"Non temos razóns para tratar os animais como nunca tratariamos outros seres humanos"

Óscar Horta, ofrecendo unha conferencia Dominio Público Praza Pública

Óscar Horta é profesor na Facultade de Filosofía da USC e autor de numerosas publicacións e palestras sobre os dereitos dos animais, coma a que este mes ofreceu en Compostela, organizada pola Asociación Abeiro. Traballou igualmente como profesor visitante en varias universidades e colabora habitualmente co Partido Animalista (PACMA). Mantén o blog masalladelaespecie.com, no que analiza distintas cuestións morais sobre a relación cos animais.

Percíbese evolución na sociedade á hora de valorar os dereitos dos animais? E no mundo académico?

O cambio ten sido enorme nos últimos anos, especialmente entre a xente mais nova, que coñece toda ela o que é o veganismo e que xa está familiarizada con este movemento. O cal indica que esta evolución se vai acelerar aínda mais nas vindeiras décadas. Isto efectivamente ten tamén o seu reflexo no ámbito académico, no que o número de publicacións sobre o tema aumenta cada ano, así como os eventos dedicados ao tema e, o que é mais importante, o de persoas que investigan esta cuestión. A día de hoxe podemos dicir que estamos a avanzar a paso firme para que a cuestión da consideración moral dos animais, e en xeral o trato dado aos animais se consolide como un campo de investigación plenamente respectado en ámbitos como o Dereito, a Filosofía, a Socioloxía e outros. Aínda hai moito que avanzar, mais o progreso que se está a facer é claro.

"Non é posíbel fundamentar de maneira verdadeiramente sólida o respecto por todos e cada un e unha dos seres humanos sen rexeitar tamén a discriminación dos animais"

En que cres que se asenta a idea da superioridade da especie humana sobre os outros animais? 

A idea de que os intereses dos seres humanos contan máis que os dos outros animais, e que polo tanto non hai razón para considerar plenamente estes é aínda moi común. Mais o certo é que rara vez se pensa sobre ela. É simplemente asumida como tal, porque foi o que sempre oímos. Mais o feito é que non hai ningún argumento que teña éxito á hora de explicar como é que só os humanos merecemos pleno respecto, e non os demais animais, os animais non humanos (non esquezamos que os seres humanos tamén somos animais, non somos vexetais nen fungos ou minerais).

Non é raro oír que os animais non humanos non merecen pleno respecto porque só os humanos teñen certas capacidades intelectuais complexas. Mais tal argumento debería ser rexeitado totalmente. Mesmo aínda que só fose por respecto aos propios seres humanos. Isto é así porque hai un gran número de seres humanos que non posúen ditas capacidades. Podemos pensar no caso de todos aqueles con diversidade funcional intelectual significativa, xa por accidente ou enfermidade contraída, xa por motivos conxénitos. E non só iso, o caso é que todos e todas nós, polo menos nalgún intre das nosas vidas, atopámonos tamén nesa situación. Cando? Pois cando eramos crianzas de curta idade. O que supón todo isto é que de aceptarmos este argumento, estaremos dando unha plena xustificación. Hai xente que cando lles explicas isto pode pensar que estamos a ser desconsiderados con todos estes seres humanos. En realidade o que acontece é xustamente o contrario. Quen verdadeiramente está a ser desconsiderado con estes seres humanos é todo aquel ou aquela que sosteña que que para sermos respectados temos que ter esas capacidades intelectuais.

Outras veces dise que os seres humanos podemos explotar os demais animais simplemente porque temos o poder de facelo, ou porque non sentimos solidariedade por eles. De novo estes argumentos xustifican tamén toda clase de inxustizas entre os propios seres humanos. O que se segue disto é que calquera argumento esgrimido para tentar xustificar a discriminación dos animais achega tamén unha xustificación a discriminacións de seres humanos. Ou, dito doutra maneira: non é posíbel fundamentar de maneira verdadeiramente sólida o respecto por todos e cada un e unha dos seres humanos sen rexeitar tamén a discriminación dos animais.

