Nove anos despois, aínda non chegou a xustiza para José Couso

Praza da Paz José Couso, no barrio de Esteiro, en Ferrol Dominio Público Colexio de Xornalistas

O 8 de abril de 2003 morría José Couso a mans do exército de Estados Unidos de América. Nove anos despois, familiares e amigos seguen pedindo xustiza e a resolución dun caso con moitos puntos non explicados e #JusticiaparaCouso é trending topic en España e o vindeiro domingo está convocada unha concentración diante da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid.

A familia non baixa os brazos e segue procurando o esclarecemento dun caso no que seguen a denunciar que o asasinato de Couso "enmárcase dentro do ataque realizado pola IIIª División de Infantería Acorazada a mañá do 8 de abril de 2003, contra todas as sedes onde se aloxaba a prensa independente (Al Jazeera, Abhu Dabi TV e o Hotel Palestina), que causou a morte dos xornalistas Tareq Ayoub, Taras Proysiuck e José Couso e feridas a unha vintena máis". O Pentágono recoñeceu a autoría do ataque alegando que os soldados que dispararon contra o hotel estaban respondendo a fogo inimigo

A familia non baixa os brazos e segue procurando o esclarecemento do caso

A Asociación de irmáns, amigos e compañeiros de Couso traballa en impulsar a investigación sobre este caso e promove, xunto coa familia a querela que motiva a investigación xudicial que se está desenvolvendo na Audiencia Nacional e que "a pesar das trabas impostas por Goberno e Fiscalía", levou ao procesamento e posta en búsqueda e captura internacional do Tenente Coronel Philip DuCamp, do Capitán Phillip Wolford e do Sarxento Thomas Gibson, decidida polo xuíz Pedraz.

Como parte da filtración de documentos diplomáticos dos Estados Unidos realizada por WikiLeaks a finais de 2010 apareceron cabos da embaixada estadounidense en España que confirmarían as presións do embaixador Eduardo Aguirre e a connivencia do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (nas figuras do fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido e o fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza) na ocultación de delictos e na colaboración coas autoridades estadounidenses para impedir a investigación do asasinato.

O vindeiro domingo, día 15, está convocada unha concentración "contra a impunidade e o esquecemento" diante da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid

A sociedade tampouco esquece o caso, que cumpre un ano máis, e por exemplo este domingo pola mañá o hashtag #JusticiaparaCouso é trending topic en España. Ademais, o vindeiro domingo, día 15, está convocada unha concentración "contra a impunidade e o esquecemento" diante da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid no que intervirán Maribel Permuy, Luis García Montero, Isaac Rosa, o cantautor Luis Ramiro, ou os traballadores de Público en loita.

Cartaz da concentración Dominio Público Praza Pública
Praza da Paz José Couso, no barrio de Esteiro, en Ferrol Dominio Público Colexio de Xornalistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.