O 80% dos concellos da provincia de Pontevedra carecen de servizo de normalización lingüística

Presentación da auditoría lingüística da Mesa sobre Pontevedra © A Mesa

O 80% dos concellos da provincia de Pontevedra non dispoñen nin de servizo de normalización lingüística nin de técnicos de normalización. Esa é unha das conclusións que se tira da auditoría lingüística que A Mesa realizou para a Deputación e nas que se examina a dispoñibilidade do galego nos 61 municipios do territorio. Segundo o estudo, tan só unha ducia de administracións locais contan con servizo e técnico de normalización, aínda que 34 están na Rede de Dinamización Lingüística e, xa que logo, participan das actividades que neste ámbito organiza a Xunta. 

Tan só unha ducia de concellos conta con servizo de normalización, aínda que 34 están na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta

Este é un dos "puntos negativos" dun traballo realizado a principios do pasado ano 2017 e nos que A Mesa examina o "grao de cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos" a través de cuestións básicas como os idiomas dispoñíbeis nas páxinas webs, nas redes sociais, nos teléfonos de atención cidadá, a dispoñibilidade de servizos e/ou persoal técnico de normalización, o uso do galego nas actas dos plenos, bandos e impresos de trámites, na banca electrónica ou no apartado de turismo.

As conclusións da auditoría foron presentadas este mércores por Marcos Maceira, presidente da Mesa, e por Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua na III Xornada de Normalización Lingüística da Deputación.

"Os concellos van avanzando na normalización do galego pero queda por avanzar na implantación dos servizos"

O presidente da entidade en defensa da normalización considera que, “en xeral, os concellos van avanzando na normalización do galego e adoitan ofrecer a maior parte da atención en lingua galega, pero advertiu tamén de que "aínda queda por avanzar en implantación de servizos de normalización", así como naqueles "servizos municipais que se ofrecen a través de empresas externas como a banca electrónica, por exemplo”.

“Cómpre que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística, con actuacións transversais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza”. Desde a Deputación, pola súa banda, lembran que este documento non só lles permitirá "levar a cabo a planificación lingüística axeitada", senón que ademais axudaraos a "deseñar novas fórmulas coas que normalizar por completo o uso do galego nas institucións públicas”.

“Cómpre que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística"

Ademais da precariedade en canto a servizos de normalización nos concellos da provincia de Pontevedra, A Mesa tamén repara nas eivas na prestación de servizos municipais a través de empresas externas, como a banca electrónica ou as concesionarias do servizo de augas. No caso do primeiro, as persoas usuarias "só teñen a opción de utilizar o galego se a entidade bancaria que colabora neste servizo dispón desa opción lingüística". Así, quen empregue as plataformas de pagamento de Abanca, Sabadell-Gallego e Caixabank poderá elixir realizar as súas xestións tributarias en galego, pero non así quen opte por BBVA, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Santander, Ibercaja Duero ou Novo Banco. "Os concellos e a Deputación deben actuar para que os bancos, empresas de concesión de servizo de augas e outros cos que traballan ofrezan a posibilidade de uso do galego en trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas…”, asegurou Maceira.

A Mesa destaca que a posiblidade de uso do galego nos servizos a través de empresas externas depende só da vontade de cada firma

En canto ao servizo de augas, ofrecen atención en galego Aqualia, Viaqua e Consorcio de Augas do Louro, mentres que Gestagua e Espina y Delfín só permiten o español. Sobre esta situación, Marcos Maceira considera que “é responsabilidade dos concellos demandarlle a estas empresas que ofrezan os servizos subcontratados en idioma galego, para garantirlle á súa veciñanza que poidan acceder a estes servizos no noso idioma”.

“É responsabilidade dos concellos demandarlleás empresas que ofrezan os servizos subcontratados en idioma galego"

Na parte positiva, o informe céntrase na atención cidadá telefónica e na páxina web, xa que o galego figura como a opción máis consolidada. Na atención telefónica, as mensaxes de inicio para remitir ás diferentes áreas de cada concello están gravadas en galego e, nos casos nos que se lle ofrece á persoa usuaria a posibilidade de elixir entre o galego e o español, sitúan a elección do galego en primeiro lugar.

Por último e alén da auditoría, A Mesa detectou un "amplo uso do castelán por cargos públicos no exercicio das súas funcións" e advertiu tamén de "casos graves" onde declaracións feitas en galego nos medios aparecen traducidas ao castelán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.