quere "aproveitar esta boa nova de hoxe" para "chamar a atención sobre o valor e importancia dos esforzos anónimos destas e doutras familias, das loitas que a veciñanza da Coruña está a levar a cabo para garantir un dereito humano básico como é o da vivenda".

Stop Desahucios afirma que "a situación de inseguridade persiste para as familias de Eirís-Lugar de Galán"

Porén, Stop Desahucios afirma que "a situación de inseguridade persiste para as familias de Eirís-Lugar de Galán, que continúan coas excavadoras ao pé das súas casas e sen saber en que punto exactamente se atopa o megaproxecto urbanístico que non só ameaza os seus fogares" e que "as mobilizacións da veciñanza de Eirís-Lugar de Galán continuarán ata que se acade o compromiso en firme de mantemento dos seus fogares".

Protesta contra o Parque Ofimático da Coruña © Stop Desafiuzamentos Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.