Isto tal vez poida levarnos a ver que o relevante á hora de respectar alguén tería que ser se ese ser pode ser danado ou beneficiado polas nosas accións. Realmente é niso no que tería que consistir unha conduta ética cos demais. Por iso, todos os animais que poden sufrir ou gozar deberían ser plenamente respectados. Ninguén aceptaría una situación como a que hoxe padecen os animais se tivese que padecela el ou ela mesma. Iso é un indicativo de que a nosa actitude cara a eles é inxusta. E, aínda que é doado rexeitar as inxustizas cando se están a padecer, o que realmente amosa que clase de persoas somos é que fagamos o esforzo de rexeitar as inxustizas cando as padecen outras e outros e quen nos beneficiamos somos nós.

Aínda que houbo pensadores e textos que ao longo de toda a historia defenderon os dereitos dos animais, podemos considerar o antiespecismo un movemento da modernidade e mesmo da postmodernidade? Por que xorde con tanta forza nas últimas décadas?

A defensa dos animais xorde nas últimas décadas por motivos non moi diferentes daqueles polos que xurdiran toda unha serie de movementos sociais que teñen reivindicado xustiza contra distintas formas de discriminación e opresión. Por unha banda enlaza co ideal moderno da igualdade. Pénsese que un concepto central para este movemento (na miña opinión o concepto central) é o de especismo, que é análogo aos de sexismo ou racismo, pois nomea a discriminación daqueles que non pertencen a unha determinada especie. Por outra banda, isto non exclúe aqueles e aquelas cunha actitude crítica ao discurso da modernidade plantexando o valor da diversidade. Isto é así dado que unha perspectiva como a antiespecista, que plantexa a idea do respecto por quen é diferente, enlaza tamén perfectamente con este tipo de visións. É por estas e outras razóns que o rexeitamento do especismo e a defensa dos animais casan ben tanto cos discursos da modernidade como cos da postmodernidade.

"O mero feito de que unha persoa dea o paso ao veganismo ponlles de manifesto ás persoas que a rodean que tamén elas poderían facer o mesmo. Isto xera moitas veces unha incomodidade"

Por que ás veces dá a impresión de que as posicións antiespecistas ou simplemente a decisión individual dunha persoa de deixar de comer carne é recibida con tanta violencia e malestar por moitas persoas, como se esa escolla supuxese un ataque persoal ou a rotura dun tabú?

Un dos mellores xeitos de difundir o respecto polos demais é mediante o propio exemplo. E se non temos razóns para tratar os animais como nunca tratariamos outros seres humanos, entón temos motivos para cuestionarnos a explotación dos animais. Por iso cada vez máis persoas en distintos lugares do mundo dan o paso a un modo de vida sen empregar animais. Este ten recibido o nome de veganismo. E implica, entre outras cousas, renunciar a consumir produtos de orixe animal, para cuxa produción é necesario explotar e matar os animais. Isto é chocante para moita xente, pois a todas e todos nos ensinan desde crianzas que utilizar os animais como cousas ao noso servizo é algo totalmente correcto e normal. E asi nos afacemos a usalos como cousas. E isto acontece especialmente no caso dos hábitos alimentarios. Iso explica as resistencias ao abandono da explotación animal.

Porén, o feito é que hai unha grande variedade de alimentos sen produtos animais. Podemos desfrutar de múltiples sabores sen comer animais (moitos destes, por certo, moi semellantes aos de produtos coma a carne ou os lácteos). Aínda asi, a xente está afeita ao uso de animais. Por iso é normal que se sinta preguiza á hora de dar o paso a un modo de vida sen explotar a estes. Ante isto, o mero feito de que unha persoa dea o paso ao veganismo ponlles de manifesto ás persoas que a rodean que tamén elas poderían facer o mesmo. Isto xera moitas veces unha incomodidade (como acontece a miúdo cando temos algún dilema de conciencia). Un xeito de nos enfrontar a esta incomodidade consiste en plantexármonos dar tamén o paso ao veganismo. Outro xeito mais doado de tratar con este conflito pasa por tentar neutralizalo, ridiculizando ou atacando a persoa cuxo exemplo nos plantexa tal incomodidade. Por iso é que se ataca as persoas veganas polo simple feito de rexeitaren participar na explotación animal.

