"Non é abuso, é violación": clamor feminista fronte á sentenza da 'manada'

Manifestación na Coruña en resposta á sentenza de 'La Manada' CC-BY-SA Praza Pública

Clamor e indignación. Foi a sensación que percorreu as mobilizacións do movemento feminista que retrucaron nas rúas á controvertida sentenza da Audiencia de Navarra na que se condena a nove anos de prisión aos membros de 'La Manada', o grupo de cinco homes que atacaron sexualmente unha moza o 7 de xullo de 2016 en Pamplona, feitos que segundo o tribunal non foron estritamente unha violación. Unha trintena de concentracións e manifestacións en vilas e cidades galegas sumáronse á protesta, que se multiplicou por todo o Estado, e nelas abondaron as mostras de solidariedade coa vítima e de repulsa cara ao tratamento que recibiu por parte dos xuíces.

"Eu si te creo" ou "non é abuso, é violación" foron algunhas das consignas máis repetidas nunhas mobilizacións impulsadas dende colectivos como a Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Feminista Galega e nas que tamén abondaron as pancartas e mensaxes de urxencia na que transcendían experiencias e reflexións persoais. "Ata que non nos maten non nos van crer" ou "se te resistes, mátante; se non te resistes, non te cren", sinalaron participantes nunhas protestas nas que ecoaron as enormes mobilizacións feministas do pasado 8 de marzo. Cómpre, reivindicouse, frear a "xustiza patriarcal" e deixar claro que os "únicos responsables" das violacións son os propios violadores.

Cabeceira da protesta en Vigo / CC BY-SA-NC Galiza Contrainfo

"Non é a minisaia, non é o pantalón; na mente do machista está a provocación", coreouse durante as concentracións, que ante a gran afluencia de cidadanía tornaron en varios casos en manifestacións, caso de Vigo ou Santiago. Mulleres e homes de todas as idades e tamén representantes de colectivos sociais e políticos uníronse ao clamor feminista. "Se tocan a unha, tócannos a todas".

Participantes na mobilización de Vigo / CC BY-SA-NC Galiza Contrainfo

Reacción políticas en Galicia

Nestas protestas participaron activamente membros de diversas forzas políticas galegas; caso do voceiro de En Marea, Luís Villares, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, así como responsables muncipais como a alcaldesa de Lugo, os alcaldes de Santiago e A Coruña ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, entre outros.

Fin da protesta en Santiago / CC BY-SA Praza Pública

Tras coñeceren a sentenza diferentes organizacións políticas galegas fixeron patente o seu malestar. Dende En Marea cualifícase de "lamentable" a sentenza, que "mostra unha vez máis a desigualdade e a desprotección á que nos vemos sometidas na nosa vida". "Non podemos entender como pode non existir violencia nin intimidación cando unha muller é atacada contra a súa vontade por cinco homes que a penetran sen o seu consentimento e sen poder defenderse durante 18 minutos", afirma o comunicado, que alerta de que mentres que se "insiste en que as mulleres denuncien calquera tipo de violencia" a realidade é que "cando o fan vense soas, sen recursos aos que acudir e ante unha sociedade e unha xustiza cun machismo estrutural tremendamente enraizado". Para Anova, a sentenza é "un atentado contra os dereitos das mulleres" e "senta un precedente xudicial nefasto que contribúe a normalizar a violencia contra as mulleres". "Parécenos evidente que unha violación en grupo si é violenta e que a sentenza afonda en distorsionar o papel das mulleres: de vítimas a culpables por non se resistir", conclúe a formación.

Manifestación en Ourense / CC BY-SA-NC Ana Sagredo - Galiza Contrainfo

Para Caballero, líder do PSdeG, "a democracia ten que garantir as liberdades, tamén a sexual, e os xuíces teñen que aplicar as leis adecuadamente e eliminar e condenar toda violencia sexual". A xuízo do socialista, "sen vontade, con abuso e imposición, hai violencia e violación"

O BNG amosa a súa "indignación" e "repulsa" ante a sentenza, que cualifica de "vergoñenta". Para a deputada Noa Presas, "as conclusións da sentenza envíanlles ás mulleres unha mensaxe clara: se es violada e non te resistes para non poñer en risco a túa vida, non te van a crer”. "Unha mensaxe" -conclúe- "que confirma que a única proba valida contra a violencia machista é ser asasinada”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.