"Non pode ser, non pode ser, alimentos no lixo e xente sen comer"

Concentrarción no interior do centro comercial CC-BY-NC Susete

A Asemblea de Desempregados da CIG levou a cabo este domingo no Alcampo de Ferrol unha acción para denunciar a política de eliminación dos alimentos próximos á caducidade que realizan as grandes superficies e cadeas de supermercados. A protesta comezou cunha concentración ás portas do centro comercial e posteriormente se trasladou ao seu interior. Un dos berros máis repetidos polos participantes foi "non pode ser, non pode ser, alimentos no lixo e xente sen comer".

A Asemblea presentou unha denuncia ante a fiscalía para que elabore un informe sobre as prácticas das grandes e pequenas superficies comerciais de destrución de alimentos básicos antes da súa caducidade

A Asemblea presentou unha denuncia ante a fiscalía para que elabore un informe sobre as prácticas das grandes e pequenas superficies comerciais de destrución de alimentos básicos antes da súa caducidade. Ademais, alertou en concreto que Alcampo dispón "dunha compactadora para destruír os alimentos que xa non son atractivos para a venda pola súa proximidade á data de caducidade". O colectivo tamén criticou que os responsables deste supermercado en Ferrol se negaron a recibilos para escoitar as súas reivindicacións.

Os voceiros da Asemblea salientaron que "en tempos onde se nos reclama 'austeridade' ou 'que nos apretemos o cinto', foméntase o consumismo compulsivo coa chegada do Nadal, e mentres, hai xente obrigada a meterse nos contentores do lixo para buscar algo de comer". E enunciaron a súa intencion de "seguir mantendo o debate social que creamos coa expropiación simbólica de alimentos de primeira necesidade a principios do mes de xuño pasado no Maxi-Dia de Ferrol, para demostrar que por riba de calquera beneficio privado está a dignidade das persoas".

O colectivo realiza unha proposta alternativa ao actual sistema consumista e que pasa pola creación de comedores sociais e de economatos populares nos barrios

O colectivo realiza unha proposta alternativa ao actual sistema consumista e que pasa pola creación de comedores sociais e de economatos populares nos barrios, nos que se podan adquirir productos alimentares básicos a baixo prezo ao ser subvencionados polo Estado. Tamén pola instauración de bancos de alimentos de control público e dun servizo municipal de xestión e recollida dos alimentos próximos á caducidade que rexeitan os supermercados. Tamén demandan a posta en marcha dun servizo de comedor escolar gratuíto para fillos e fillas de traballadoras en situación de desemprego e dunha renda básica para aqueles desempregados que non perciban prestación ningunha, para que podan adquirir produtos de primeira necesidade.

Concentrarción no interior do centro comercial CC-BY-NC Susete
A Asemblea de Desempregad@s da CIG contra a política de eliminación daqueles alimentos próximos á caducidade CC-BY-NC Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.