Nunca Máis reactívase co xuízo do Prestige para berrar "contra a impunidade"

Trepat fala aos medios nunha rolda de Nunca Máis Dominio Público Praza Pública

"Claro que é moi posible que volva haber outro Prestige". Con esta contundencia, Xurxo Souto, un dos voceiros da plataforma Nunca Máis, deixou claros os riscos de que Galicia volva padecer unha catástrofe como a da que agora se cumprirán dez anos e que será xulgada o vindeiro día 16 na Coruña. Precisamente por iso, reactívase agora un movemento que protestará o mesmo día do xuízo para berrar "contra a impunidade" e agardando que se depuren todas as responsabilidades derivadas daquela desfeita.

Nunha rolda de prensa convocada na Coruña, os voceiros da plataforma recoñeceron algúns avances, como a existencia de máis barcos anticontaminación ou menos buques monocasco, pero destacaron sobre todo as eivas que aínda existen no país respecto á prevención e á actuación no caso dun accidente semellante. "Non hai control vía satélite do corredor con maior tráfico marítimo que é o de Fisterra, o que provoca continuos sentinazos, mentres as competencias de control marítimo seguen sen transferirse a Galicia e levándose a cabo desde Madrid", destacou Souto, que manifestou a "auténtica preocupación" de Nunca Máis ante a posibilidade "moi posible" de que outro Prestige afunda algún día nas costas galegas.

"Non hai control vía satélite do corredor marítimo e as competencias seguen sen ser transferidas a Galicia"

Ademais, Isabel Risco, outra das voceiras, destacou a importancia da plataforma e do movemento cidadá, que foron os que permitiron "os avances conseguidos" en materia de prevención e control, polo que chamou á poboación a que acuda á manifestación que se celebrará o vindeiro día 16, con motivo do comezo do xuízo, nas instalacións xudiciais "improvisadas" de Expocoruña a partir das 11 da mañá. Tanto Risco como Souto cualificaron de "heroes" os dous avogados de Nunca Máis, Pedro Trepat e Miguel Ángel Fernández, presentes tamén na comparecencia.

Os avogados de Nunca Máis advirten de que a "dilación indebida" do xuízo beneficiará os imputados, xa que será "un atenuante de culpabilidade"

O primeiro deles destacou que "é un alivio" que por fin se celebre o xuízo, pero incidiu tamén no feito de que "estatiscamente claro que pode haber outra accidente semellante". Ademais, fixo fincapé no feito de que a "dilación indebida" da xuízo, case dez anos despois, será "un atenuante de culpabilidade" que será "con toda seguridade" empregado polos imputados e que tamén lles "reducirá a pena" de houbela.

Para Trepat, á marxe das mellores técnicas e de prevención, o que si queda claro é que "de producírense novas desgrazas, os responsables políticos non marcharía de cacería nin tomarían decisións oportunistas ou caprichosas, senón que se basearían en expertos e xente coñecedora do mar". "Isto tamén é grazas a Nunca Máis", engade.

Ademais, e respecto á presenza do ex ministro Álvarez Cascos no xuízo, Trepat aclara que López Sors, o que era director xeral da Mariña Mercante, "asumiu todas as decisións", aínda que di ter "o convencemento" de que "estaba sacrificando a súa cabeza" en favor de superiores como o ex titular de Fomento.

En canto ás informacións da prensa que desvelan as intencións de varios cargos de abrigar o Prestige na Coruña, os avogados cren que a conversa feita pública "é moi reveladora" e "dará moito xogo" ao deixar claro que había máis opcións que a decidida finalmente de afastar o buque e que acabou provocando unha enorme catástrofe medioambiental.

"O porto exterior da Coruña non é porto refuxio nin seguro para meter buques en perigo alí", di o patrón maior da confraría

Así, o patrón maior da confraría da Coruña, Manuel Cao, asegura que el "non metería o buque na Coruña" e destacou tamén que o porto exterior de punta Langosteira, vendido naquela época como porto refuxio, "non é tal". "Non é seguro para meter un barco así", asegurou, logo de advertir de que "se hai unha alarma como a do Prestige dentro de dúas horas, os mariñeiros seguirían sen ter os medios necesarios para deter o vertido".

Nunca Máis lembra que Rajoy e Feijóo, daquela ministro e vicepresidente, gobernan agora os galegos

Preguntados pola coincidencia do xuízo e das manifestacións coa campaña electoral, os voceiros aseguraron que non tiñan "culpa" de que se fixase esa data e advertiron do feito de que dous dos xefes de executivos dos que na actualidade dependen os galegos tivesen na época do Prestige altas responsabilidades. "A persoa que invoca agora á seriedade e ao bo facer é o mesmo que se gañou o alcume do señor de los hilillos polas súas declaracións", dixo Xurxo Souto, en referencia a Rajoy, tras lembrar tamén que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, era daquela vicepresidente con Manuel Fraga.

"Nós sabemos perfectamente quen é Rajoy e sabemos tamén ben que farían el e Feijóo se tivesen que volver actuar", aseguraron, tras negar que a manifestación convocada para cinco días antes dos comicios poida influír no resultado electoral.

 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.