"Difundir o respecto aos animais no ámbito educativo non é unha opción máis ideolóxica que difundir que o uso de animais como recursos á nosa disposición é lexítimo"

Supoño que a educación, a presenza das ideas antiespecistas nos centros de ensino dende idades temperás é fundamental. E que ademais debe facerse de forma gradual e acompasada co crecemento dos alumnos. A que idades se deben incorporar estas visións e de que forma?

Hai unha idea que ás veces se plantexa, que consiste en ver a difusión do respecto polos animais na educación como unha cuestión ideolóxica. Acredítase así que, de ser incluída este tema no ámbito educativo, tería que selo de maneira moi moderada e puntual. O que esquece esta visión das cousas é que o especismo e non respecto polos animais tamén é unha opción ideolóxica. E élle, de feito, adoutrinada ás crianzas en todo momento. Por iso, difundir o respecto aos animais no ámbito educativo non é unha opción máis ideolóxica que difundir que o uso de animais como recursos á nosa disposición é lexítimo.

Debido a isto, non deberíamos ter medo de promover unha educación nestes valores a todas as idades. Esta pode non contrarrestar todo o abrumador adoutrinamento nos valores especistas polo que pasamos desde a escola primaria até o ensino medio ou superior. Mais pode servir de contrapunto. E, desta maneira, pode axudar a que os rapaces e rapazas constrúan o seu proprio posicionamento sobre o tema, ao dispor dunha perspectiva distinta á tradicional. Todas as idades son boas para isto, aínda que talvez a adolescencia sexa a etapa mais determinante para reflexionar sobre os valores herdados. Hai, de feito, iniciativas interesantes neste sentido como as de Aula Animal, unha organización de docentes polo respecto aos animais en Aragón.

"A loita contra a tauromaquia ten levado a moita xente a plantexarse o conxunto da discriminación e explotación dos animais"

A loita contra as corridas de touros en España acadou un notable seguimento. Pode servir como enganche para que máis persoas defendan a igualdade animal? É coherente criticar as touradas e non levar esa crítica a outras formas de sufrimento dos animais?

Os defensores da tauromaquia a miúdo argumentan que outras formas de explotación, como por exemplo a reclusión e matanza de animais para o seu consumo, lles ocasionan aos animais uns danos moito maiores que os que estes sofren nas touradas. E o feito é que iso é certo. Mais de aí non se segue que a tauromaquia sexa unha práctica aceptábel. Pola contra, isto debe levar a plantexarnos se esas outras formas de explotación animal que causan eses danos tan terríbeis aos animais son aceptábeis. E o que realmente acontece na práctica é que, efectivamente, a loita contra a tauromaquia ten levado a moita xente a plantexarse o conxunto da discriminación e explotación dos animais. É unha loita que ano a ano fai que mais xente se una á causa antiespecista.

Que análise fas da gandaría ecolóxica e doutras prácticas que traballan para mellorar o benestar dos animais produtores e tamén das modificacións normativas que buscan facer máis soportables as súas condicións de vida?

Obviamente é peor para os animais seren explotados dun xeito mais duro e doloroso. Por outra banda, as medidas que mencionas comunmente teñen un impacto case irrelevante na situación dos animais, e son introducidas a miúdo co fin de amosar como mais aceptábel o uso de animais. Por outra banda, o caso da gandaría ecolóxica amosa as grandes diferenzas que hai entre dous movementos que en certas ocasións son confundidos por quen non ten unha familiaridade co tema: o movemento de defensa dos animais e o ecoloxista. En tanto este último defende os ecosistemas e outras entidades como as especies, o movemento que defende aos animais, e que se opón ao especismo, preocúpase dos animais como individuos que, coma nós, poden sofrer e desfrutar.

