Nove cousas que podes cambiar este Nadal para non agredir o medio ambiente

ADEGA ofrece consellos para ter un nadal máis "verde" © ADEGA

"No Nadal xérase un gasto enerxético superior ao do resto do ano, prodúcese un maior consumo de produtos e increméntase substancialmente a cantidade de residuos", subliña ADEGA

Non o era en orixe, pero o nadal converteuse na festa consumista -e polo tanto insustentable- por excelencia. Compras, desprazamentos en coche, luces, xeración de residuos... Algúns excesos son inevitables, pero outros poden ser evitados a través do cambio de certos hábitos e mediante algún pequeno sacrificio, como lembra a organización ecoloxista ADEGA, que nos últimos anos editou o manual Por un Nadal máis verde e mais o folleto Reis Magos de costas ao Consumismo que incorporan consellos prácticos para ter un Nadal máis "eco-lóxico" e para que "o noso comportamento nestas festas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural nin a agravar o quecemento global".

"Non pretendemos ofrecer receitas máxicas: o que tentamos é suscitar debates sobre a importancia das nosas accións como cidadáns individuais ou pertencentes a unha unidade familiar. Cada persoa sabe mellor ca ninguén cales son as súas posibilidades e capacidades de actuación e ata onde pode chegar para manter a coherencia das ideas na vida cotiá", destaca a entidade na introdución do Manual por un Nadal máis verde.

ADEGA pide unha reflexión para facer un consumo máis responsable estas festas © ADEGA

"No Nadal xérase un gasto enerxético superior ao do resto do ano, prodúcese un maior consumo de produtos e increméntase substancialmente a cantidade de residuos", subliña ADEGA, que engade que "tamén é insustentable desde o punto de vista social, porque detrás de moitos dos produtos que mercamos e levamos ás nosas casas hai persoas que non gozan do Nadal e non se poden permitir moitas das cousas que elaboran e fabrican para nós".

Pregúntate se realmente o consumo que vas facer é importante, se o precisas ou satisfará algunha necesidade real, ou se pola contra só estás sendo unha vítima das festas

A entidade tamén chama a atención sobre os excesos en alimentación: "O actual modelo agro-industrial xoga coa comida: róuballa a quen a produce por soldos miserentos, lévaa de viaxe por todo o planeta, emprega a desexada e desfaise da que non precisa chamándolle excedentes", denuncia.

Para controlar e reducir algúns dos elementos máis negativos ADEGA ofrece unha serie de consellos prácticos:

  • Consumismo: Pregúntate se realmente o consumo que vas facer é importante, se o precisas ou satisfará algunha necesidade real, ou se pola contra só estás sendo unha vítima das festas. Pescuda se tes alternativas ecolóxicas, de comercio xusto ou artesanais na túa localidade
  • Agasallos: Un agasallo non ten que ser un obxecto, pode ser unha subscrición para unha entidade social ou medio de comunicación, ou un servizo emprestado por profesionais locais. De igual xeito, pode que para moitos dos teus amigos/as e parentes o mellor agasallo sexa compartir uns días contigo, o teu tempo e os teus coñecementos. E, así mesmo, tamén podes poñer en práctica as túas habilidades e crear os teus propios agasallos.

Tenta consumir produtos da localidade, frescos e de tempada. Evita os produtos excesivamente envasados e que veñan de lonxe

  • Xoguetes: Pensa nas necesidades reais do neno ou da nena a quen vas agasallar e lembra que o máis importante para eles é o xogo, non o xoguete. Foxe dos xoguetes bélicos e sexistas e opta por xoguetes artesanais, sen pilas, que estimulen a creatividade.
  • Animais: Os animais non son xoguetes. Agasallar ou facerse cunha mascota supón unha responsabilidade: antes de tomar esta decisión, valora ben o que implica. Cada ano, ao chegar o verán, moitos cans e outros animais son abandonados por non saber que facer con eles durante as vacacións. Curiosamente, a desgraza de moitos destes animais tivo a súa orixe no Nadal, datas nas que aumenta o "consumo" de mascotas.
  • Alimentación: Tenta consumir produtos da localidade, frescos e de tempada. Evita os produtos excesivamente envasados e que veñan de lonxe. Foxe especialmente de cultivos tropicais insustentables como os langostinos ou os ananás. Para os alimentos que non teñen produción local, opta polos de comercio xusto: cacao, especias, café... Planifica a compra e calcula ben a comida que vas precisar. Se tes algunha sobra conxélaa e aprovéitaa para outra ocasión.
  • Residuos: Envolve os agasallos con papeis reutilizados doutros anos. Evita os produtos de usar e tirar (panos de mesa, manteis, vasos ou pratos decorados con motivos de Nadal). Evita os produtos excesivamente empaquetados: sempre mellor a granel.
Exemplo de decoración de nadal feita con eucalipto © casaydiseno.com

Prescinde das luces da árbore e, se as pos, escólleas eficientes ou de baixo consumo e lembra apagalas pola noite ou cando ninguén estea presente

  • Árbores de Nadal: Evita cortar unha árbore para empregala só por uns días. En lugar diso, merca unha que poidas utilizar durante varios anos, aluga unha nun viveiro ou fabrica a túa propia árbore con materiais reciclados. Evita decorar con acivro, pois ten especial protección e cumpre un importante papel no ecosistema, e tamén prescinde de musgo ou liques para as decoracións
  • Transporte: Emprega o transporte público ou comparte o automóbil con familiares e amigos cando vaias a unha cea ou a un festexo.
  • Enerxía: Sé máis orixinal e prescinde das luces da árbore: hai mil e unha formas de decorala. Se aínda así decides poñerllas, escólleas eficientes ou de baixo consumo e lembra apagalas pola noite ou cando ninguén estea presente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.