Nova denuncia de manipulación na CRTVG por impedir sinalar a afiliación ao PP dun xihadista

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

O comité de empresa da CRTVG denuncia un novo caso de manipulación informativa e inxerencia da dirixencia no exercicio profesional dunha xornalista. Desta vez faino tras poñer a disposición dos traballadores dos medios públicos o pasado marzo un Protocolo de actuación ante as denuncias de manipulación informativa. A representación do cadro de persoal vén de amparar conforme a a esta nova ferramenta unha redactora con contrato en prácticas da Radio Galega. 

O comité de empresa ampara a denuncia dun novo caso de manipulación informativa e inxerencia no traballo dunha redactora

Tal e como explica o comité, a xornalista Ana Belén Costoia Viqueira elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino A Crónica sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsable do programa ordenoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou.

Unha responsable irrompeu na locución da redactora para impedirlle informar de que un detido por xihadismo fora afiliado do PP

Consultada polocomité, a coordinadora do informativo aludido "alega que o criterio de non informar sobre a afiliación política neste caso partiu do redactor xefe da tarde". Á redactora en prácticas, segundo os representantes dos traballadores, retiróuselle ademais posteriormente "a encomenda habitual de reelaborar esa mesma peza para o informativo matinal do día seguinte, que lle adxudicaron a outra persoa".

O comité de empresa, seguindo o protoloco que creou, que recolle as normas de actuación a seguir en casos coma este no que o persoal da CRTVG denuncia manipulación sobre o seu labor informativo, "ampara sen fisuras a profesional afectada e enmarca esta grave inxerencia sobre a liberdade e independencia do exercicio profesional na sistemática manipulación que se practica na televisión e na radio públicas" e que foi denunciada en numerosas ocasións polo cadro de persoal. 

"Non é a primeira vez que o comité denuncia a ocultación da filiación política cando os afectados por calquera cuestión negativa son do PP"

"Non é a primeira vez que a representación do persoal denuncia en concreto a ocultación da filiación política cando os afectados por calquera cuestión negativa son do Partido Popular, información que se resalta e reitera se os casos afectan a membros dos partidos da oposición", explica o comité, que cre que, independentemente de que ese día practicamente todos os medios de comunicación do Estado fixeron referencia á pertenza ao PP do presunto xihadista, "débese respectar o criterio profesional que guiou a redactora a incluír esa referencia", eliminada, en opinión dos sindicatos, "por  intereses estritamente políticos". Ademais, a representación do persoal considera "intolerables" as formas que se empregaron, xa que "a interrupción dunha locución en directo debería ter unha seria xustificación".

O comité esixe "por enésima vez" a creación do Consello de Informativos e a posta en marcha do Estatuto Profesional, "ferramentas contra a manipulación informativa que obriga a crear desde o ano 2011 a lei que regula os medios públicos e que, de momento, o goberno galego e a dirección da CRTVG semellan non ter interese algún por habilitar". A representación do persoal felicita ademais a compañeira denunciante e "anima" outros profesionais da tele e a radio públicas a "acollerse ao protocolo, que amparará os informadores da CRTVG ata a erradicación da deleznable práctica manipuladora que lastra a credibilidade dos medios públicos e atenta contra a súa razón de ser".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.