"Non queremos suplantar a Administración, pero vemos os problemas antes ca eles"

Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur © EcosdoSur

A ONG Ecos do Sur puxo en marcha unha innovadora campaña de crowdfunding coa que logrou evitar o desafiuzamento inmediato de tres familias galegas. Foi o último recurso dunha entidade que esgotou os fondos cos que antes axudara moitas outras persoas en risco de desaloxo. O proxecto que hoxe remata superou o seu obxectivo e superou en máis de 600 euros os 3.000 requiridos para que os bancos non levasen a cabo a temida execución hipotecaria. Agora, gañan tempo para negociar e para conseguirlles un traballo coa axuda dunha organización cuxa responsable de comunicación, Natalia Monje, explica en Praza unha situación extrema que non é a primeira nin será a última.

Agardaban este éxito da campaña en internet?

En parte si o esperabamos porque seleccionamos con bastante coidado o proxecto. Non serve calquera cousa para defender a través do crowdfunding e esta causa conta con apoio e bastante sensibilidade social. Apostamos por transformar esa mobilización en apoio real ás familias que o precisan. Pero por outra banda, non tiñamos claro como ía saír porque era a primeira vez que faciamos unha campaña así; somos inexpertos e tamén era unha proba. É a primeira vez que este tipo de proxectos se colgan nunha plataforma aberta de iniciativas sociais, algo innovador.

Pero houbo que dar un empurrón final para conseguir o obxectivo...

No Nadal si houbo unha resposta importante, pero logo o proxecto estivo moi parado durante tres semanas, con moi poucas doazóns. A semana pasada faltábannos 1.000 euros para conseguir en cinco días ou non teriamos nada e decidimos facer algo, mellorar na comunicación e conseguir un maior impacto a través das redes sociais e da implicación da xente. Saíunos ben porque o apoio pasou a ser masivo.

"Temos moitas máis familias nesta situación, xente que se non paga 500 euros terá que afrontar uns 40.000 máis intereses"

Son as únicas familias que acoden a Ecos do Sur nesta situación?

Temos moitas máis familias dentro deste programa. Desde 2013 traballamos con este proxecto, co que intentamos financiar as tres ou catro cotas para evitar o desaloxo daquelas persoas que están a piques de ser desafiuzadas, ademais de levar a cabo un acompañamento social para buscar traballo, axuda psicolóxica ou asesoría xurídica. Vai máis aló porque non queremos pagar a hipoteca de ninguén, non se trata diso, senón de casos extremos de familias que xa debían un mínimo de tres cotas, que é o límite que marca a lei para que o banco poida solicitar a execución da hipoteca. Estamos falando de cotas duns 150 euros, de familias que deben entre 500 e 600 euros e que, de non pagalos, van ter que afrontar 40.000 euros máis os intereses... Decidimos actuar nese momento xusto, antes de que empece o proceso legal para o desaloxo. Outras ONG céntranse xa nese proceso legal de desafiuzamento, pero o noso obxectivo é intentar chegar aí e evitalo.

E como o fixeron?

Axudámolas co abono desas tres cotas para asegurarnos que non van ter que afrontar xa unha execución hipotecaria, aínda que unha das familias xa recibira unha carta que lle daba como límite o vindeiro día 30 para pagar o importe que agora si poderá asumir. Conseguimos que se paralizase este proceso e rematase o risco de executar a hipoteca. Agora traballaremos con elas para a integración laboral, intentar conseguir un traballo e axudalas coa tramitación das axudas sociais, que adoitan tardar moito en tramitarse e en ser efectivas.

"Non pretendemos suplantar a Administración, pero somos máis rápidos e áxiles"

Non están a facer un traballo que lle corresponde á Administración?

Non pretendemos suplantar a Administración, pero somos complentarios porque comprobamos que somos máis rápidos e máis áxiles. A clave é que estas familias agora gañan tempo para que nós tamén as poidamos axudar e unha delas, ao afrontar o importe que se lle reclamaba, vai poder negociar co banco. Terá unha carencia de cinco anos no pagamento da hipoteca, pero a condición era que pagase as tres contas pendentes. Probablemente consiga un traballo neste tempo e a solución mellore.

Cantas familias acudiron a Ecos do Sur en situación semellante?

