Nove cruces pola memoria dos asasinados

Nove cruces pintadas na Volta dos Nove Dominio Público Praza Pública

Felicísimo, 44 anos e mariñeiro de Panxón. O Ghonda, 36 anos e labrador da Ramallosa. O Lijó de Corrubedo, mariñeiro en Bahíña. O Rei Quiquito, 47 anos e mariñeiro tamén de Panxón. Fidel, 51 anos, e mariñeiro de Baiona, coma O Pelonio, que contaba 45. O Ferreiro do Burgo, 30 anos e mecánico de Bahiña. Generoso, de 37, mariñeiro. E Manuel Aballe, outro mariñeiro. Estes son os nomes das nove persoas asasinadas polos fascistas en Baiona o 15 de outubro de 1936. Foi no lugar coñecido coma a Volta dos Nove, na curva da Bombardeira (Baredo - Baiona) 

Os seus restos foron exhumados por fin en 2009 e este domingo, coma todos os anos nestas datas, serán homenaxeados nese lugar, á altura do quilómetro 58 da estrada Baiona - Camposancos. A sinxela homenaxe consistirá nun momento de recollemento fronte ao monumento, obra do escultor Fernando Casás, unhas breves palabras do historiador Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), e unha ofrenda floral. Como parte da conmemoración deste 76 cabodano, días atrás, familiares e membros do IEM replantaron 45 loureiros na zona do monumento, en substitución dos orixinais afectados polas inclemencias do tempo.

Non cometeran máis delito que seren membros de sindicatos agrarios ou mariñeiros. Os nove asasinados foron sacados dos calabozos de Vigo en vinganza pola morte dun garda civil

Non cometeran máis delito que seren membros de sindicatos agrarios ou mariñeiros. Os nove asasinados foron sacados dos calabozos de Vigo en vinganza pola morte dun garda civil. Días antes da matanza, dous irmáns, un anarquista da CNT e outro sindicalista da UXT, vivían agochados dos falanxistas. O Cabo Pena da Garda Civil de Baiona xunto a dous gardas, Refojo e Paniagua, despois dun chivatazo, decidiron entrar na casa para detelos. Na disputa os irmán mataron o garda Refojo antes de ser asasinados. Pero o Cabo Pena e os falanxistas decidiron levar a cabo unha matanza para atemorizar o resto da poboación. Os falanxistas elaboraron unha lista cos nomes de nove afiliados a sindicatos labregos e mariñeiros que estaban presos nos calabozos.

Porén, dende entón cada 15 de outubro aparecían na Volta dos Nove outras tantas cruces, unha por cada executado. Os franquistas tentaron saber quen as pintaba pero cada ano volvían aparecer as nove cruce pintadas para lembrar o sucedido.

 

Nove cruces pintadas na Volta dos Nove Dominio Público Praza Pública
Foxa no cemiterio de Baiona cos restos dos nove asasinados Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.