"No incendio de Manzaneda faltaron medios"

Imaxe do incendio Dominio Público AGE

A chuvia evitou un desastre en Manzaneda. O lume que dende o mediodía afectou tres núcleos rurais do concello: Langullo, Cimadevila e a explotación gandeira da Mata, quedou finalmente controlado despois de queimar cando menos 400 hectáreas, segundo os datos oficiais da Xunta, que os veciños e veciñas poñen en dúbida. De feito, en declaracións á Cadena Ser, un adegueiro que viu a súa propiedade en perigo elevaba a superficie queimada ás 1000 hectáreas. O alcalde do Concello, David Rodríguez, non quixo dar unha cifra exacta pero confirmou que os habitantes dos núcleos máis próximos ás chamas cren que o espazo afectado é moi superior a esas 400 hectáreas.

Rodríguez foi unha das persoas que deu a alarma polo lume, ao redor das doce do mediodia, e denuncia que durante horas ningún dos medios terrestres cos que conta a Consellaria de Medio Rural participou nos traballos de extinción. Segundo a Xunta nos labores de extinción traballaron un técnico, nove axentes forestais, 28 brigadas, 8 motobombas, 3 pás, 10 helicópteros e 7 avións, aínda que non indicaron a partir de que hora o comezaron a facer. 

David Rodríguez responde a iso que "na explotación gandeira da Mata non houbo medios, dende logo" e engade que "ali estivemos traballando os veciños e unha parella da garda civil tragando fume". Rodríguez maniféstase "ofendidísimo pola falta de resposta da Xefatura de Medio Rural en Ourense máis tendo en conta que foi unha comarca absolutamente castigada polos incendios o ano pasado" e fronte ás declaracións dalgún membros do PP que o acusaron de "oportunismo" declarou que "oportunismo é o que fixo Feijoo ao estar con castellanos botando auga cunha mangueira".

A Xunta tamén indica que a meirande parte do queimado corresponde a monte raso, pero os veciños confirman que tamén arderon moitos carballos nun espazo de repoboación e un bosque autóctono de castiñeiros.

David Rodríguez cualificou a Xunta de "oficina de extinción de emprego público" motivo polo que "non hai xente traballando no monte"

David Rodríguez fixo un chamamento a "poñer en valor o monte" e a "incrementar as penas para os culpables" pero tamén cualificou a Xunta de "oficina de extinción de emprego público" motivo polo que "non hai xente traballando no monte". A Alternativa Galega de Esquerdas, partido ao que pertence o alcalde de Manzaneda, lembra que o Partido Popular diminuiu drasticamente os medios para a prevención e loita contra os incendios forestais.

AGE afirma que "só no ano 2012 (ao que hai que engadir o acumulado nos ejercicios anteriores) a Xunta recortou 2.000 postos de traballo dos servizos de extinción (302 traballadoras/es do Servizo de defensa contra incendios forestais (un 41% menos, case a metade do operativo) e 1.725 traballadores/as da empresa SEAGA (un 77% menos, polo que queda menos dun cuarto do operativo en servizo)". O total recortado, segundo AGE, sería dun 68%, quedando menos dun tercio do persoal do que había no ano anterior. 

Este luns preséntase precisamente a Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e darase a coñecer o calendario de mobilizacións que o colectivo de traballadores e traballadoras da prevención e extinción de incendios forestais ten previsto realizar nas vindeiras semanas.

Nun verán con pouca calor e polo tanto escasos lumes forestais foron moitas as voces que acusaron a Xunta de falta de planificación e de debilitar os servizos de prevención e extinción. As crítícas chegaron sobre todo despois dos lumes que afectaron á comarca de Valdeorras. Daquela acusouse á Xunta de "impor un sistema fragmentado que provoca que a coordinación entre todos os medios presentes sexa unha quimera".

Imaxe do incendio Dominio Público AGE
Imaxe do incendio Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.