"Non hai resignación; a maioría social en Galicia está contra os recortes"

Manifestación na Coruña CC-BY M. Pereira

"Non haberá resignación; a maioría absoluta do PP non lexitima a súa política de recortes". A reflexión é a mesma e case idéntica por parte dos consultados. Plataformas sociais en defensa do ensino, da sanidade e dos servizos públicos, sindicatos labregos ou colectivos a prol da lingua galega. Todos eles coinciden en que o excelente resultado da dereita nas eleccións do pasado domingo non é un aval nin un cheque en branco para os seus continuos axustes. Aínda así, recoñecen que a Xunta "acelerará o seu ataque" ao Estado de Benestar, pero advirten tamén de que a resposta en forma de mobilizacións e protestas "será aínda máis forte".

Malia que non cren que o PP estea "lexitimado" polas eleccións para facer máis recortes, si temen que os acelere aínda máis

"Aumentou a abstención, o PP perdeu apoio e unha maioría dos que acudiron ás urnas non lle votou; non vexo que haxa unha lexitimación clara para a súa política de recortes, nin moito menos". Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), cre que "a maioría social en Galicia está contra os recortes". Arguméntao nos resultados electorais pero, sobre todo, na elevada abstención e na enorme cantidade de votos nulos e brancos colleitados nos comicios autonómicos.

Manuel Martín, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, é da mesma opinión, ao incidir no feito de que "un partido que perde apoios e saca menos votos aumenta o número de escanos grazas a un sistema electoral aberrante e trampulleiro". "Nin todo o mundo votou polo PP nin moito menos referendaron as súas políticas", insiste José Fuertes, responsable de Acción Sindical de Ensino Público de CCOO-Galicia, ao igual que Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino e, como o seu compañeiro, membro activo de plataformas a prol da escola pública e en defensa dos servizos públicos. "Hai unha enorme masa social que dixo non aos recortes, pero tampouco se pode pensar que votar o PP equivale referendar unha política de axustes", aclara.

"Nin todo o mundo votou polo PP nin moito menos referendou as súas políticas"

"Que un Goberno gañe as eleccións non fai que as mentiras se convirtan en verdades ou que as actuacións ilexítimas se covirtan en lexítimas", engade Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego. "Que teñan maioría absoluta non quere dicir que poidan aplicar recortes ou instaurar reformas sen contar cos afectados e sen ningún tipo de diálogo", insiste Helena Gómez, presidenta da Confapa, confederación que agrupa as asociacións de pais e nais galegas. Ela, como todos os demais, recoñece, no entanto, que o PP si intentará vincular a súa clara vitoria electoral cun hipotético aval aos recortes. Por iso, pensan todos os consultados, "crerase fortalecido na súa folla de ruta e continuará coa involución absoluta en materia social, económica ou lingüística", di Anxo Louzao.

"O PP crerase fortalecido na súa folla de ruta e continuará coa involución absoluta en materia social, económica ou lingüística"

Ese é o principal temor de todos estes colectivos. "A impresión é que agora irán a saco, a facer todo o que tiñan pensado con máis convencemento aínda", di Helena Gómez, nunha reflexión que comparte con José Fuertes, de CCOO, que cre que "a belixerancia" amosada polo PP contra o Estado de Benestar nos últimos meses irá a peor. "Os resultados daranlle forzar para seguir adiante coas súas políticas sen escoitar a ninguén, pero se así o fan, a nosa resposta tamén será máis dura; temos toda a lexitimidade do mundo para discutir as súas decisións", advirte.

"A xente non se vai resignar sen facerlles frente", engade tamén Isabel Vilalba (SLG), que alerta de que a conflitividade social pode aumentar se, como se prevé, a situación económica empeora e as promesas de recuperación de Feijóo quedan en nada. "No agro a situación é insostible e hai moita xente aguantando grazas ao que puido ir gardando doutros anos, pero iso vaise acabar e a xente desesperada non vai quedar na casa", asegura.

"De nós non se vai apoderar o pesimismo, nin o temor, nin o medo. Continuaremos no combate permanente"

"De nós non se vai apoderar o pesimismo, nin o temor, nin o medo. Continuaremos no combate permanente porque será unnha lexislatura conflitiva e quente. Haberá un rexeitamento importante se continúan os recartes, máis aínda en canto España solicite un novo rescate", advirte tamén Anxo Louzao, que coincide na análise con Helena Gómez (Confapa), que agoira "novas mobilizacións" nas vindeiras semanas.

A situación non pinta moito mellor para Manuel Martín, de SOS Sanidade Pública, que lembra que "o sistema sanitario en Galicia está en perigo extremo". "Houbo xa unha redución brutal de recursos, orzamentos e persoal e estanse privatizando novos hospitais e servizos de apoio. O que faltaba era avanzar na limitación da carteira de servizos universais e acabarano facendo", conta quen asegura que a plataforma "non vai parar na batalla e na mobilización".

"Non podemos caer no desánimo e temos que mirar tamén os datos positivos das eleccións e ver que caeu o nivel de apoio ao PP, malia que os resultados foron negativos para a lingua galega", insiste Carlos Callón, que lembra que pronto os tribunais se pronunciarán sobre o polémico decreto do plurilingüismo. "Xa choramos a noite electoral, pero agora xa temos os mesmos ánimos de sempre", insiste.

A folga xeral do 14 de novembro será unha nova proba para unha mobilización social que en Galicia foi referente nos últimos anos

Todos, uns e outros colectivos, insisten no dato de que o PP conseguiu a maioría absoluta co apoio dun 25% do censo electoral e lémbranlle que iso non lle dá "vía libre" para continuar coa dura política de recortes. Porén, tamén todos temen que si o interprete como tal e endureza aínda máis os seus axustes contra os servizos públicos e o Estado de Benestar. Por iso tamén, chaman a non caer na resignación e marcan a folga xeral do vindeiro 14 de novembro como unha data clave e a creación da Alianza Social Galega como un elemento fundamental para manter a mobilización contra os axustes. O paro será outra cita onde Galicia pode volver demostrar que está á vangarda das protestas sociais, aínda que iso case nunca se reflicta de maneira unitaria nas urnas.

Manifestación en Vigo CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.