Estes distintos fins levan a que ambos movementos defendan causas e obxectivos que a miúdo se opoñen entre si. Un exemplo disto é este da gandaría ecolóxica, que o ecoloxismo defende, en tanto que desde a defensa dos animais o que se procura é a fin da explotación animal (incluída a que padecen os animais criados ecoloxicamente, que son tamén levados ao matadoiro e que sofren tamén outras formas de agresión). Outros poden ser o das matanzas defendidas por ecoloxistas de animais salvaxes para manter a súa chamada “pureza xenética” (como no caso dos lobicáns na bisbarra da Barbanza). Outros, a actitude favorábel a axudar os animais salvaxes vítimas de distintas circunstancias (como desastres naturais, epidemias e outras). Desde perspectivas ecoloxistas axudar nestes casos é algo que se rexeita por non ser algo “natural” sempre e cando os animais en cuestións non estean en perigo de desaparición ou xoguen algún rol ecolóxico. Pola contra, desde un plantexamento centrado na defensa dos animais prestar axuda nestes casos é algo que se defende sempre que sexa posíbel intervir con éxito.

"Moita que inicialmente pensa que ten unha vontade feble descobre axiña que realmente tiña unha forza de vontade moito maior do que pensaba e que da o paso ao veganismo sen problemas"

Para algunhas persoas o paso a unha alimentación vegana pode ser automática, e para outras pode ser resultado dun proceso máis longo, de evolución? Que consellos lle darías ti a unha persoa que poida estar plantexándose deixar de comer produtos animais? Que opinas de fórmulas coma o flexitarianismo ou de ideas como a recente proposta de facer luns sen carne?

Cada vez hai máis xente que está de acordo en que a explotación animal debería rematar e quere sinceramente deixar de contribuír a esta. Mais a moitas destas persoas fáiselles algo custa arriba a idea de verse pasando a un modo de vida vegano. Para isto, ideas como a de comezar tendo un día todas as semanas sen produtos animais e pasar logo a dous, tres, etc. pode ser un bo comezo. Outra opción mellor pode ser simplesmente deixar hoxe, xa mesmo, de consumir animais, e probar a ver até onde se pode continuar. Moita xente ten feito isto con éxito. Moita que inicialmente pensa que ten unha vontade feble descobre axiña que realmente tiña unha forza de vontade moito maior do que pensaba e que da o paso ao veganismo sen problemas.

"O papel máis importante que está a xogar o Partido Animalista é o de axudar a espallar na nosa sociedade a idea do respecto polos animais"

Como cres que vai ser o futuro inmediato do movemento animalista en España? PACMA acadou en varias eleccións uns resultados notables, pero na túa opinión é máis efectiva a participación electoral en solitario ou a inserción destas ideas nos programas e no discurso doutras forzas políticas?

Como xa comentei, ao longo das últimas décadas o movemento antiespecista tense desenvolvido enormemente e a perspectiva é que esta tendencia continúe así. Para isto o crucial, máis que a presenza no ámbito político, é a difusión no corpo da sociedade das razóns que cuestionan o especismo e dunha sensibilidade pola situación dos animais. Con todo, tamén no ámbito político é previsíbel un avance. O Partido Animalista ten avanzado paseniño ao longo da última década grazas a moito traballo desde a base, até chegar a acadar máis de 370.000 votos ao Senado e de 100.000 ao Congreso nas últimas eleccións xerais. E é, por certo, a día de hoxe a forza política con mais seguidores en Facebook, por diante de todos os demais partidos, (incluídos partidos de ámbito estatal como PP, PSOE, EU, UPyD, etc.). Isto é o reflexo da fidelidade do voto animalista e do medre a nivel social do interese por este tema, e pon de manifesto a cegueira por parte dos outros partidos ao non recoñecer a extensión que ten adquirido tal interese.

Isto é positivo porque para que a defensa dos animais poida chegar a ter realmente peso no campo político a existencia do Partido Animalista resulta imprescindíbel. É claro que ningunha forza política vai asumir realmente unha perspectiva contraria ao especismo. Aínda que nalgúns casos poidan tomar posicións contrarias a certas prácticas como a tauromaquia ou outras formas de explotación animal, iso non vai supor que realmente asuman un plantexamento contra a explotación animal como tal. Nalgún momento o Partido Animalista acabará por ter representantes, como xa ten acontecido noutros países como Holanda ou Portugal. Mais iso non é, no meu entender, o fundamental. O papel máis importante que está a xogar o Partido Animalista é o de axudar a espallar na nosa sociedade a idea do respecto polos animais. A difusión desa idea é o que finalmente fará que cheguemos a un mundo mellor para todas e todos, incluíndo, claro está, a todos os animais.

Óscar Horta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.