"Nos gandeiros hai medo a denunciar os sacrificios innecesarios de animais"

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Candido Iglesias é da Baña e xestiona unha explotación láctea con 1.200.000 litros de produción e que dá catro postos directos de traballo. O 23 de setembro de 2011, o matadoiro ao que envía as vacas notificoulle que incinerara unha por tuberculose, sen poder comprobalo. Automaticamente, o xefe de área de Sanidade Animal inmobilizou a súa explotación.

Esa mesma semana, fíxose o saneamento ordinario da explotación por persoal de Tragsega, que deu resultado negativo, tanto en tuberculose como brucelose. Porén, o xefe de área ordenou inmobilizar tres vacas, das cales unha deu positivo, segundo a Administración. Aos sesenta días, a finais de xaneiro, ordenaron o sacrificio doutras 28 vacas.

Tralas probas feitas, ningunha destas 28 vacas resultou estar enferma; nin sequera o estaba a primeira vaca incinerada polo matadoiro. En total, de 31 vacas sacrificadas

Tralas probas feitas, ningunha destas 28 vacas resultou estar enferma; nin sequera o estaba a primeira vaca incinerada polo matadoiro. En total, de 31 vacas sacrificadas. Pasaron catro meses dende os sacrificios e Cándido non viu nin un céntimo da indemnización á que ten dereito e que necesita para repoñer o gando sacrificado, a pesares das promesas de altos cargos da Consellaría de Medio Rural. Meses nos que tivo unha baixada de produción de 1.000 litros diarios, que aínda padece a día de hoxe, cos milleiros de euros en perdas que iso lle supón. 

 

Casos en toda Galicia

"A xente está farta de que fagan o que lles dá a gana sen que ninguén poña orde, pero hai reticencias a denunciar”

O caso de Cándido non é o único. O Sindicato Labrego Galego ten constancia de casos en Manzaneda, Lugo, Boqueixón, Santa Comba, Dumbría, Val do Dubra, Mazaricos... “Cándido é apenas un exemplo, un dos poucos que se atreveu a denuncialo", di Carme Freira, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), que explica que "hai moitas presións nas propias explotacións para que a xente non denuncie. As explotacións dependen dos servizos veterinarios das xefaturas comarcais para todo o que ten que ver coa sanidade animal. A xente está farta de que fagan o que lles dá a gana sen que ninguén poña orde, pero hai reticencias a denunciar”.

Para Freire, “moitas explotacións gandeiras de todo tipo están tendo serios problemas económicos por irresponsabilidade política e polo xeito en que se están abordando as campañas de saneamento gandeiro. Están proliferando falsos positivos que obrigan a sacrificar obrigatoriamente unha parte importante das cabanas gandeiras sen que exista a certeza de que os animais estean realmente enfermos". Para o SLG isto débese a que "os criterios cos que se fai o saneamento son absolutamente aleatorios e subxectivos, e somete ás explotacións afectadas a unha perda económica gravísima e ao risco de peche”.

Adolfo Cabarcos, secretario dos Sectores Gandeiros do SLG e titular dunha explotación de vacún de carne, denuncia que mesmo se está incumprindo o regulamento ao impedir nalgúns casos que se fagan contrastes con segundas probas ou obrigar á retirada de animais antes das 48 horas mínimas que establece a lei.

Detrás dos problemas, ademais dos criterios subxectivos empregados e da falta de coordinación e control do Goberno galego, poderían estar tamén os conflitos laborais que se producen en Tragsega

"A responsable é a Xunta", denuncia Freire, "pois é quen ten que velar por esta situación". Detrás dos problemas, ademais dos criterios subxectivos empregados e da falta de coordinación e control do Goberno galego, poderían estar tamén os conflitos laborais que se producen en Tragsega, a empresa que realiza os saneamentos, cuxos traballadores esixen que a Xunta os considere persoal laboral da administración e que os seus contratos pasen a ser indefinidos. Pero Carme Freire salienta que "para nós, en calquera caso, os responsables non son nin os veterinarios nin a empresa, senón que a responsable é a Consellaría"

 

Medo a denunciar

"Hai afiliados ao sindicato que están dispostos a dar a cara, pero hai medo", di Freire, que conclue: "Eu non podo saír falando por ninguén, por iso é moi importante que Cándido dera a cara". Para Cándido trátase dun “problema de xestión política” e critica “o xeito subxectivo de facer valoracións por parte do persoal técnico de saneamento, obrigando nunhas zonas á inmobilización e ao sacrificio e noutras agardando a ter o resultado das probas de laboratorio, cousa que, no meu caso, teríame aforrado ter que sacrificar trinta vacas e todas as perdas que iso xerou e segue xerando”.

En febreiro Cándido tivo unha xuntanza co subdirector xeral de Gandería, que lle prometeu que de inmediato cobraría a indemnización correspondente. Porén, catro meses despois segue agardando

En febreiro Cándido tivo unha xuntanza co subdirector xeral de Gandería, que lle prometeu que de inmediato cobraría a indemnización correspondente, pois tratábase "dun caso excepcional" e "os cartos xa estaban liberados". Porén, catro meses despois segue agardando. Cándido di sentir impotencia e calcula que a súa explotación tardará dous anos en recuperarse padecendo até entón serios problemas de liquidez para facer fronte ao mantemento da granxa. "É un tema que debía levar medio ano denunciado, pero hai medo, é perigoso denunciar”, di e conclúe que “o problema é que o agro non está vertebrado, a xente va por libre, hai moita xente que non está sindicada”.

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta
Cándido Iglesias, Adolfo Cabarcos e Carme Freire © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.