Durante o ano 2014 axudamos 19 familias nesta situación. Conseguimos pagar as cotas ou axudar a atopar traballo, así como acompañamento xurídico e de asesoría, pero a finais de ano quedamos sen fondos. Non temos dabondo como para seguir financiando estes pagamentos e houbo familias ás que tivemos que dicir que non. Esta campaña de micromecenado estaba pensada para axudar a catro familias ademais destas tres, pero supuña solicitar unha cantidade moito maior. Desde a plataforma de crowdfunding recomendáronnos que empezásemos por un importe máis pequeno para asegurar o obxectivo. A campaña acaba este mércores e sóbrannos máis de 600 euros que irán destinados á seguinte desas familias na lista.

"En 2014 axudamos 19 familias nesta situación pero xa non tiñamos fondos para pagar as cotas pendentes"

Canta xente en risco de desafiuzamento teñen nesa lista?

Non teño as cifras exactas, pero temos moitísimas máis por atender á espera de conseguir os fondos necesarios. A campaña para estes tres casos remata, pero non a busca de achegas e apoios.

E parece que seguirán tendo que axudar nestes casos...

Oxalá Ecos do Sur non fose necesaria. A nosa principal expectativa é que chegue o día que teñamos que desaparecer porque o Estado ou a sociedade civil organizada cumpre e nós non teñamos que cumprir. Pero en Galicia hai actualmente dous desafiuzamentos ao día e cinco execucións hipotecarias e esta é unha situación que non afecta só unha familia, senón ao núcleo máis achegado. O que facemos é traballar rápido, algo que a Administración non fai porque recibe moitas solicitudes e traballa con lentitude. Debe ser a Administración quen se faga cargo de arranxar estes problemas de vulnerabilidade social, pero os seus mecanismos protocolarios son complexos e lentos e nós traballamos moi a pé de rúa e detectamos os problemas sociais antes de que o Estado o faga ou reaccione.

"Oxalá Ecos do Sur non fose necesaria, pero en Galicia hai dous desafiuzamentos diarios e nós detectamos os problemas sociais antes que a Administración"

Nota algún cambio no ritmo de desafiuzamentos?

En 2013 modificouse a lei e a execución hipotecaria que antes podía demandar un banco con só unha cota impagada situouse en tres. Malia isto, os desafiuzamentos seguen aumentando, especialmente en lugares como as provincias da Coruña e Lugo. En 2007 en Galicia había 24.000 persoas en desemprego de longa duración e agora son 168.000 e estes cidadáns entran nunha espiral de paro, esgotamento de prestacións, dificultade de reinserción, impagos de cotas... Nestas circunstancias, a exclusión está servida. Estamos atendendo moita xente que nunca estivera en exclusión, que vivía con normalidade pero non por riba das súas posibilidades pero entran nunha situación da que é difícil saír.

"Cóstanos ser optimistas mentres o problema do paro siga como está; con este desmprego de longa duración, a exclusión está servida"

É optimista respecto a esa suposta recuperación?

Cóstanos ser optimistas mentres o problema do emprego siga como está, e esas cifras de desemprego de longa duración convérteno en estutural. Creo que os desafiuzamentos seguirán aumentando, pero o que si parece é que se están levando a cabo máis mecanismos de negociación cos bancos que poden rebaixar un pouco o problema, aínda que esta non sexa a solución.

"O único positivo da crise é a solidariedade cidadá porque a xente está a axudar na súa contorna máis próxima"

Nota máis solidariedade cidadá nesta crise?

Niso si que son optimista. A vaga de solidariedade que se espertou é importante, mesmo de xente que achega cinco euros porque non pode axudar con máis. Chámannos pensionistas que queren axudar malia cobrar moi pouco e que nos contan como colaboran con familias do barrio ou veciños comprándolles comida. Esta situación estase dando en moitos lugares. Desde Ecos do Sur comprobamos como o número de voluntarios aumenta e hai moitos desempregados que se apuntan porque prefiren axudar antes que non facer nada e porque se sente útiles. Quizais isto é o único positivo que se lle pode ver á crise, que a cidadanía reacciona e na súa contorna máis próxima si axuda.

Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur © EcosdoSur
Ecos do Sur agradece o apoio e achegas da cidadanía Dominio Público @ecosdosur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.