A casa da Mantanza, en Padrón, na que viviu Rosalía de Castro, acolleu o acto, no que interviron Fina Casalderrei, que exerceu de mantedora, e Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega. Á entrega do Pedrón de Ouro acudiron ducias de persoas, entre elas moitos mestres que nas últimas tres décadas colaboraron nas actividades da entidade.
Entre os asistentes puido verse a Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Antón Costa, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Xulia Guntín, Martiño Noriega, Lourenzo Fernández Prieto, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Ferro Ruibal, Valentina Formoso, Narciso de Gabriel, Manuel Bragado, Francisco Fernández Rei ou Víctor Freixanes. O Pedrón de Ouro recoñece o seu traballo durante case tres décadas en defensa do ensino público, de calidade e en galego, nun proceso de renovación pedagóxica no que participaron ao longo dos anos milleiros de mestres.
Hai uns días Mariló Candedo, presidenta de NEG, dicía en Praza que "é unha noticia positiva, con todo o que está caendo" e engade que "dentro do proceso de desmantelamento dos servizo públicos, un dos seus obxectivos claros é o desmantelamento do ensino público. Polo tanto a concesión deste premio é unha grande oportunidade para reivindicar un modelo de ensino público que dea resposta ás necesidades da sociedade actual e tamén dende o punto de vista do país, do idioma e da cultura na que está asentada. É unha oportunidade de ver a educación doutra maneira". De igual xeito, Xosé Lastra, vicepresidente da entidade, salientaba que "cos tempos que corren, o feito de que a fundación Pedrón de Ouro se acorde de NEG é moi importante. Entendemos que é un recoñecemento non á NEG como organización, senón aos centos e milleiros de mestres que neste anos traballaron ou participaron nas actividades organizadas por Nova Escola Galega".